DECRETO 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Rango de LeyDecreto

I

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou en distintos aspectos a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, coa finalidade de desenvolver medidas que permitan seguir avanzando cara a un sistema educativo de calidade, inclusivo, que garanta a igualdade de oportunidades e faga efectiva a posibilidade de que cada alumno e alumna desenvolvan ao máximo as súas potencialidades.

Coa finalidade de establecer as condicións propicias para afondar nos cambios metodolóxicos necesarios para alcanzar aqueles obxectivos, a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, deulle unha nova redacción ao artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para definir o currículo como a regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas. O currículo estará integrado polos obxectivos de cada ensinanza e de etapa educativa; as competencias, ou capacidades para aplicar de xeito integrado os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa, e para lograr a realización adecuada de actividades e a resolución eficaz de problemas complexos; os contidos, ou conxuntos de coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que contribúen ao logro dos obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa, e á adquisición de competencias; a metodoloxía didáctica, que abrangue tanto a descrición das prácticas docentes como a organización do traballo dos/das docentes; os estándares e resultados de aprendizaxe avaliables; e os criterios de avaliación do grao de adquisición das competencias e do logro dos obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa. Os contidos ordénanse en disciplinas, que se clasifican en materias, ámbitos, áreas e módulos en función das ensinanzas, as etapas educativas ou os programas en que participe o alumnado.

O novo artigo 6 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, define a distribución de competencias entre as administracións educativas e, mesmo, con respecto aos centros docentes. Nesta distribución competencial correspóndelle ao Goberno do Estado, entre outras funcións, o deseño do currículo básico en relación cos obxectivos, competencias, contidos, criterios de avaliación, estándares e resultados de aprendizaxe avaliables, co fin de asegurar unha formación común e o carácter oficial e a validez en todo o territorio nacional das titulacións ás que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o apartado primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan.

II

Este decreto ten por obxecto establecer o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato no sistema educativo galego, dentro do marco de distribución de competencias da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e en atención á nova configuración curricular que establece o agrupamento de materias en tres bloques: troncais, específicas e de libre configuración autonómica. O currículo, así mesmo, regula a relación entre os obxectivos, os contidos, os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe avaliables e as competencias clave nas diferentes materias.

O primeiro bloque, correspondente ás materias troncais, trata de garantir os coñecementos e as competencias que permitan adquirir unha formación sólida e continuar con aproveitamento as etapas posteriores naquelas materias que deben ser comúns a todo o alumnado e que, en todo caso, deben ser avaliadas nas avaliacións finais de etapa. Neste bloque correspóndelle ao Goberno do Estado a determinación dos contidos comúns, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación, así como o horario lectivo mínimo. Pola súa banda, á comunidade autónoma correspóndelle complementar e secuenciar en cursos os contidos, adaptándoos á nosa realidade, realizar recomendacións metodolóxicas, completar os criterios de avaliación e fixar o horario lectivo máximo. Os centros docentes poderán completar contidos, e deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios.

O bloque de materias específicas permite unha maior autonomía á hora de fixar horarios e contidos das materias. O Goberno do Estado determina os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación, e correspóndelle á comunidade autónoma establecer os contidos, complementar os criterios de avaliación, realizar recomendacións metodolóxicas e fixar o horario correspondente. Os centros docentes poderán complementar os contidos, e deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios.

O bloque de materias de libre configuración autonómica supón o maior nivel de autonomía. Nestas materias, a comunidade autónoma establece os contidos e os estándares de aprendizaxe avaliables, os criterios de avaliación e o horario, así como as recomendacións metodolóxicas. Os centros docentes poderán complementar os contidos e configurar a súa oferta formativa, ademais de deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios, e determinar a carga horaria. Neste bloque encádrase o desenvolvemento curricular da disciplina de Lingua Galega e Literatura, competencia exclusiva da comunidade autónoma, á que lle corresponde un tratamento análogo ao da disciplina de Lingua Castelá e Literatura, tratamento que se enmarca dentro do establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

O desenvolvemento dos currículos das distintas linguas incorpora unha referencia expresa ao plurilingüismo, na medida en que a competencia en cada lingua interactúa e se enriquece co coñecemento das outras linguas, e contribúe a desenvolver destrezas e capacidades que son a base da competencia en comunicación lingüística. Isto, e a alusión igualmente explícita a actitudes interculturais de respecto a diferentes xeitos de expresarse e actuar, promove o desenvolvemento simultáneo do plurilingüismo e da interculturalidade.

Xa que logo, tanto na educación secundaria obrigatoria como no bacharelato é especialmente salientable que a aprendizaxe das distintas linguas establecidas no currículo destas etapas se trate de xeito integrado, e dea continuidade ao proceso de fomento do interese por outras linguas e culturas distintas da propia e promovan o respecto cara ás persoas falantes desas linguas.

III

En liña coa Recomendación 2006/962/EC, do 18 de decembro de 2006, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente, neste decreto incorpórase a clasificación e denominación das definidas pola Unión Europea. Considérase que “as competencias clave son aquelas que todas as persoas precisan para a súa realización e o seu desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego”.

Este decreto baséase na potenciación da aprendizaxe por competencias, integradas nos elementos curriculares para propiciar unha renovación na práctica docente e no proceso de ensino e aprendizaxe. Propóñense novos enfoques na aprendizaxe e na avaliación, que van supor un importante cambio nas tarefas que teñen que resolver os alumnos e as alumnas, e propostas metodolóxicas innovadoras. Unha competencia supón a combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz. Xa que logo, as competencias considéranse como coñecemento na práctica, un coñecemento adquirido a través da participación activa en prácticas sociais que, como tales, se poden desenvolver tanto no contexto educativo formal, a través do currículo, como nos contextos educativos non formais e informais; conceptualízanse como “un saber facer” que se aplica a unha diversidade de contextos educativos, sociais e profesionais.

A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase pola súa transversalidade, o seu dinamismo e o seu...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR