DECRETO 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorVicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Rango de LeyDecreto

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por calquera circunstancia persoal ou social e, no artigo 9.2, establece a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 4.2, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

A igualdade tamén é un principio fundamental na Unión Europea. Desde a entrada en vigor do Tratado de Amsterdam, o 1 de maio de 1999, a igualdade entre mulleres e homes e a eliminación das desigualdades entre unhas e outros son obxectivos que se deben integrar en todas as políticas e accións da Unión Europea e dos seus Estados membros, e seguindo a estela da Conferencia Mundial sobre a Muller en Beijing 1995, parece claro que Europa aposta pola integración da perspectiva de xénero en todos os procesos e procedementos das institucións e das organizacións.

No marco estatal a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no marco galego o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, introducen a previsión de políticas activas para facer efectivo este principio de igualdade, e recollen expresamente que o dito principio «informará, con carácter transversal, a actuación de todos os poderes públicos e que as administracións públicas o integrarán, de forma activa, na adopción e execución das dúas disposicións normativas, na definición e orzamentación de políticas públicas en todos os ámbitos e no desenvolvemento do conxunto de todas as súas actividades».

Tamén o Goberno da Xunta de Galicia, consciente da importancia de promover a consecución dunha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos, e da necesidade de eliminar as barreiras, os estereotipos e os roles de xénero que o impiden, elaborou e aprobou varios instrumentos de planificación específicos con esta finalidade: o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, o II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020, así como o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021.

Este decreto materializa o recoñecemento e a incentivación daquelas actuacións relevantes que, en prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, desenvolven na Comunidade Autónoma de Galicia persoas, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas.

A condecoración que se crea a través deste decreto leva o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo, reivindicar a educación e instrución das mulleres como algo fundamental e incorporar en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1 Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear e regular a Medalla Emilia Pardo Bazán para outorgar un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia que contribuísen e destacasen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 2 Persoas destinatarias

Poderase outorgar este recoñecemento ás persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, coa súa traxectoria ou labor, contribuísen e destacasen no desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia de accións relevantes no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 3 Condecoracións
  1. Concederanse anualmente ata un máximo de tres condecoracións, baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán, que revestirán a forma de medalla cando se outorguen a título individual, e de placa cando se outorguen a colectivos, entidades ou institucións.

  2. A concesión será discrecional e efectuarase en función das accións de relevancia e transcendencia que se teñan realizado e das circunstancias que concorran en cada caso.

  3. A Medalla Emilia Pardo Bazán ten...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR