DECRETO 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e se aproban os seus estatutos.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

O artigo 51 da Constitución de 1978 establece que os poderes públicos garantirán a defensa das persoas consumidoras e usuarias, protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos destas e que promoverán a información e a educación das persoas consumidoras e usuarias, fomentarán as súas organizacións e oirán estas nas cuestións que poidan afectar aqueles, nos termos que a lei estableza.

Pola súa banda, no artigo 38 da Constitución recoñécese o sistema de libre empresa no marco da economía de mercado e precisa que os poderes públicos protexerán o seu exercicio.

A vinculación das competencias entre a defensa do consumidor e a defensa da competencia recollíanse xa na Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia, ao indicar que a competencia é un elemento básico para o avance das economías de mercado modernas. O seu estímulo ocasiona unha mellor asignación de recursos e favorece as forzas dinámicas do mercado, de modo que se fortalece a eficiencia económica e aumenta o benestar das persoas consumidoras e usuarias de bens e servizos. En última instancia, a competencia induce a unha maior produtividade e competitividade do tecido económico e, polo tanto, a un maior desenvolvemento económico e social.

No ámbito da Unión Europea, o Tratado constitutivo da Unión Europea establece no seu artigo 4 que os Estados membros instaurarán unha política económica que debe aplicarse respectando o principio dunha economía de mercado aberta e de libre competencia, e nos artigos do 81 ao 89 considéranse as liñas básicas do sistema de defensa da competencia que se aplica na Comunidade Europea.

Esta vinculación das competencias entre a defensa do consumidor e o funcionamento do mercado interior a nivel europeo ponse de manifesto en diferentes normas. Poden citarse, a título de exemplo, as consideracións 3 e 4 da Directiva 2011/83/EU, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro, sobre os dereitos dos consumidores, onde se indica que o artigo 169, número 1 e número 2, letra a), do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE) establecen que a Unión contribuirá a que se alcance un alto nivel de protección dos consumidores mediante as medidas que adopte en virtude do seu artigo 114 e que, segundo o artigo 26, número 2 do TFUE, o mercado interior debe comprender un espazo sen fronteiras interiores no cal están garantidas a libre circulación de mercadorías e servizos e a liberdade de establecemento.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.I.4, outorga competencias exclusivas sobre comercio interior e defensa do consumidor e do usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre defensa da competencia.

Como consecuencia desa competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e do usuario, por medio da Lei 8/1994, do 30 de decembro, creouse o Instituto Galego de Consumo, que exerce no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as devanditas competencias de defensa do consumidor, ratificado na disposición adicional segunda da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

En canto ás competencias da Comunidade Autónoma en materia de defensa da competencia, estas derivan da Sentenza do Tribunal Constitucional do 11 de novembro de 1999, que recoñece de modo explícito a competencia executiva das comunidades autónomas con competencias en materia de comercio interior para aplicar no seu territorio as normas de defensa da competencia no que se refire ás condutas que teñan ou poidan ter efectos restritivos sobre a libre concorrencia nos mercados. Esa sentenza tivo a súa plasmación normativa na Lei 1/2002, do 21 de febreiro, de coordinación das competencias do Estado e das comunidades autónomas en materia de defensa da competencia, na cal se estableceron os mecanismos procedementais para que as comunidades autónomas puidesen exercer esas competencias executivas, así como os puntos de conexión na repartición de expedientes coas institucións do Estado nesta materia.

Facendo uso desas competencias promulgouse a Lei 6/2004, do 12 de xullo, reguladora dos órganos de defensa da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi substituída pola Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia.

Partindo desta situación organizativa, a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu artigo 38, autoriza a creación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia como organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de consumo, que terá como fins xerais e obxectivos básicos a defensa, protección, promoción e información dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a garantía, promoción e preservación dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na perspectiva de conseguir a máxima eficiencia económica e a protección e o aumento do benestar dos consumidores e consumidoras.

Tendo en conta esta autorización, a través do presente decreto procédese á creación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á aprobación dos seus estatutos.

Na súa virtude, por proposta conxunta do conselleiro de Facenda e do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de agosto de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único Creación e aprobación de estatutos

En virtude da autorización contida no artigo 38 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, créase o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e apróbanse os seus estatutos, cuxo texto se inclúe a seguir.

Disposición adicional primeira. Integración do Instituto Galego de Consumo e o Consello Galego da Competencia

  1. O Instituto Galego de Consumo e o Consello Galego da Competencia quedan integrados dentro do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que, de acordo co establecido no número 2 do artigo 38 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade corresponden ao Instituto Galego de Consumo e ao Consello Galego da Competencia, que se suprimirán no momento da súa entrada en funcionamento, sen que supoña incremento ningún de gasto público.

  2. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriban e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a súa posta en funcionamento.

    Disposición adicional segunda. Persoal

  3. De acordo co establecido na disposición anterior, o persoal funcionario de carreira e o laboral fixo que preste os seus servizos no Instituto Galego de Consumo e no Consello Galego da Competencia pasará a desempeñar postos de traballo no Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a prestar servizos nel como persoal funcionario, na mesma situación en que se encontraba, ou como persoal laboral destinado no instituto, con efectos desde a data da súa entrada en funcionamento e con recoñecemento da súa antigüidade e de todos os seus dereitos adquiridos e que poidan corresponderlles.

    Ao persoal a que se refire o parágrafo anterior recoñéceselle no Instituto Galego do Consumo e da Competencia o tempo e a situación en que permaneza nela para os efectos de antigüidade, carreira profesional e demais dereitos inherentes á súa condición, de conformidade co que se estableza na normativa aplicable para cada persoal e sen que isto supoña diferenzas...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR