DECRETO 11/2016, do 28 de xaneiro, polo que se regula a incorporación das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e a súa integración na rede corporativa da Xunta de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

O uso xeneralizado das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración pública está redundando nun notable incremento da súa eficiencia e eficacia. Como consecuencia natural da aplicación intensiva das novas tecnoloxías, a dispoñibilidade e calidade dos recursos de comunicacións converteuse nun elemento crucial dentro da actividade das organizacións, abrindo inmensas perspectivas de relación entre as administracións e a cidadanía, e constitúe unha ferramenta fundamental para ofrecer un servizo de calidade e inmediato.

No caso particular da Administración pública, os recursos de comunicacións son peza angular para a consecución dos obxectivos de servizo público que ten encomendados, o que fai necesario un despregamento tecnolóxico xeneralizado no ámbito do traballo, é dicir, nos edificios e conxuntos de inmobles en que desenvolve a súa actividade a Administración, os cales deberán dotarse dunha infraestrutura de telecomunicacións que ofreza o soporte axeitado para as comunicacións internas e o acceso aos servizos ofrecidos polos operadores de telecomunicacións.

Neste senso, a Directiva 2014/61/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativa a medidas para reducir o custo do despregamento das redes de comunicacións electrónicas de alta velocidade, obriga, a partir do 31 de decembro de 2016, a que todo edificio de nova construción na situación de usuario final estea equipado cunha infraestrutura física no interior do edificio adaptada á alta velocidade ata os puntos de terminación da rede, e a mesma obriga se aplica no caso de obras de renovación en profundidade.

Tamén debe subliñarse que o sector público é o principal depositario de contidos e, por iso, adquiren particular relevancia os mecanismos que permitan facer efectivo o acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos. Neste senso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia non poden quedar alleas á realidade de que internet é chave na nova forma de relacionarse coa Administración sen restricións de horarios ou distancias, e contribúe a acadar unha Administración máis transparente, participativa e próxima á cidadanía.

Por outra banda, a natural exixencia dunha aplicación segura destas tecnoloxías ven de reforzarse mediante a elaboración do Esquema nacional de seguridade, previsto na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. As administracións públicas deben aplicar o dito esquema para garantir a seguridade dos sistemas, dos datos, das comunicacións e dos servizos electrónicos adoptando as medidas necesarias.

Ademais, tendo en conta a situación actual, é, mais ca nunca, imprescindible optimizar os recursos dispoñibles, tanto os referidos ao investimento en novas iniciativas como os que permitan un aforro de custos para manter ou mellorar o nivel de servizo actual, á vez que se acada unha maior eficiencia e sustentabilidade na prestación dos servizos públicos.

A Administración autonómica dispón dunha rede de acceso con protocolo de rede IP que integra voz e datos nas súas principais dependencias, con nodos e centrais telefónicas da súa propiedade: a denominada rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG), que proporciona servizos de datos, internet, telefonía fixa e telefonía móbil aos diferentes órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e a todas aquelas entidades que se integren na rede corporativa logo de acordo coa Administración autonómica.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións, é a entidade pública instrumental responsable da xestión desta rede corporativa e máis da planificación, implantación e xestión da infraestrutura de telecomunicacións da Xunta de Galicia, e é responsable da súa evolución e optimización técnica.

Por estes motivos, co obxecto de promover o uso xeneralizado e intensivo das novas tecnoloxías na Administración pública para a prestación dos servizos públicos da súa competencia, está previsto no artigo 9 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que se determinen regulamentariamente as infraestruturas de telecomunicacións que se deberán incorporar aos edificios de titularidade das administracións públicas de Galicia que se constrúan ou que sexan obxecto dunha reforma substancial, ademais de contemplar a necesidade de interconexión á rede pública de comunicacións electrónicas como premisa na planificación da construción de edificios ou inmobles públicos.

De igual xeito, este decreto aborda, pola súa conexión con esta materia, a regulación dos supostos de obras que non teñen o carácter de nova construción nin de reforma substancial, así como o informe técnico preciso para a integración dunha dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia.

Así, por medio deste desenvolvemento normativo, a Xunta de Galicia establece o réxime e as condicións para a incorporación de infraestruturas de telecomunicacións no interior dos edificios e conxuntos inmobiliarios en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia co fin de que estas infraestruturas ofrezan un axeitado nivel de calidade e fiabilidade, implantación e verificación, con base en dous enfoques principais:

En primeiro lugar, no caso de edificacións de nova construción e reformas substanciais, o deseño arquitectónico dos inmobles deberá respectar como prescricións técnicas as que se describan na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións prevista neste decreto e que serán relativas á inclusión de infraestruturas de obra civil e elementos construtivos suficientes para soportar os sistemas de telecomunicacións. Iso evitará a necesidade de realizar obras de adaptación posterior para adecuar os elementos construtivos do inmoble, tales como salas, rexistros e canalizacións, aos requirimentos do sistema de cableado.

En segundo lugar, calquera proxecto de implantación de infraestruturas de telecomunicacións en inmobles incluídos no ámbito de aplicación do decreto, deberá respectar as prescricións de deseño, instalación e verificación que se recollerán na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións, como garantía de calidade e fiabilidade das infraestruturas despregadas.

A finalidade das determinacións e prescricións técnicas que se recollen neste regulamento e na Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións é racionalizar e homoxeneizar a calidade das instalacións para aumentar a dispoñibilidade dos servizos, reducindo os tempos de resolución das avarías, e optimizar os custos asociados á instalación das infraestruturas de comunicacións, aproveitando ao máximo os recursos, eliminando os elementos innecesarios e minimizando os custos previstos por modificacións ou ampliacións.

No que se refire á estrutura do decreto, divídese en 3 títulos referidos ás disposicións xerais; á incorporación de infraestruturas de telecomunicacións no interior de edificacións en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e ás entidades instrumentais do sector público autonómico e aos requirimentos técnicos para a integración dunha dependencia na rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG).

O título I é o relativo ás disposicións xerais. Estas ocúpanse de establecer o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e o organismo competente para a emisión dos informes establecidos no decreto. De igual xeito, prevese a aprobación da Guía de especificacións das infraestruturas de telecomunicacións na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e disponse que todos os procedementos de comunicación recollidos no decreto deberán tramitarse de forma electrónica.

O título II refírese á implantación de infraestruturas de telecomunicacións no interior de edificacións en que desenvolven a súa actividade a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia e regula a solicitude e a emisión dos informes técnicos necesarios, así como as comunicacións entre o órgano de contratación e o competente en materia de telecomunicacións.

O título III regula os procedementos de emisión do informe técnico necesario para a integración de dependencias administrativas na rede corporativa da Xunta de Galicia.

O disposto neste decreto enténdese sen prexuízo do disposto no Real decreto 346/2011, do 11 de marzo, polo que se aproba o...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR