DECRETO 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Política Social
Rango de LeyDecreto

A Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 44/25, do 20 de novembro de 1989, ratificada por España o 30 de novembro de 1990, parte da proclamación na Declaración Universal de Dereitos Humanos do dereito da infancia a coidados e asistencia especiais e considera que a familia, como grupo fundamental da sociedade e medio natural para o crecemento e benestar dos seus membros, e en particular dos nenos, debe recibir a protección e asistencia necesarias para poder asumir plenamente as súas responsabilidades dentro da comunidade. O seu obxectivo fundamental é avanzar ao máximo no cumprimento dos dereitos da infancia e adolescencia, así como nos seus deberes e responsabilidades. Iso debe realizarse abordando de maneira transversal e multidisciplinar a atención á infancia e adolescencia, mediante a coordinación e cooperación efectiva, eficiente e eficaz dos distintos axentes implicados en garantir, promover e defender os seus dereitos.

A importancia da infancia e da familia e o seu papel na sociedade son obxecto de recoñecemento expreso polo noso ordenamento xurídico. Así, a Constitución española, no seu artigo 39.1, establece como un dos principios reitores da política social e económica a obriga de todos os poderes públicos de asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, e sinala que as nenas e os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

A Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, é un marco regulador que garante aos menores unha protección uniforme en todo o territorio do Estado e introduce cambios destinados a reforzar o dereito do menor a que o seu interese superior sexa unha consideración primordial. Esta norma foi obxecto de modificación pola Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia e pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, co fin de dar resposta aos cambios sociais producidos que demandan unha mellora na protección xurídica dos menores e dar cumprimento efectivo ao artigo 39 da Constitución.

A dita Lei orgánica serviu como marco de referencia para que a Comunidade Autónoma aprobase a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, ao abeiro do establecido nos números 23 e 24 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lexitiman a Xunta de Galicia para a actuación lexislativa en materia de familia e infancia.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, constitúe o marco normativo de referencia en que se inscribe e ten cabida o conxunto de actuacións públicas en materia de apoio á familia e a convivencia.

De acordo co previsto na referida lei, o apoio á familia e aos núcleos de convivencia debe responder necesariamente á complexidade da nosa sociedade e debe dar solución ás diferentes situacións que impiden ou dificultan tanto a formación e a constitución de novas familias ou grupos estables de convivencia coma o desenvolvemento integral das xa constituídas.

Así, débeselles dar o apoio necesario á maternidade e á atención das persoas ao cargo, potenciar a integración familiar das persoas maiores, paliar as dificultades notorias de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e, ademais, procurar o sostemento da estabilidade da familia minimizando os danos derivados dos procesos de desestruturación familiar e, en particular, no que afecte os dereitos dos fillos e das fillas e dos membros máis vulnerables da familia.

A atención á infancia non se pode desligar do apoio á familia, por ser esta o ámbito natural de desenvolvemento integral dos nenos, nenas e adolescentes, sendo o benestar destes un factor favorecedor dunha sociedade máis xusta e equilibrada. Este apoio á familia e a defensa do interese da persoa menor, a protección dos seus dereitos, a súa participación activa na sociedade como suxeito activo e a súa integración na comunidade, en especial dos colectivos máis vulnerables, fan necesario o desenvolvemento de políticas activas deseñadas coa achega de todos os colectivos sociais.

A sección II, capítulo II do título I do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, regula, dentro das institucións de promoción e apoio á familia, o Observatorio Galego da Familia, configurado como un órgano colexiado de carácter consultivo e de apoio ao desenvolvemento de políticas sociofamiliares, adscrito á Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude.

Por outra banda, o Decreto 184/2008, do 24 de xullo, creou o Observatorio Galego da Infancia como órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia e á adolescencia, adscrito ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de infancia.

A optimización dos recursos públicos e a eficacia na xestión son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia, segundo se establece na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A existencia dun observatorio único da familia e da infancia, como institución de promoción e apoio á familia e á infancia, permite unha actuación integral neses ámbitos en prol dunha maior eficiencia e eficacia na protección e promoción dos seus dereitos e intereses.

Neste sentido, o título preliminar da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, denominado «Disposicións xerais», prevé no artigo 4.1.b) a creación do Observatorio Galego da Familia e da Infancia como órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e infancia, adscrito á consellería competente en materia de familia.

O artigo 4.3 da dita lei determina que, mediante regulamento, se establecerá a súa composición e funcións, polo que, en cumprimento deste artigo, dos preceptos básicos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a través desta norma se aproban a composición e as funcións do Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

Respecto á súa estrutura, este...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR