DECRETO 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

Múltiples focos de emisións sonoras inflúen sobre a vida diaria da cidadanía polo que o ruído ambiental pasou a ter a consideración de elemento perturbador do benestar e calidade de vida, sendo, por tanto, necesaria a actuación contra e fronte a el, actuación que se atopa amparada nos mandatos constitucionais de protexer a saúde pública e o ambiente (artigos 43 e 45 da Constitución española).

A Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, efectuou a transposición ao dereito interno español da Directiva 2002/49/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de xuño de 2002, sobre avaliación e xestión do ruído ambiental. A devandita lei foi desenvolvida por dous reais decretos: o Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á avaliación e xestión do ruído ambiental, e o Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas. Esta normativa estatal, de carácter básico, supuxo a plasmación no noso ordenamento xurídico do tratamento moderno da contaminación acústica.

Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras na regulación da contaminación acústica mediante a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, e Decreto 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica, pero a entrada en vigor da mencionada normativa europea e estatal supuxo que a dita regulación autonómica quedase desfasada na súa meirande parte, o que conduciu á súa derrogación mediante a Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Mediante a Lei 12/2011, do 26 de decembro, o Parlamento de Galicia sinalou que no prazo dun ano a Xunta de Galicia debería aprobar un decreto en que se incorporase ao dereito autonómico a normativa europea e estatal básica en materia de contaminación acústica e se establecesen as normas adicionais de protección oportunas, sendo especificamente o obxectivo do presente decreto desenvolver a dita normativa e, por tanto, regular as medidas necesarias para previr, vixiar e corrixir a contaminación acústica, para evitar e reducir os danos que desta poden derivar para a saúde humana, os bens ou o ambiente, así como regular as actuacións específicas en materia de ruído e vibracións no ámbito territorial da nosa comunidade autónoma.

O presente decreto consta de doce artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e un anexo.

Os tres primeiros artigos refírense ao obxecto e ao ámbito de aplicación da norma así como ás competencias da Administración autonómica e das entidades locais en materia de contaminación acústica.

O artigo 4 procura a homoxeneización da información que se porá á disposición da cidadanía nesta materia.

A seguir regúlanse aspectos mínimos que deben ser tidos en conta para a avaliación da contaminación acústica, como son a zonificación acústica, a calidade acústica en infraestruturas de carácter autonómico ou local, a posible suspensión dos obxectivos de calidade acústica e a delimitación de aglomeracións de ámbito supramunicipal.

O artigo 9 introduce a exixencia de que a consellería competente en materia de ambiente aprobe unha proposta de ordenanza que poderá ser de aplicación nos concellos que así o acorden a través dos trámites previstos pola lexislación de réxime local.

Os artigos 10, 11 e 12 e o anexo refírense a aspectos técnicos da avaliación acústica a unificar para todo o territorio galego, como son o illamento acústico de edificacións, o desenvolvemento de actividades en edificacións e as competencias técnicas que deberán acreditar as empresas para a avaliación da contaminación acústica.

A disposición adicional atribúelle á consellería competente en materia de ambiente a aprobación dunha proposta de ordenanza contra a contaminación acústica no prazo máximo de nove meses desde a súa entrada en vigor.

As disposicións transitorias establecen o prazo para acreditación do ensaio interlaboratorio e o réxime transitorio aplicable a solicitudes ou comunicacións así como ao desenvolvemento de actividades.

A disposición derrogatoria declara derrogadas cantas disposicións anteriores de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

A disposición derradeira establece a data de entrada en vigor.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería con competencia en materia de medio ambiente, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xullo de dous mil quince.

DISPOÑO:

Artigo 1 Obxecto
  1. O presente decreto ten por obxecto o establecemento de normas para previr, vixiar e reducir a contaminación acústica na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de ruído, constituída pola Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polas súas normas regulamentarias de desenvolvemento, atendendo ás remisións que a dita normativa efectúa con respecto á autonómica, aclarando e complementando a dita normativa básica naqueles aspectos que o precisen e establecendo normas adicionais de protección.

  2. A interpretación e aplicación deste decreto aterase ás definicións recollidas na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 2 Ámbito de aplicación
  1. De conformidade coas definicións establecidas polo artigo 3 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, este decreto será de aplicación aos emisores acústicos, considerando como tales as actividades, infraestruturas, equipamento, maquinaria ou comportamentos, públicos ou privados, que xeren contaminación acústica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como ás edificacións, na súa condición de receptores acústicos, que estean situadas no devandito territorio.

  2. De conformidade co artigo 2.2 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, quedan excluídos do citado ámbito de aplicación:

  1. As actividades domésticas e os comportamentos dos veciños, cando a contaminación acústica producida por aqueles se manteña dentro de límites tolerables de conformidade coas ordenanzas municipais e os usos locais.

  2. As actividades militares, que se rexerán pola súa lexislación específica.

  3. A actividade laboral, respecto da contaminación acústica producida por esta no correspondente lugar de traballo, que se rexerá polo disposto na lexislación laboral.

Artigo 3 Competencias
  1. No ámbito de aplicación do presente decreto, e sen prexuízo das competencias que correspondan ao Estado, a consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de ambiente exercerá as seguintes competencias:

    1. Elaboración, tramitación, aprobación e revisión dos mapas de ruído e plans de acción en materia de contaminación acústica correspondentes ás aglomeracións de ámbito supramunicipal mencionadas na letra b) deste punto e ás áreas acústicas onde se comprobe o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica se estas abranguen territorio de máis dun concello.

    2. Delimitación de aglomeracións de ámbito supramunicipal, para efectos de constituír o ámbito dun mapa de ruído, de acordo co procedemento establecido no artigo 8.

    3. Delimitación de zonas tranquilas nas aglomeracións ou en campo aberto e zonas de servidume acústica, e establecemento das limitacións derivadas dela, cando os mapas de ruído sexan da súa competencia.

    4. Xestión e subministración da información sobre a contaminación...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR