DECRETO 230/2011, do 7 de decembro, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

Como consecuencia do novo marco departamental derivado do Decreto 79/2009, do 19 de abril, e do Decreto 83/2009, do 21 de abril, que fixaron a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e os seus departamentos, respectivamente, dentro do compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Xunta de Galicia, o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cara á necesaria execución das competencias atribuídas a esta consellería.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA), recolle con carácter xeral as competencias dos distintos tipos de órganos que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma, polo que o desenvolvemento e a execución das competencias atribuídas aos diferentes órganos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aconsella introducir modificacións na devandita estrutura, coa finalidade de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa consonte os principios de economía, optimización de recursos e racionalización na xestión pública. A nova ordenación non comporta incremento de gasto.

Pola súa banda, o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, derroga o Decreto 83/2009, do 21 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e adapta a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia á nova regulación establecida pola LOFAXGA.

En consecuencia, cómpre plasmar as modificacións introducidas na Administración xeral da Xunta de Galicia nas diferentes estruturas orgánicas de cada ámbito sectorial correspondente.

No ámbito das competencias dos diferentes órganos dos servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral Técnica, por unha banda, por aplicación da LOFAXGA, adapta a súa denominación á que introduce aquela lei en substitución de Secretaría Xeral e, por outra, reorganiza as funcións atribuídas aos diferentes órganos de dirección e unidades administrativas dependentes dela, coa finalidade de facer fronte ás competencias atribuídas con maior eficacia e eficiencia na xestión pública.

Na reformulación de funcións dos órganos de dirección e unidades administrativas que dependen organicamente da Secretaría Xeral Técnica cobra especial importancia a necesidade de desdobrar as funcións do Servizo de Recursos Educativos Complementarios, que depende funcionalmente da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios, en dúas unidades administrativas con nivel orgánico de xefatura de servizo, en consideración ao volume de traballo que concentra e aos recursos orzamentarios que na actualidade xestiona.

O desdobramento de funcións da unidade administrativa referida no parágrafo anterior implica unha reestruturación das súas funcións e, así mesmo, a supresión daquel servizo, para crear, no seu lugar dúas unidades administrativas.

Polo que se refire á Secretaría Xeral de Universidades, en coherencia co Decreto 89/2011, do 31 de marzo, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, procede incorporar no marco normativo orgánico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as modificacións introducidas no ámbito da I+D+i da Xunta de Galicia, de modo que as competencias en materia de investigación universitaria se inclúen na Secretaría Xeral de Universidades, sen prexuízo das competencias que no futuro asuma de acordo cos seus estatutos a Axencia Galega de Innovación, cuxa creación está prevista na disposición adicional segunda da LOFAXGA.

No ámbito funcional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e dentro da Subdirección Xeral de Política Lingüística, incorpórase unha nova función e, por mor do volume de competencias que esta ten encomendada, considérase necesario reforzala coa creación dunha unidade administrativa con nivel orgánico de servizo dependente dela, que se denomina Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

No ámbito periférico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a LOFAXGA tamén introduciu modificacións que afectan a denominación das unidades administrativas integradas nas correspondentes delegacións territoriais da Xunta de Galicia creadas polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, con dependencia orgánica e funcional das consellerías que correspondan por razón da materia, e que son as correspondentes xefaturas territoriais.

No exercicio das competencias da Administración periférica da Xunta de Galicia en que se integran as xefaturas territoriais, tendo en conta a necesaria cualificación para o desenvolvemento de determinadas funcións, cómpre contar con unidades administrativas, con nivel orgánico de xefaturas de servizos que desempeñen, baixo a dirección do/da xefe/a territorial, funcións de carácter transversal de apoio xurídico e técnico-administrativo en relación coas materias atribuídas á competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no respectivo ámbito territorial.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único Modificación do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, queda redactado como segue:

Un. Modifícanse o punto primeiro e os subpuntos 1.1, 1.2 do artigo 4, engádase un subpunto 1.2 bis no punto primeiro do artigo 4. Secretaría Xeral Técnica, Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Educativos Complementarios.

Punto primeiro do artigo 4. Modifícanse as funcións da Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Económicos Complementarios, que serán as seguintes:

Correspóndelle á Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e de Recursos Económicos Complementarios exercer as seguintes competencias:

– Programación e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control.

– Xestión das modificacións orzamentarias.

– Xestión e a elaboración de plans e proxectos normativos en materia de transporte, comedores e cafetarías escolares.

– A supervisión e control dos recursos educativos complementarios en colaboración coa Inspección Educativa da consellería.

– As funcións regulamentariamente establecidas sobre prevención de riscos laborais en relación co persoal da Xunta de Galicia que presta os seus servizos nos centros docentes dependentes da consellería.

– Coordinación das funcións que lles corresponden ás xefaturas territoriais da consellería en materia de bolsas e axudas ao estudo destinadas ao alumnado de ensino non universitario dependente desta consellería.

– Tramitación dos expedientes relativos ás publicacións da consellería ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.

– Calquera outra función análoga que lle sexa encomendada

.

Subpunto 1.1. Engádense dúas novas funcións ao Servizo de Xestión Orzamentaria:

– Exercer as funcións que competan ao administrador do Mupega, nos termos establecidos no decreto de creación deste.

– Aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da consellería.

Subpunto 1.2. Suprímese no subpunto 1.2 do artigo 4 o Servizo de Recursos Educativos Complementarios e no seu lugar créase o Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios.

Ao Servizo de Xestión do Transporte...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR