Decreto 170/2004, do 7 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL
Rango de LeyDecreto

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á comunidade autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses eco

nómicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

O Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia creouse pola Lei 4/1998, do 30 de xuño. A asemblea constituínte do devandito colexio elaborou e aprobou os seus estatutos, que foron aprobados definitivamente pola Administración a través do Decreto 69/2000, do 7 de abril.

A Comunidade Autónoma galega, en cumprimento do artigo 36 da Constitución española, ditou a Lei 11/2001, do 18 de setembro, pola que regula os colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. A lei na súa disposición transitoria dispón que os colexios profesionais galegos que estivesen constituídos á entrada en vigor da dita lei deberán adaptar os seus estatutos a ela no prazo dun ano.

En cumprimento da devandita disposición o Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia acordou na asemblea xeral extraordinaria celebrada o 17 de abril de 2004 aprobar a modificación e adaptación dos estatutos á recente lei.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do sete de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 69/2000, do 7 de abril, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

TÍTULO I

Do carácter, domicilio, fins e funcións do colexio

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Personalidade e natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia é unha organización profesional dos/as protésicos/as dentais que exercen en Galicia.

É unha corporación de dereito público de carácter representativo, de estrutura interna e funcionamento democrático, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º Sistema normativo.

O Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia réxese, en primeiro termo, pola lexislación básica en materia de colexios profesionais e a autonómica, en especial, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento e, de conformidade con estas, por un sistema normativo propio que está integrado por:

  1. A Lei 4/1998, do 30 de xuño de creación do Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia.

  2. Estes estatutos xerais que conteñen as normas básicas de funcionamento da organización colexial.

  3. O regulamento de réxime interior que, se é o caso, aprobe o órgano competente.

  4. O resto do ordenamento xurídico en canto sexa de aplicación.

Artigo 3º Utilización da lingua propia.

O galego é a lingua propia do Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia. Calquera persoa ten dereito a obter a tradución para o castelán dos documentos colexiais que a afecten e, se o demanda, a ser atendida nesa lingua.

Capítulo II

Relacións coa Administración

Artigo 4º Relacións institucionais e corporativas.

O Colexio relacionarase con todas as administracións públicas e, singularmente, coa Administración autonómica, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no referente a aspectos institucionais e corporativos, e a través das consellerías de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria no referente aos contidos da profesión.

O Colexio exercerá, ademais das súas funcións propias, aquelas de carácter administrativo que lle atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lles delegue o correspondente órgano administrativo.

Capítulo III

Das relacións co Consello Xeral de Colexios de Protésicos Dentais de España

Artigo 5º Integración no Consello Xeral.

De acordo coa lexislación vixente, o Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia integrarase, unha vez constituídos os seus órganos de goberno, no Consello Xeral de Colexios de Protésicos Dentais de España na forma que estatutariamente lle corresponda.

Capítulo IV

Denominación, domicilio e ámbito territorial

Artigo 6º Denominación, domicilio e ámbito territorial.

A denominación é Colexio Oficial de Protésicos/as Dentais de Galicia, a súa sede e domicilio social quedan fixados en Santiago de Compostela no lugar que acorde o órgano competente.

O Colexio Profesional exerce todas as súas funcións e competencias no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo V

Fins e funcións

Artigo 7º Fins.
  1. Son fins esenciais da organización colexial dos Protésicos Dentais de Galicia:

    1. Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de protésico dental.

    2. Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos/as colexiados/as, promovendo a súa formación e perfeccionamento.

    3. Cooperar coa mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.

    4. Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas funcións, nos termos previstos na lexislación vixente.

  2. Son fins particulares da organización colexial:

    1. Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional e social dos/as colexiados/as en xeral, se fosen obxecto de vexación, menoscabo ou desmerecemento.

    2. Perfeccionar os aspectos técnicos e científicos da profesión e dos/as profesionais, elevando os seus niveis moral, material, cultural e científico.

    3. Crear, soster e fomentar obras ou institucións de previsión, de crédito, consumo e seguridade, nos diversos aspectos de carácter obrigatorio ou voluntario. Promover mecanismos ou institucións de protección social dos/as colexiados/as, xubilados/as, enfermos/as, inválidos/as, viúvos/as e orfos/as de colexiados/as.

    4. Colaborar cos organismos correspondentes para establecer as...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR