Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Rango de LeyDecreto

A firme vontade da Comunidade Autónoma de Galicia de conservación e uso sustentable dos humidais concretouse coa declaración de cinco humidais como zonas Ramsar e coa inclusión recentemente na rede Natura 2000 dun gran número e variedade de lugares representativos destes ecosistemas, sendo destacables os traballos de mellora e recuperación de determinadas áreas húmidas degradadas que a Administración pública está a levar a cabo. Estas actuacións veñen motivadas, en grande medida, polo cambio operado na valoración social dos humidais nas últimas décadas, pasando de ser consideradas como áreas improdutivas e insás a erixirse en elementos clave na conservación da biodiversidade e do uso sustentable do territorio.

A gran riqueza e diversidade dos compoñentes bióticos e abióticos dos humidais fan que se atopen entre os ecosistemas máis complexos e produtivos do planeta. Trátase de ecosistemas que desempeñan funcións básicas, constitúen un valioso patrimonio cultural e natural, proporcionan unha gran variedade de recursos e soportan todo tipo de actividades humanas. Posúen unha gran variedade de hábitats de transición entre os ambientes terrestre e acuático e xogan, polo tanto, un importante papel na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico. Na actualidade atópanse entre os ambientes máis ameazados por causa da drenaxe, o arroteamento, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos.

Galicia conta cunha notable variedade de humidais que, no seu conxunto, albergan unha importante riqueza de hábitats, flora e fauna, entre os que se inclúen taxons ameazados e hábitats raros. Entre os humidais mariños e costeiros destacan os tipos correspondentes ás augas mariñas superficiais próximas á costa, os esteiros e sistemas fluvio-mariños, así como as lagoas costeiras e sistemas lagoa-barreira. A representación de humidais continentais conta coas tipoloxías correspondentes a sistemas lacustres, humidais de augas correntes (fluviais), turbeiras e humidais higrófilos, humidais subterráneos e humidais artificiais.

A nivel internacional hai que salientar o Convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, acordado en Ramsar o 2 de febreiro de 1971 e ratificado por Instrumento do 18 de marzo de 1982, por España. Este convenio, que foi ratificado ata agora por 153 países, contén no seu artigo 1 a definición do que se entende por humidal, indicando que lles corresponde aos asinantes do citado convenio a potestade para designar os humidais idóneos para ser incluídos na Lista de humidais de importancia internacional que se atopen no seu territorio. Desde a aprobación deste convenio foron inscritos máis de 1.600 humidais que cobren unha superficie de máis de 145 millóns de hectáreas. A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, regula nos seus artigos 49, 50 e 51 os humidais de importancia internacional do Convenio relativo aos humidais de importancia internacional especialmente como hábitats de aves acuáticas, que terán a consideración de áreas protexidas por instrumentos internacionais.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ten entre os seus obxectivos a protección, restauración e mellora dos recursos naturais e a axeitada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre. Esta lei recolle no seu artigo 14 o concepto de humidal protexido, en consonancia co disposto no Convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, acordado en Ramsar o 2 de febreiro de 1971, e establece o seu réxime xurídico.

O artigo 149.1.23 da Constitución atribúelle competencia exclusiva ao Estado para aprobar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección. No exercicio desta competencia aprobouse a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Esta lei ten por obxecto o establecemento do réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade, recollendo no seu artigo 5.2º a obriga de todas as administracións públicas de dotarse das ferramentas que permitan coñecer o estado de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade. No artigo 9 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, establécese que o Ministerio de Medio Ambiente elaborará e manterá actualizado, coa colaboración das comunidades autónomas, o Inventario español do patrimonio natural e da biodiversidade, do cal formará parte un Inventario español de zonas húmidas. Esta necesidade de elaborar e manter actualizado un Inventario de zonas húmidas, a partir da información que para estes efectos lle subministren as comunidades autónomas, tamén vén establecida no Real decreto 435/2004, do 12 de marzo, polo que se regula o Inventario nacional de zonas húmidas.

De conformidade co disposto no artigo 149.1.23 da Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á nosa Comunidade Autónoma, no seu artigo 27.30º, competencias para aprobar normas adicionais sobre a protección do ambiente e da paisaxe. No exercicio desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a cal sinala os humidais protexidos como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. Este decreto ten por obxecto desenvolver o réxime xurídico dos humidais protexidos recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, dentro do respecto e con plena observancia do disposto na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade e no Real decreto 435/2004, do 12 de marzo, polo que se regula o Inventario nacional de zonas húmidas, que teñen o carácter de lexislación básica nesta materia. A creación do Inventario de humidais de Galicia supón para a nosa Comunidade Autónoma dotarse dunha ferramenta importantísima para coñecer e subministrar información sobre o número, extensión e estado de conservación dos humidais existentes en Galicia e que será empregado, á súa vez, para facilitarlle ao Ministerio de Medio Ambiente a información referida aos humidais de Galicia de cara á elaboración do Inventario español de zonas húmidas.

A sentenza 30/2007 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou os números 2 e 3 do artigo único do Decreto 132/2005, do 28 de abril, polo que se modifica o Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos de Galicia ao considerar que estes preceptos «non se axustan á orde constitucional de distribución de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, ao modificar a regulación do réxime do dominio público marítimo-terrestre que a lexislación estatal establece en materia de costas».

Este Decreto substitúe o Decreto 110/2004, do 27 de maio, modificado polo Decreto 132/2005, do 28 de abril, e ten por obxecto regular os humidais de Galicia, prestando especial atención aos espazos declarados como humidal protexido e establece a creación do Inventario de humidais de Galicia, en que se incluirán de forma sistemática os humidais da Comunidade Autónoma de Galicia. Incorpóranse neste decreto modificacións ao réxime xurídico dos humidais protexidos, así como obxectivos xerais de xestión propostos polo Plan estratéxico español para a conservación e uso racional dos humidais. Ademais, outórgase cobertura normativa ao inventario e clasificación dos humidais galegos, por resultar un instrumento imprescindible ao servizo da conservación destes ecosistemas no tocante a proporcionar información sobre o número, extensión e estado de conservación dos humidais de Galicia. A clasificación dos humidais seguindo criterios homoxéneos e a creación dun rexistro de carácter público configúranse como unha ferramenta de planificación imprescindible e axústanse ao disposto no Convenio de Ramsar e ao que sinala o Plan estratéxico español para a conservación e uso racional dos humidais.

De conformidade co exposto evidénciase a necesidade de harmonizar e desenvolver nunha soa disposición administrativa o réxime xurídico dos espazos naturais declarados como humidais protexidos, así como a necesidade de crear e regular o Inventario de humidais de Galicia, que se configura como un rexistro administrativo de carácter público, en que se inscribirán os humidais de Galicia, inscrición que será considerada como requisito previo e necesario para a declaración dun humidal baixo a categoría de humidal protexido. Do mesmo xeito, establécense neste decreto os obxectivos de obrigada observancia pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia na xestión dos espazos naturais declarados como humidais protexidos. Todas estas circunstancias xustifican plenamente e motivan a aprobación deste decreto, que derroga e substitúe a regulación normativa contida no Decreto 110/2004, do 27 de maio, modificado polo Decreto 132/2005, do 28 de abril (parcialmente anulado pola sentenza 30/2007 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente e...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR