DECRETO 38/2015, do 26 de febreiro, de residuos sanitarios de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

A aprobación do Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o Regulamento para a execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos, aprobado mediante Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, supuxo un cambio no réxime xurídico dos residuos sanitarios ao incluír no seu anexo II a lista de residuos perigosos aprobada pola Decisión 94/904/CE, do Consello, do 22 de decembro de 1994, na que se atribúe a condición de residuos perigosos aos residuos procedentes de servizos médicos, veterinarios ou investigación asociada.

Con base no anterior, e no exercicio das competencias atribuídas, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 460/1997, do 21 de novembro, polo que se establece a normativa para a xestión dos residuos dos establecementos sanitarios, regulando desta maneira o baleiro legal existente ata ese momento.

No citado decreto definíronse aqueles residuos sanitarios que tiñan un potencial risco para a saúde das persoas traballadoras e o ambiente e, polo tanto, debían ser xestionados de maneira diferenciada, establecéronse os modelos de xestión e fixáronse as obrigas dos/das produtores/as deste tipo de residuos.

Co fin de adecuar o noso dereito á normativa europea, apróbase a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, introducindo no noso ordenamento xurídico unha moderna concepción da política de residuos consistente en abandonar a clasificación en dúas únicas modalidades (xerais e perigosos), e establecer unha norma común para todos eles, que poderá ser completada cunha regulación específica para determinadas categorías de residuos.

Establécense, así mesmo, novas obrigas para os/as titulares dos residuos e encoméndase ás comunidades autónomas o réxime de autorizacións, seguimento, vixilancia e control, sen prexuízo das competencias que para a xestión dos residuos urbanos corresponden ás entidades locais.

A Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, que traspón ao noso ordenamento a Directiva 2008/98/CE 2, coñecida como Directiva marco de residuos, e derroga o anterior marco normativo, que viña dado fundamentalmente pola Lei 10/1998, do 21 de abril, establece o réxime xurídico da produción e xestión de residuos, así como a previsión de medidas para previr a súa xeración e para evitar ou reducir os impactos adversos sobre a saúde humana e o ambiente asociados á xeración e xestión destes. A nova lei elimina o concepto de residuo urbano distinguindo unicamente entre residuos domésticos, residuos comerciais e residuos industriais.

Por último, hai que facer referencia a Orde do Ministerio de Medio Ambiente 304/2002, do 8 de febreiro, pola que se publican as operacións de valorización e eliminación dos residuos e a lista europea de residuos aprobada pola Decisión 2000/532/CE e as súas posteriores modificacións, na que se refunden nunha soa lista as dúas categorías de residuos existentes ata o momento (perigosos e non perigosos).

Pola súa banda, no eido autonómico, debe indicarse a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia. Conforme o seu artigo 3, esta lei é de aplicación a todo tipo de residuos que se orixinen ou xestionen no ámbito territorial da Comunidade Autonómica, sen que entre as exclusións mencionadas nese precepto se atopen os residuos sanitarios. Así mesmo, e polo que aquí interesa, a súa disposición derradeira primeira habilita o Consello da Xunta para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación da devandita lei.

Debido a estas circunstancias, considérase procedente unha revisión da normativa autonómica, coas pretensións de adaptar as actividades de produción e xestión dos residuos sanitarios ao novo marco normativo, corrixir as deficiencias que se foron constatando tras a aplicación do Decreto 460/1997, do 21 de novembro, e plasmar todos aqueles cambios que a realidade e a práctica así o aconsellan como son, entre outros, a aplicación de criterios técnicos existentes neste momento cara á clasificación e catalogación dos diferentes residuos sanitarios, coa finalidade de garantir deste xeito a protección da saúde e do ambiente.

Logo entón, a presente é unha disposición elaborada conxuntamente polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Sanidade, que derroga o Decreto 460/1997, do 21 de novembro. A súa finalidade é a de regular dentro da Comunidade Autónoma de Galicia a xestión dos residuos procedentes das actividades sanitarias ou relacionadas con elas, co fin de previr os riscos que a dita xestión xera, tanto para as persoas expostas como para a saúde pública e o ambiente, e desenvolver no ámbito sanitario a regulación xeral dos residuos.

En relación co seu contido e estrutura, dispón de dezaseis artigos estruturados en catro capítulos.

O capítulo I contén as disposicións xerais. O ámbito de aplicación comprende todas as actividades de produción ou xestión dos residuos sanitarios, de ámbito público ou privado, que se produzan ou xestionen dentro da Comunidade Autónoma, e como novidade inclúe os residuos recollidos na clases IIa e III que se xeren en centros de estética, tatuaxe, micropigmentación e piercing e en tanatorios, así como aqueles residuos aos que se atribúa a natureza de residuos sanitarios por disposición legal ou regulamentaria.

No artigo de definicións inclúense definicións de almacenamento intermedio no centro produtor, almacenamento final no centro produtor e de residuo sanitario biocontaminado co obxecto de facilitar a comprensión da norma e a súa aplicación por todas as partes afectadas, eliminándose outras que aparecían na anterior regulación por estar xa recollidas suficientemente na súa respectiva normativa sectorial. Así mesmo, elabórase unha nova clasificación dos residuos, en función da súa perigosidade e do risco asociado á actividade sanitaria.

O capítulo II recolle as operacións de xestión con dúas seccións. A primeira, relativa ás operacións de xestión intracentro, indica os criterios xerais aos que teñen que atender; a segunda, desenvolve o relativo as operacións de xestión extracentro de residuos, incluíndo a recollida, o transporte e o tratamento.

O capítulo III, do réxime xurídico, outorga ao órgano con competencia en materia de saúde pública da Consellería de Sanidade a vixilancia das actividades de xestión intracentro de residuos sanitarios, correspondéndolle á consellería competente en materia de ambiente, e sen prexuízo das competencias dos entes locais, o control dos residuos xerados fóra do ámbito dos centros sanitarios produtores de residuos.

O capítulo IV refírese ao réxime sancionador.

O texto complétase cunha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras, así como con sete anexos.

Na súa virtude, por proposta conxunta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da conselleira de Sanidade, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de febreiro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Capítulo IDisposicións xerais

Artigo 1 Obxecto

É obxecto do presente decreto a regulación dos residuos sanitarios, en especial, no que atinxe ás actividades de produción e xestión de tales residuos, co fin de previr riscos, tanto para as persoas expostas como para a saúde pública e o ambiente.

Artigo 2 Ámbito de aplicación
  1. O ámbito de aplicación deste decreto comprende todas as actividades de produción e de xestión dos residuos sanitarios, de ámbito público ou privado, que se produzan ou xestionen dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

  2. Para os efectos deste decreto, enténdense por residuos sanitarios os seguintes:

    1. Os xerados como consecuencia das actividades levadas a cabo nun centro, servizo ou establecemento sanitario dos recollidos no Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, ou normativa que o modifique ou substitúa.

    2. Os residuos aos cales se atribúa a natureza de residuos sanitarios por disposición legal ou regulamentaria.

    3. Os xerados polos centros, servizos e establecementos veterinarios asistenciais e centros de investigación animal.

    4. Os residuos recollidos na clases IIa e III do anexo VII, que se xeren en establecementos que presten servizos de coidados estéticos, como centros de estética, tatuaxe, micropigmentación e piercing, e en tanatorios.

  3. Quedan excluídos do ámbito de aplicación do presente decreto:

    1. Os residuos radioactivos xestionados de acordo co Real decreto 102/2014, do 21 de febreiro, para a xestión responsable e segura do combustible nuclear gastado e os residuos radioactivos, ou norma que o modifique ou substitúa.

    2. Cadáveres e restos humanos de entidade suficiente, que comprenden as partes do corpo humano procedentes de abortos, mutilacións, operacións cirúrxicas, autopsias clínicas ou xudiciais e actividades de docencia e investigación, de relevancia anatómica ou legal, xestionados de acordo co Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galicia, ou norma que o modifique ou substitúa.

    3. Os cadáveres de animais e subprodutos animais, cubertos polo Regulamento (CE) nº 1069/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR