DECRETO 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Política Social
Rango de LeyDecreto

O 5 de outubro de 2015 publicase no Diario Oficial de Galicia o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, aprobada polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, por mor da precisa adaptación da dita estrutura ás necesidades actuais, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e organización administrativa. Esta nova estrutura orgánica supón un novo impulso social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento. Conscientes de que a recuperación aínda non chega a todos os fogares e como mostra dunha aposta clara polo reforzamento dos servizos públicos, créase a Consellería de Política Social.

Posteriormente, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fíxase a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e, no seu artigo 8, en relación coa Consellería de Política Social, a dita consellería estrutúrase nos seguintes órganos de dirección: a Secretaría Xeral Técnica, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a Dirección Xeral de Inclusión Social, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais.

Consonte o anterior e de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a nova estrutura da Consellería de Política Social axústase aos principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, co obxectivo de acadar unha mellor adaptación ás necesidades sociais e laborais derivadas do actual escenario económico.

No tocante á modificación máis relevante da estrutura da nova Consellería de Política Social, cal é a creación da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, froito do separación en dúas áreas da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, debemos sinalar que a Unión Europea afronta desde finais do século XX as consecuencias dunha débil dinámica demográfica, caracterizada por un escaso crecemento natural e polo envellecemento da poboación. Estímase que arredor dun terzo das rexións europeas rexistrarán en 2020 un descenso de poboación. Entre estas rexións atópase Galicia. De feito, a crise demográfica é o principal reto a medio e longo prazo que deben afrontar as autoridades da Unión Europea.

Como consecuencia da dita relevancia, o Goberno galego impulsou a aprobación do primeiro Plan de dinamización demográfica, aprobado o día 8 de abril de 2013 polo Parlamento de Galicia, que se divide en catro áreas de intervención e conta con sesenta e nove medidas concretas.

A necesidade de impulsar as ditas medidas e atribuír relevancia ás políticas demográficas acorde coa magnitude da cuestión, exixe dotar a Administración de máis recursos a Administración na dita área, concentrando os esforzos nunha nova dirección xeral, que asume as competencias en materia de familia, infancia e adolescencia coa finalidade dunha maior relevancia e eficiencia das ditas políticas.

Na nova estrutura, créase unha nova Dirección Xeral de Inclusión Social que, como órgano de dirección, asume a responsabilidade na consecución dun maior impulso no deseño, a coordinación, a avaliación e a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de inclusión social, inmigración e servizos sociais comunitarios.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, órgano de dirección, asume as competencias da extinta Secretaría Xeral de Política Social, nas políticas do benestar social dirixidas á atención das persoas maiores, as persoas con discapacidade e as persoas en situación de dependencia, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Mantense o órgano de dirección competente en materia de xuventude e voluntariado, agora Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dando relevancia a un dos principios reitores das políticas dirixidas á mocidade e á acción voluntaria, adaptándoas á realidade xuvenil de cada momento, ao fomento do diálogo entre as institucións e a mocidade, para contribuír ao desenvolvemento individual e colectivo en continua renovación como establece a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, e promovendo o desenvolvemento dun tecido asociativo propio, desde o pleno recoñecemento da autonomía funcional ao pluralismo da propia acción voluntaria establecido na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, coa revisión na organización e na repartición funcional.

Por último, créase dentro da Secretaría Xeral Técnica unha nova Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade, coa finalidade de impulsar a planificación e coordinación das funcións das oficinas de supervisión dos proxectos da consellería, así como para o impulso e coordinación na emisión dos informes técnicos exixidos pola normativa relativos á autorización de centros de servizos sociais. Así mesmo, este órgano coordinará os plans e proxectos de promoción da accesibilidade dotando dunha maior especialización técnica as actuacións neste eido.

Polo que se refire á organización dos servizos periféricos, de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as xefaturas territoriais previstas neste decreto dependen orgánica e funcionalmente da consellería, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das súas competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial. Concretamente, a Consellería de Política Social mantén a súa organización en catro xefaturas territoriais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Na presente disposición, a estrutura periférica adáptase aos cambios organizativos dos servizos centrais.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Social, de acordo co artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no exercicio da facultade outorgada no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

TÍTULO IÁmbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1 Ámbito competencial

A Consellería de Política Social é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, lle corresponde, de conformidade co Estatuto de autonomía e coa Constitución española, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de familia, menores, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, inmigración, atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e as políticas de xuventude e voluntariado, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2 Estrutura da Consellería

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Política Social estrutúrase nos seguintes órganos:

  1. Conselleiro/a.

  2. Secretaría Xeral Técnica.

  3. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

  4. Dirección Xeral de Inclusión Social.

  5. Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

  6. Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

  7. Xefaturas territoriais.

Artigo 3 Organismos autónomos, entes públicos e órganos colexiados
  1. Quedan adscritos a esta consellería os seguintes organismos:

    A Axencia Galega de Servizos Sociais creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

  2. Así mesmo, están adscritos a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os órganos colexiados seguintes:

    1. A Comisión Interdepartamental de Servizos Sociais e Inclusión Social, creada pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

    2. O Consello Galego de Benestar Social, creado pola Lei...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR