DECRETO 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Rango de LeyDecreto

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que, no seu artigo 3, regula a estrutura da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio persegue facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, tendo en conta os principios aludidos que, neste ámbito, se traducen nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas.

Desde un punto de vista funcional, cabe destacar a nova organización que se efectúa na Secretaría Xeral Técnica, onde se reforzan os órganos dependentes desta para dar unha resposta máis áxil ás necesidades da Consellería. Esta organización comporta unha nova reordenación funcional no seo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que determina unha redución da súa estrutura para conseguir unha maior eficiencia na xestión administrativa. Así mesmo, créase unha xerencia na Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, como órgano de coordinación técnica e de apoio á Dirección.

Finalmente, polo que se refire á estrutura da Administración periférica, o presente decreto recolle o modelo organizativo previsto no Decreto 245/2009, do 30 de abril, de tal maneira que, en aplicación dos principios de racionalidade e eficacia, o Departamento Territorial de Pontevedra estende a súa competencia a todo o ámbito provincial, sen prexuízo das funcións de coordinación que corresponden aos/ás delegados/as territoriais de Pontevedra e Vigo no seu respectivo ámbito competencial, consonte o artigo 2 da norma citada.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 13 de novembro de 2015,

DISPOÑO:

TÍTULO IÁmbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1 Ámbito competencial

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Artigo 2 Estrutura da Consellería

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

  1. O/a conselleiro/a.

  2. A Secretaría Xeral Técnica.

  3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

  4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

  5. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 3 Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
  1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos e entes:

    1. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cuxos estatutos establece o Decreto 213/2007.

    2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

    3. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, en virtude do mandato recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

  2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, co carácter, labores e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

    1. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no Decreto 119/1998, do 16 de abril.

    2. A Comisión de Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, creada polo Decreto 156/2012, do 12 de xullo.

    3. O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, regulado no Decreto 74/2006, do 30 de marzo.

    4. O Observatorio Galego da Biodiversidade, creado polo Decreto 260/2007, do 13 de decembro.

    5. O Observatorio Galego de Educación Ambiental, regulado polo Decreto 193/2012, do 27 de setembro.

    6. O Consello Galego de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, creado polo Decreto 153/1998, do 2 de abril.

    7. O Comité Galego de Pesca Fluvial. A Presidencia do Comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

    8. Os comités provinciais de pesca fluvial. A Presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería.

    9. O Comité Galego de Caza. A Presidencia do Comité será asumida pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

    10. Os comités provinciais de caza. A Presidencia dos comités será asumida polos xefes ou xefas territoriais da Consellería.

    11. Comité Galego das Árbores Senlleiras, creado mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

    12. A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartográfica, regulada polo Decreto 172/2012, do 1 de agosto.

    TÍTULO IIServizos centrais

    CAPÍTULO I

Artigo 4 O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da Consellería e, con tal carácter, está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

CAPÍTULO IIDa Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5 Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6 Estrutura
  1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

    1. Vicesecretaría Xeral.

    2. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e de Coordinación Administrativa e da Planificación.

    3. Subdirección Xeral de Contratación e do Patrimonio.

  2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

    A Asesoría Xurídica de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito decreto en relación coa súa área funcional e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

    Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7 Funcións
  1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

  2. Directamente, ou a través dos servizos que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

    1. A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

    2. A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

    3. A coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

    4. A xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente.

    5. A ordenación, xestión e...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR