Decreto 421/2003, do 13 de novembro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Universidade de Vigo presentou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o proxecto de novos estatutos, aprobado polo seu Claustro Universitario na sesión do día 1 de outubro de 2003, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º Apróbanse os estatutos da Universidade de Vigo coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.
Artigo 2º O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Título preliminar

Artigo 1º
  1. A Universidade de Vigo é unha institución de dereito público á que lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servicio público da educación superior. Está dotada de personalidade xurídica e patrimonio propios e goza de autonomía aca

    démica, económica e de goberno, de acordo coa Constitución e coa Lei orgánica de universidades.

  2. Os presentes estatutos constitúen a norma institucional básica do réxime de autogoberno da Universidade de Vigo.

  3. A Universidade de Vigo inspirarase nos principios de igualdade, solidariedade, democracia e liberdade. É deber de todos os integrantes da comunidade universitaria e, en particular, dos seus órganos de goberno, darlles plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación e o incumprimento do expresado nestes estatutos.

Artigo 2º
  1. A Universidade de Vigo, como organización pública que é, está ó servicio da sociedade.

  2. Son fins prioritarios da Universidade de Vigo:

    1. A consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación.

    2. A impartición de formación axeitada, presencial ou non, para facilita-la aprendizaxe dos estudiantes, a preparación para o exercicio de actividades profesionais ou artísticas e a obtención dos títulos académicos correspondentes.

    3. O fomento da procura de novos coñecementos, a creación artística e o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a avaliación dos resultados destes, tanto no que atinxe á investigación básica coma á aplicada.

    4. Difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e da formación ó longo de toda a vida.

    5. Facilidade, estimulación e acollida das actividades intelectuais e críticas en todos os campos da cultura e do coñecemento.

    6. Afondamento na cooperación universitaria no ámbito internacional, e integración no espacio europeo de educación superior.

  3. A Universidade de Vigo procurará que os fins e as tarefas universitarias queden á marxe das determinacións e da vontade de calquera entidade social, política, económica, relixiosa ou ideolóxica.

Artigo 3º

A Universidade de Vigo, vinculada á realidade histórica, social e económica de Galicia, dedicará especial atención ó estudio e desenvolvemento da súa cultura e do seu medio natural, e proxectarase dun xeito activo sobre os problemas galegos mediante programas específicos de docencia, investigación e desenvolvemento e difusión, establecidos a partir de necesidades concretas. Con estes obxectivos procurará a cooperación coas outras universidades galegas. A Universidade de Vigo asume tamén o compromiso de detectar, diagnosticar e contribuír á solución dos problemas existentes nas sociedades contemporáneas, e de promover políticas activas de igualdade e promoción social.

Artigo 4º
  1. O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo e, polo tanto, é a lingua de uso normal nas súas actividades. O galego, como lingua propia, é a lingua oficial da universidade, como tamén o é o castelán, oficial en todo o Estado.

  2. A Universidade de Vigo promoverá, de acordo coas súas competencias, liñas de actuación que contribúan ó uso pleno da lingua galega en todas as súas actividades docentes, investigadoras, administrativas e de servicios.

Artigo 5º
  1. A Universidade de Vigo fundamentará a súa actuación nos principios de liberdade de cátedra, de investigación e de estudio, así como nos de interdisciplinariedade, pluralismo ideolóxico e participación.

  2. A liberdade de cátedra maniféstase no dereito dos docentes a expoñeren libremente as súas ideas, opinións e conviccións científicas e artísticas no exercicio da súa actividade docente. Esa liberdade de cátedra terá como límites os establecidos na Constitución e nas leis e os derivados da organización das ensinanzas da universidade, así como o dereito que todo estudiante posúe a ser informado, con rigor científico, sobre aquelas teses ou teorías que o profesor ten declarado non compartir.

  3. A liberdade de investigación implica a elección das liñas ou proxectos e empregar libremente os principios metodolóxicos, elixir os obxectivos que considere axeitados e divulgar os resultados obtidos no labor investigador. Os proxectos de investigación e desenvolvemento deberán cumprir en todos os seus extremos co disposto na lexislación vixente sobre o medio natural e a protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.

  4. A liberdade de estudio abrangue, ademais do dereito de elección de centro e ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios científicos da universidade para unha participación activa no proceso da propia formación e, para maior abastanza, da libre manifestación de opinións científicas ou artísticas. A Universidade de Vigo, para desenvolver axeitadamente a misión social que lle corresponde, facilitaralle o acceso ós estudios universitarios a todo aquel que posúa aptitudes; para tal fin, promoverá unha política eficaz de créditos ó estudio en colaboración con entidades públicas e privadas, así como dentro do ámbito das súas atribucións e na medida das súas dispoñibilidades, a exención total ou parcial do pagamento das taxas académicas ou o seu fraccionamento.

  5. O principio de interdisciplinariedade garante a dimensión universal da ciencia, da técnica e da cultura, mediante a relación continuada de investigadores e docentes dos diversos ámbitos, a prol dunha producción científica globalizada e non unicamente sectorial, e dunha docencia que permita alcanzar unha visión de conxunto do saber humano.

  6. A Universidade de Vigo ten como unha das súas misións fundamentais erixirse en promotora da creación e difusión do pensamento crítico e do fomento da cultura entre a comunidade universitaria e a sociedade no seu conxunto, para a consecución dunha formación integral da persoa no proceso de educación permanente. Entre os seus obxectivos establécese a cooperación para o desenvolvemento, a transformación social e cultural, a creación e difusión de hábitos e formas culturais críticas, participativas e solidarias, así como unha formación permanente, aberta e plural. Para iso, deberase propiciar a existencia de espacios, estructuras e o desenvolvemento de todas aquelas accións que faciliten e promovan a consecución dos devanditos obxectivos.

  7. O principio de pluralismo ideolóxico garante, en todas as actividades da Universidade de Vigo, o respecto ás diferentes...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR