DECRETO 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, creou o Servizo Galego de Saúde como un organismo autónomo de carácter administrativo, dotado de personalidade xurídica propia, que ten como finalidade a xestión dos servizos sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia e a coordinación integral de todos os recursos sanitarios e asistenciais.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, sinala que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é a provisión dos servizos e das prestacións de atención sanitaria individual de cobertura pública no ámbito da Comunidade Autónoma, dentro do marco básico de financiamento do Sistema público de saúde de Galicia, garantindo os dereitos recoñecidos á cidadanía.

O Servizo Galego de Saúde exerce o goberno, a dirección e a xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos, garantindo a provisión dos servizos e prestacións de asistencia sanitaria de cobertura pública; coordina a xestión dos recursos humanos, materiais e financeiros que teña asignados, e exerce aquelas funcións que lle delegue ou encomende a Consellería de Sanidade.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e o logro da máxima coordinación das unidades administrativas son os principios básicos que guían a actuación da Administración pública de Galicia.

O compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia adoptado pola Xunta de Galicia debe ter a necesaria translación e reflexo nas normas regulamentarias que establecen a estrutura orgánica dos distintos organismos vinculados ou dependentes, entre os cales se atopa o Servizo Galego de Saúde.

Neste momento o fortalecemento do nivel de atención primaria, o reforzo da súa visualización para potenciar os recursos existentes neste nivel asistencial é unha estratexia do Servizo Galego de Saúde. Os actuais cambios demográficos por mor do aumento da esperanza de vida dos galegos e das galegas teñen como consecuencia que na nosa Comunidade Autónoma exista unha poboación principalmente envellecida cun/cunha paciente crónico/a que demanda unha atención específica que debe desenvolverse desde a atención primaria. Porén, o novo modelo quere potenciar esta asistencia e outorgarlle relevancia como principal eixe vertebrador no Servizo Galego de Saúde.

Ao tempo, debemos ter presente en todas as nosas intervencións a humanización na asistencia sanitaria; este modelo pretende ter como un dos obxectivos principais analizar, avaliar e mellorar os aspectos que teñen que ver con dimensións cualitativas da calidade, como son a calidade da información, a confidencialidade, o trato ou a accesibilidade aos servizos por parte dos/das nosos/as pacientes. Confírmase o firme compromiso do Servizo Galego de Saúde de implantar programas para promover a humanización da asistencia sanitaria mediante a personalización da atención do/da paciente ao longo do seu proceso asistencial, cunha concepción integral da saúde e os determinantes que inciden nela e poñendo a cidadanía e o/a paciente como centros do sistema. A proximidade, o liderado afectivo e a personalización da atención sanitaria serán valores que haberá que potenciar no novo modelo de prestación de servizos asistenciais. Os requirimentos, inquedanzas, demandas e expectativas dos/das pacientes son o motor principal do actual cambio, que queda reflectido nesta estrutura organizativa.

Os principios sobre os cales pivota o cambio na organización do Servizo Galego de Saúde son:

– Dar a visualización necesaria e outorgar o valor inherente que por si mesmo ten o nivel asistencial da atención primaria, sen perder a transversalidade e integración conseguida ata este momento co nivel de atención hospitalaria. A atención primaria preséntase como un elemento clave e fundamental; un modelo cun compoñente comunitario e social inherente ás necesidades actuais dos galegos e das galegas.

– Contar cos/coas pacientes, coas persoas e coa cidadanía. A voz e as necesidades dos/das pacientes e das súas asociacións serán tamén un obxectivo principal na organización actual.

– Dispor dunha organización sanitaria e asistencial central acorde coas áreas sanitarias como estruturas organizativas periféricas do Servizo Galego de Saúde.

– Xestionar, innovar e ordenar os recursos e prestacións sanitarias conforme o dimensionamento de estruturas, tecnoloxías e profesionais existentes e de acordo coas estratexias e directrices do Servizo Galego de Saúde.

– Atender aos principios básicos de eficacia, celeridade, economía e flexibilidade nas administracións públicas, para unha mellor coordinación e transversalidade na xestión e planificación dos recursos asistenciais.

A estrutura dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde articúlase arredor dunha xerencia, con categoría de secretaría xeral, e tres direccións xerais. Establécense, así mesmo, os órganos colexiados e os órganos de coordinación.

Cómpre, pois, desenvolver a súa estrutura orgánica co obxecto de dar resposta ás demandas e necesidades que para a xestión do ámbito competencial propio agardan as persoas destinatarias da súa actividade.

O presente decreto consta dun total de 24 artigos, divididos en catro capítulos, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo primeiro refírese ao ámbito competencial; o capítulo segundo recolle os órganos colexiados do organismo autónomo; o capítulo terceiro refírese aos órganos unipersoais e o capítulo cuarto dedícase ao Consello Asesor de Pacientes.

Por tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Sanidade, cos informes previos preceptivos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de outubro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito competencial

Artigo 1 O Servizo Galego de Saúde
  1. Para o axeitado desenvolvemento das competencias que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, configúrase o Servizo Galego de Saúde como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

  2. O Servizo Galego de Saúde está adscrito á consellería competente en materia de sanidade.

  3. O Servizo Galego de Saúde, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

    3.1. Órganos centrais de dirección:

    3.1.1. Órganos colexiados:

    1. Consello de Dirección.

    2. Comité Executivo.

      3.1.2. Órganos unipersoais:

    3. A Presidencia.

    4. A Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

    5. A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

    6. A Dirección Xeral de Recursos Económicos.

    7. A Dirección Xeral de Recursos Humanos.

      3.2. Órganos de coordinación e asesoramento do Servizo Galego de Saúde:

      Consello Asesor de Pacientes.

      3.3. Órganos periféricos de dirección:

    8. Xerencias das áreas sanitarias.

    9. Direccións dos distritos sanitarios.

      Estes órganos periféricos rexeranse pola súa normativa específica.

  4. Na designación dos cargos directivos dos órganos unipersoais e na composición dos órganos colexiados procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

  5. Créase a Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos, adscrita á consellería competente en materia de sanidade a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

    CAPÍTULO II

    Órganos colexiados

Artigo 2 O Consello de Dirección
  1. O Consello de Dirección é o órgano de administración do Servizo Galego de Saúde e estará integrado polos seguintes membros:

    1. A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, que exercerá a presidencia.

    2. A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, que exercerá a vicepresidencia e a coordinación do Consello.

    3. A persoa titular da Vicexerencia do Servizo Galego de Saúde.

    4. As persoas titulares das direccións xerais do Servizo Galego de Saúde.

    5. As persoas titulares das áreas sanitarias.

  2. Corresponderalle actuar como secretario/a do Consello de Dirección, con voz e voto, á persoa titular da Vicexerencia.

  3. O Consello de Dirección reunirase, como regra xeral, unha vez ao trimestre e sempre que sexa convocado pola súa presidencia. Poderán asistir ás sesións do Consello, con voz pero sen voto, profesionais técnicos/as, representantes de organismos ou outras entidades ou as persoas titulares das subdireccións do Servizo Galego de Saúde, cando a presidencia o considere oportuno, tendo en conta os asuntos que se vaian tratar.

  4. Correspóndelle ao Consello de Dirección:

    1. Definir os posicionamentos, orientacións e liñas de actuación de carácter estratéxico do Servizo Galego de Saúde, de acordo cos criterios emanados da consellería...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR