DECRETO 42/2015, do 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.1.1, establece que corresponde á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva na materia de fomento e planificación da actividade económica en Galicia, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica xeral e coa política monetaria do Estado, e nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución. Ademais, o artigo 39 do Estatuto preceptúa que tamén lle corresponde á nosa comunidade autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado.

En exercicio da competencia citada, aprobouse a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, coa finalidade de apoiar os colectivos emprendedor e empresarial para que poidan actuar como catalizadores do crecemento da economía galega. Neste sentido, no capítulo IX do seu título II, denominado «Medidas para estimular o emprendemento e a actividade emprendedora», establece a creación do Consello Galego de Economía e Competitividade, como órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun conxunto de mecanismos de mellora, na coordinación de políticas e servizos de apoio a persoas emprendedoras e empresas, e que se adscribe á consellería con competencias nas materias de economía e industria. Por outra banda, a disposición transitoria segunda da Lei 9/2013, do 19 de decembro, habilita para que o dito órgano colexiado asuma as funcións e competencias que se lle atribúen, na normativa correspondente, ao Consello Galego de Industria, ao Consello Galego da Minaría e ao Consello Galego de Comercio, que quedarán suprimidos no momento da constitución daquel.

Os artigos 19.3 e 22 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, determinan que, mediante regulamento, se dispoñerá a composición, atributos e condicións, así como o réxime de funcionamento, do Consello Galego de Economía e Competitividade, polo que en cumprimento desa disposición, dos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a través desta norma apróbase a súa composición, atribucións, condicións, organización e funcionamento.

O decreto contén un único artigo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade; dúas disposicións adicionais, que establecen, respectivamente, a asunción das funcións da Comisión Consultiva do extinto Consello Galego de Comercio e o non incremento de consignacións orzamentarias; e catro disposicións derradeiras, que se refiren, en cada caso, á supletoriedade normativa, ao desenvolvemento regulamentario, á obriga de colaboración por parte dos órganos administrativos, organismos e entidades da consellería competente en materia de economía e industria, así como á entrada en vigor do decreto.

O texto do Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade consta de 24 artigos, e estrutúrase a través de tres capítulos.

O capítulo I, artigos 1 ao 9, relativo á súa natureza e aos seus fins, que o configuran como órgano colexiado de participación, coordinación, representación e consulta, que se adscribe á consellería competente en materia de economía e industria, e que exerce dous tipos de funcións, as xerais e as específicas.

O capítulo II, artigos 10 ao 17, regula a súa estrutura orgánica e a súa composición, establece a existencia de órganos colexiados (pleno e comités executivos) e unipersoais (presidencia e vicepresidencia), fixa a orixe de cada unha das persoas que integran o Consello, así como as regras básicas que determinan a composición dos seus comités executivos, enumera as funcións que corresponden a cada un dos seus órganos, e determina as atribucións de cada persoa membro do Consello, así como da secretaría deste.

O capítulo III, artigos 18 ao 24, que se refire ao réxime de funcionamento, regula a convocatoria das sesións, o quórum preciso, a orde do día, a maneira de adoptar os acordos e os requisitos e contido das actas, así como o réxime básico de funcionamento dos comités executivos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobación do Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

Apróbase o Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, mediante o cal se regula a súa composición, atribucións, condicións, organización e funcionamento, en execución e desenvolvemento do capítulo IX do título II da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Disposición adicional primeira. Asunción das funcións da Comisión Consultiva do extinto Consello Galego de Comercio

As persoas designadas para formar parte da Comisión Consultiva creada no seo do Consello Galego de Comercio seguirán exercendo as súas funcións na Comisión Consultiva que se cree no seo do Consello Galego de Economía e Competitividade, segundo o establecido nos artigos 6 e 13.

Disposición adicional segunda. Non incremento de consignacións orzamentarias

A constitución, posta en marcha e funcionamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, así como de calquera dos seus órganos internos, non xerarán incrementos das consignacións orzamentarias do departamento a que se adscribe.

Os membros dos órganos colexiados non percibirán ningún tipo de retribución, indemnización ou compensación económica pola súa asistencia ás sesións.

Disposición derradeira primeira. Supletoriedade normativa

En todo o non establecido no Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade, e nomeadamente no relativo á organización e funcionamento dos seus órganos, así como ao estatus xurídico das persoas membros, observarase o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos preceptos básicos da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de economía e industria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento e, de maneira específica, as que sexan precisas para a constitución do Consello Galego de Economía e Competitividade e as que se refiran á composición, organización e funcionamento dos diferentes órganos colexiados, seccións e grupos de traballo que se constitúan, no marco das directrices que fixe ao respecto o pleno.

Disposición derradeira terceira. Obriga de colaboración

Os distintos órganos administrativos, organismos e entidades da consellería competente en materia de economía e industria quedan obrigados a colaborar co Consello Galego de Economía e Competitividade en todo o preciso para o desenvolvemento das funcións deste.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez FeijóoPresidente

Francisco José Conde LópezConselleiro de Economía e Industria

Regulamento do Consello Galego de Economía e Competitividade

CAPÍTULO INatureza e fins do Consello Galego de Economía e Competitividade

Artigo 1 Natureza
  1. O Consello Galego de Economía e Competitividade (no sucesivo, o Consello), creado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, é un órgano colexiado de participación, coordinación, representación e consulta das políticas públicas da Xunta de Galicia en materia de economía e industria, especialmente as que se refiran a apoio a persoas emprendedoras e empresas, innovación, competitividade, internacionalización, comercio interior e exterior, política industrial e desenvolvemento enerxético e mineiro.

  2. O Consello está adscrito á consellería competente en materia de economía e industria, coa natureza xurídica de órgano colexiado, pero non participa na estrutura xerárquica do dito departamento.

  3. A consellería competente en materia de economía e industria facilitaralle ao Consello os medios persoais e materiais necesarios para o exercicio das funcións recollidas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, e neste regulamento, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2 Funcións do Consello
  1. O Consello exercerá funcións xerais e funcións específicas.

  2. As funcións específicas do Consello referiranse ao emprendemento, a innovación, a competitividade, a internacionalización, o comercio interior e exterior, a política industrial...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR