DECRETO 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

I

O Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade establece no artigo 1 o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade e atribúe a maior efectividade posible, no seu eido de competencias, ao principio constitucional de igualdade de oportunidades entre as persoas de ambos os sexos, de conformidade coas obrigas impostas aos poderes públicos de Galicia no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia. Entre estas obrigas figura a de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade da persoa e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, así como remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude. Tamén establece o citado decreto lexislativo no artigo 5.2 que un dos criterios xerais de actuación da Xunta de Galicia para a aplicación do principio de transversalidade é o fomento da colaboración entre os diversos suxeitos implicados na igualdade de oportunidades, entre os cales menciona os suxeitos públicos de ámbito local.

O Decreto 182/2004, do 22 de xullo, polo que se regulan os centros de información ás mulleres e se establecen os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, que agora se derroga coa aprobación deste decreto, creou un marco de regulación e acreditación destes centros para os efectos de poder ser beneficiarios da actividade de fomento da Xunta de Galicia, e configurounos como un servizo de titularidade da Administración local.

No período de tempo transcorrido desde a entrada en vigor do citado Decreto 182/2004, os centros de información ás mulleres (en diante CIM) reveláronse como instrumentos dunha importancia decisiva no ámbito local na promoción da igualdade de xénero grazas ás actividades que desenvolven e, por outra parte, prestaron unha atención inestimable ás persoas que demandaron o servizo, principalmente nos ámbitos xurídico, psicolóxico e de información de acceso aos recursos dispoñibles. Dentro da atención prestada merece destacar especialmente a das mulleres en situación de vulnerabilidade por diversos motivos e, en concreto, o servizo prestado a mulleres que foron vítimas de violencia de xénero ou que se atopaban en risco de seren potenciais sufridoras desa situación. Deste xeito os CIM convertéronse en ferramentas decisivas na prevención, detección, tratamento e loita en xeral contra esta praga social desde unha relación de proximidade e atención directa.

Os cambios na realidade social producidos durante a vixencia do anterior decreto, a experiencia da xestión cotiá dos procedementos de recoñecemento e acreditación e de extinción do recoñecemento e as modificacións normativas operadas, fan aconsellables nuns casos, e exixen directamente noutros, a modificación dos requisitos para a acreditación dos CIM.

II

Este decreto configura os CIM como un conxunto de recursos das entidades locais, desde os cales se articula unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Os CIM atenderán todas as mulleres que o demanden, así como calquera persoa, sexa home ou muller, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero.

Na redacción dos contidos deste decreto tivéronse en conta as achegas das entidades locais e, en concreto, do persoal dos CIM, que foron recollidas, por unha parte, durante os anos de relación na xestión administrativa entre estes centros e o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e, por outra, nos tramites de audiencia e de información pública abertos durante a tramitación deste decreto.

Entre as principais novidades que establece este decreto respecto ao que se derroga destacan as seguintes:

– Establécese o carácter prioritario dentro da acción dos CIM das actividades de prevención, información, asesoramento e loita en xeral contra a violencia de xénero, así como a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais, a atención poderase estender ás fillas e fillos e ás persoas menores ou maiores dependentes delas coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce nestas persoas.

– Tamén será prioritaria a atención a mulleres pertencentes a outros colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social.

– A Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia establece no artigo 8 que se apoiará un servizo de información, atención e asesoramento a lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais e ás súas familias e persoas achegadas, en colaboración cos gobernos locais. Neste sentido considérase adecuado utilizar a rede dos CIM con este obxectivo, xa que conta con persoal especializado nos ámbitos xurídico e psicolóxico e con experiencia na información no acceso aos diversos recursos dispoñibles.

– Establécese o principio de atención universal no ámbito territorial de prestación dos servizos dos CIM con independencia do concello de procedencia da persoa atendida, se ben, co obxecto de fomentar unha repartición máis xusta da carga económica e loxística de xestión dos CIM, establécese o recoñecemento explícito da posibilidade de formalizar convenios de colaboración entre as entidades locais e inclúese un mecanismo excepcional polo que as entidades interesadas poderían quedar exentas da atención a persoas procedentes de entidades locais que negasen reiteradamente a súa colaboración ao respecto.

– Establécese unha maior concreción nos requisitos funcionais, materiais e persoais con que deben contar os CIM, achegando así unha maior seguridade xurídica. Entre outras novidades neste aspecto, concrétase o número de horas de formación necesarias en materia de igualdade ou valórase como experiencia o traballo de voluntariado desenvolvido nesta materia en organismos públicos ou en entidades sen ánimo de lucro. Tamén se recoñece a posibilidade de desprazamentos fóra das instalacións do CIM para a prestación dos servizos propios dos centros, que se computarán como horas de traballo efectivo.

– Desenvólvense e concrétanse os procedementos de recoñecemento e acreditación, modificación e extinción do recoñecemento dos CIM solucionando algunhas eivas detectadas na xestión cotiá dos procedementos.

– Créase a Rede CIM como un instrumento de colaboración e compartimento de información entre os CIM, na cal tamén participará o órgano competente en materia de igualdade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, principalmente cunha función de soporte e coordinación.

– Recoñécese o dereito de queixa sobre o funcionamento dun CIM que afecte os requisitos de funcionamento establecidos neste decreto, coa obriga de contestación á persoa interesada.

Ademais, froito das modificacións lexislativas que tiveron lugar no ano 2015, relativas á consideración das e dos menores fillas/os das mulleres vítimas da violencia de xénero, ou suxeitos á súa tutela ou garda e custodia, como vítimas directas tamén desta violencia, cómpre a modificación do artigo 2 do Decreto 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero para adaptalo ao disposto no artigo 1 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, modificado pola Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Igualmente, e para flexibilizar o acceso das persoas usuarias ao Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, modifícase o artigo 8 do Decreto 1/2014 incluíndo unha nova letra.

III

O decreto consta de tres capítulos con vinte e catro artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O primeiro capítulo refírese ás disposicións xerais, o segundo aos requisitos que deberán reunir os CIM e o terceiro ao procedemento de recoñecemento e acreditación, modificación e extinción do recoñecemento destes...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR