DECRETO 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación (LOE), en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, de educación, do 3 de maio, no seu título III, capítulos III e IV, referidos á formación e ao recoñecemento, apoio e valoración do profesorado, e nos artigos 102, 103 e 105, establece que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros. Así mesmo, establece que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado, garantirán unha oferta diversificada e gratuíta e promoverán as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.

O Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recolle, no seu artigo 7, a competencia da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa na planificación e desenvolvemento da formación permanente do profesorado.

A actual estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado está regulada polo Decreto 99/2006, do 15 de xuño.

O traballo desenvolvido ao longo dos anos nos que estiveron en vigor o Decreto 245/1999, polo que se regula a formación permanente do profesorado que imparte ensinanzas de niveis non universitarios, e o Decreto 99/2006, polo que se regula a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia sustentados con fondos públicos, apoiada na análise deste realidade docente, xunto cos cambios desenvolvidos na sociedade actual, coa presenza das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) en todos os ámbitos da vida e, moi especialmente, no marco educativo, aconsellan a introdución de modificacións nas actuais estruturas de formación permanente do profesorado.

A formación permanente do profesorado concíbese como un amplo sistema de apoio aos docentes, que parte das súas necesidades e que é acorde coa realidade social e educativa que envolve o seu labor, ademais de ser coherente coas análises e suxestións dos organismos internacionais. Esta formación recolle a colaboración con institucións académicas e outras de recoñecido prestixio e valor no ámbito educativo, ademais ten presente a realidade sociocultural e lingüística galega e considera os procesos avaliativos como un dos eixes que garanten a calidade e a mellora continua.

De igual xeito, a formación permanente do profesorado organizarase a través de itinerarios formativos para dar unha resposta adaptada ás necesidades do profesorado ao longo da súa vida profesional e ás demandas institucionais.

Este decreto consta de 6 capítulos que abranguen os diferentes aspectos necesarios para unha regulación integral da formación permanente do profesorado, adaptada a un sistema educativo orientado á mellora continua e, polo tanto, á calidade.

No capítulo I trátase sobre a definición, finalidade e ámbito de aplicación da norma.

No capítulo II desenvólvese o concepto de planificación da formación tanto a estratéxica como a anual mediante os seus correspondentes plans.

O capítulo III desenvolve a organización da formación permanente.

Nas diferentes seccións descríbense a organización, as funcións que se van desenvolver e os recursos por cada unha das unidades que interveñen na estrutura.

Na sección primeira establécese cal é a estrutura da formación permanente.

Na sección segunda redefine o papel do servizo de formación do profesorado cun enfoque coordinador da rede e de dirección estratéxica.

Na sección terceira establecese o que constitúe unha das principais novidades da nova regulación: a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación. A experiencia acumulada nestes últimos anos, así como a posta en marcha de novos proxectos centrados na innovación educativa e en ámbitos que precisan dunha forte especialización, fixeron visible a necesidade de contar cun centro que permita referenciar funcións vinculadas á investigación, á innovación, á formación a distancia e todas aquelas actividades e accións que redunden e lideren o enriquecemento da formación do profesorado. Así mesmo, como elemento central na nova estrutura, asígnanselle importantes funcións tanto no deseño e elaboración dos plans anuais como na coordinación do seu desenvolvemento. Este centro contará con persoas asesoras especialistas en distintas áreas e materias, que permitirán aglutinar esforzos e achegar un valor engadido ao sistema de formación.

Por último, na sección cuarta deste capítulo, regúlase a figura dos centros colaboradores como elementos clave para facilitar o acceso do profesorado á súa formación.

Regúlase no capítulo IV a figura da persoa coordinadora da formación nos centros educativos como profesional que no contorno máis próximo colabora na planificación, na detección de necesidades e no desenvolvemento das actividades.

O capítulo V trata da avaliación dos plans e o seu enfoque para promover a mellora continua e regula a creación do rexistro xeral de actividades de formación.

Como capítulo de peche, o capítulo VI abre a posibilidade da colaboración doutras entidades ou institucións na formación do profesorado cunha finalidade complementaria á oferta pública e artellada mediante instrumentos como os convenios de colaboración.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, consultado o Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de abril de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1 Obxecto, definición e finalidade.
  1. Este decreto ten por obxecto regular a planificación, estrutura, organización e funcionamento da formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación, en centros educativos sustentados con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

  2. Considérase formación permanente o conxunto de actividades que perseguen a adecuación dos coñecementos e métodos á evolución das ciencias e das didácticas específicas, así como todos aqueles aspectos de coordinación, orientación, titoría, atención educativa á diversidade e organización encamiñados a mellorar a calidade do ensino e o funcionamento dos centros. Así mesmo, deberán incluír formación específica sobre a utilización das tecnoloxías da información e comunicación no ensino e a formación en linguas estranxeiras do profesorado, independentemente da súa especialidade, así como, en materia de igualdade nos termos establecidos na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

  3. A formación permanente do profesorado concíbese como un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade da administración educativa e dos propios centros.

  4. A Administración educativa planificará as actividades de formación permanente do profesorado, garantirá unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades e establecerá as medidas oportunas para favorecer a participación do profesorado nelas.

  5. A finalidade da formación permanente é a de promover o desenvolvemento profesional do profesorado para a mellora da práctica educativa.

Artigo 2 Ámbito de aplicación.

Este decreto aplicarase á formación permanente do profesorado que imparte as ensinanzas establecidas na Lei orgánica de educación -educación infantil, educación primaria, educación secundaria, formación profesional, educación de adultos e ensinanzas de réxime especial- en centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

CAPÍTULO II

Planificación da formación permanente do profesorado

Artigo 3 Planificación da formación.
  1. A planificación da formación permanente do profesorado realizarase a través do plan estratéxico e dos plans anuais.

  2. No plan estratéxico definiranse os obxectivos que hai que conseguir ao remate dun período de catro anos e a súa concreción en obxectivos anuais. Para a súa elaboración teranse en conta as prioridades e directrices elaboradas pola dirección xeral da que depende a formación permanente do profesorado, as necesidades de formación detectadas polos órganos competentes na formación...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR