DECRETO 38/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a catalogación dos tramos urbanos e naturais das praias de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Rango de LeyDecreto

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva, entre outras, en materia de ordenación do territorio e do litoral.

O Consello da Xunta de Galicia, mediante Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, aprobou definitivamente as directrices de ordenación do territorio de Galicia, que teñen como finalidade básica definir un modelo territorial para Galicia que permita orientar as actuacións sectoriais, dotándoas de coherencia espacial e das referencias necesarias para que se desenvolvan de acordo cos obxectivos xerais da política territorial de Galicia, conformando unha acción de goberno coordinada e eficaz.

No marco da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as directrices son o instrumento que ofrece a visión global da ordenación territorial de Galicia e serven como referencia para o resto das figuras de planificación e para as actuacións que desenvolven tanto as administracións coma os particulares. As directrices de ordenación do territorio de Galicia, na súa determinación 6.3, establecen que se fomentará a colaboración e a coordinación das diferentes administracións públicas e a participación dos axentes sociais para mellorar a xestión integrada do espazo litoral.

A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, modificada pola Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, no seu artigo 3 establece que son bens de dominio público marítimo-terrestre estatal, en virtude do disposto no artigo 132.2 da Constitución española, entre outros, as praias. No mesmo senso se pronuncia o artigo 3.1.b) do Regulamento xeral de costas, aprobado polo Real decreto 876/2014, do 10 de outubro.

O artigo 33.6 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, introducido polo número doce do artigo primeiro da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, e de modificación da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, establece que, regulamentariamente, se desenvolverá o réxime de ocupación e uso das praias atendendo á súa natureza. O mesmo artigo recolle previsións diferenciando entre os tramos naturais e os tramos urbanos das praias e engade que na delimitación dos tramos urbanos e naturais das praias participarán as administracións competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo, na forma que regulamentariamente se determine.

Conforme o artigo 67 do Regulamento xeral de costas, a catalogación dos tramos naturais e urbanos das praias estableceraa a Administración competente en materia de ordenación do territorio, que deberá ter en conta o carácter urbanizado ou rural dos terreos contiguos a cada un dos tramos, así como o seu grao de protección ambiental. A disposición transitoria vixésimo cuarta do mesmo regulamento prevé que a Administración competente en materia de ordenación do territorio, no prazo dun ano desde a entrada en vigor do regulamento, deberá delimitar os tramos das praias de acordo co artigo 67, e recolle o réxime transitorio aplicable en canto a Administración competente delimita os tramos de praias.

En cumprimento das previsións citadas, por medio deste decreto apróbase a catalogación dos tramos urbanos e naturais das praias de Galicia, que tamén pode ser consultada no visor http://mapas.xunta.gal/visores/basico/, publicado na páxina web dependente do Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dentro da epígrafe de: «Selección de capas. Ordenación do territorio e paisaxe. Caracterización dos tramos das praias».

A catalogación dos tramos naturais e urbanos das praias contida neste decreto contribúe a definir os límites que deberán ter presentes as administracións autonómica e locais no exercicio das súas respectivas competencias con incidencia nos ditos tramos e, asemade, establécese para os efectos de tramitación e outorgamento dos títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre por parte da Administración do Estado, en canto órgano con competencia na materia.

Nunha actuación coordinada co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través da Demarcación de Costas en Galicia, tomouse como punto de partida o inventario de praias recollido no anexo ao Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado definitivamente polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, o cal, conforme o artigo 80 das súas determinacións normativas, clasifica as praias, para os efectos do Plan de ordenación do litoral, nas seguintes categorías: urbanas, periurbanas, rurais e naturais.

Pola súa banda, o artigo 4 da normativa do Plan de ordenación do litoral de Galicia establece que as súas determinacións, en canto que plan territorial integrado conforme o establecido no artigo 14 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, terán forza vinculante e vixencia indefinida.

Tendo en conta que non é posible establecer unha asociación directa entre as catro categorías de praias do Plan de ordenación do litoral de Galicia e os dous tipos de tramos do Regulamento xeral de costas, estudáronse as características de cada praia en atención aos criterios do Regulamento xeral de costas, sen que isto supoña unha modificación do Plan de ordenación do litoral de Galicia.

A catalogación dos tramos urbanos axustouse aos criterios contidos na disposición transitoria vixésimo cuarta do Regulamento xeral de costas; considéranse tramos urbanos das praias aqueles que, non tendo sido declarados de especial interese ambiental, paisaxístico, arqueolóxico ou similar, que os faga merecedores de protección de acordo coa lexislación territorial, estean integrados en áreas urbanas que reúnan algunha das seguintes características:

  1. Estean clasificadas como urbanas ou consolidadas pola edificación en polo menos un cincuenta por cento da súa lonxitude.

  2. Se encontren dotadas en condicións efectivas, polo menos, dos seguintes servizos:

  1. Acceso peonil e rodado, que deberá estar aberto ao uso público e en condicións efectivas, nos termos exixidos polo Regulamento xeral de costas.

  2. Subministración de auga potable e enerxía eléctrica con caudais e potencia suficientes para os usos previstos. Igualmente, deberá dispor de iluminación en, ao menos, un terzo da súa lonxitude.

  3. Evacuación de augas residuais á rede de sumidoiros.

Pola súa banda, os tramos que non cumpran os ditos criterios son catalogados como tramos naturais e, no suposto de praias que no seu desenvolvemento lineal presenten realidades diferentes, unhas de carácter urbano e outras non, delimitáronse os correspondentes tramos dentro da mesma praia.

Así mesmo, nas praias ou tramos de carácter urbano sinalados no anexo cun asterisco (*) por estaren situados en ámbitos afectados por plans de protección ou de conservación de especies, conforme a lexislación sobre conservación da natureza, os usos e actividades que se realicen e deberán ser acordes co establecido nos seus correspondentes instrumentos de planificación, e deberán contar con autorización ou informe do órgano competente en materia de patrimonio natural, nos termos previstos na normativa ou nos instrumentos de planificación de aplicación.

O decreto consta dun único artigo, cuxo obxecto é a aprobación da catalogación dos tramos urbanos e naturais das praias de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 33.6 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, no artigo 67 e na disposición transitoria vixésimo cuarta do Regulamento xeral de costas, aprobado polo Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, e dun anexo en que se recolle a dita catalogación.

Na tramitación deste decreto observouse o disposto nos artigos 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como as previsións contidas na normativa de transparencia e restante normativa de aplicación.

Nomeadamente e segundo o disposto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, «en todas as iniciativas normativas xustificarase a súa adecuación aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e accesibilidade, simplicidade e eficacia».

No presente caso, os principios de necesidade e eficacia dan resposta directa ao mandato normativo polo que se determina a exixencia de levar a cabo a catalogación dos tramos das praias, nos termos sinalados anteriormente e con rigoroso cumprimento tamén dos principios de proporcionalidade e simplicidade.

Así mesmo, esta regulación contribúe a acadar unha maior seguridade xurídica ao determinarse de xeito específico nunha norma concreta tal catalogación, que ata este momento non existía nos termos previstos na normativa sinalada.

Por outra banda, dáse tamén cumprimento aos principios de transparencia e accesibilidade, que rexeron todo o procedemento de elaboración e tramitación do decreto, promovendo a máis ampla participación pública.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobación

Apróbase a catalogación dos tramos urbanos e naturais das praias de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 33.6 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, no artigo 67 e na disposición transitoria vixésimo cuarta do Regulamento xeral de costas, aprobado polo Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, que se recolle no anexo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR