Decreto 204/2007, do 11 de outubro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de danza.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 6.2º que o Goberno fixará, en relación cos obxectivos, as competencias básicas, os contidos e os criterios de avaliación, os aspectos básicos do currículo que constitúen as ensinanzas mínimas. Así mesmo, a citada Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, no Capítulo VI do título I, fixa as características básicas das ensinanzas profesionais de danza, dentro das ensinanzas artísticas, cuxa finalidade é proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación de futuros profesionais. Neste marco, o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estableceu os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza.

Considerando o avance que para as ensinanzas de danza supuxo a normativa xurdida da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, este decreto segue a fundamentarse no estudo da especialidade, que actúa como eixe vertebrador do currículo e, á vez, pretende avanzar cara a unha estrutura máis aberta e flexible, sen esquecer a necesidade de perseguir un ensino integrador que, xunto coa formación profesional de carácter artístico, dirixida á consecución de competencias técnico-dancísticas específicas, inclúa a formación humanística e a educación cívica do alumnado destas ensinanzas. Abórdanse ademais medidas que permitan a máxima adecuación dos estudos aos intereses do alumnado, considérase a compatibilidade real entre estas ensinanzas e as de educación secundaria, e facúltase a Administración educativa para a adopción de solucións a este respecto.

Cabe salientar, como peculiaridade dos estudos de danza en relación con outras ensinanzas, que os bailaríns e as bailarinas se expresan neles a través dos seus propios corpos, e cursan uns estudos que teñen como meta o exercicio profesional. Por isto, a importancia do rendemento físico e as posibilidades do corpo dos intérpretes como instrumento de traballo fan necesario que o seu período de formación inicial remate nunha idade temperá. As ensinanzas profesionais de danza deberán garantir unha instrución que proporcione o nivel de expresión artística propio duns estudos altamente especializados, destinados ao alumnado que posúa aptitudes específicas e vontade para dedicarse a eles.

Canto aos contidos das especialidades da danza, mantense a necesidade de conxugar comprensión e expresión, coñecemento e realización. Este proceso complexo de educación artística debe ter en conta que os contidos esenciais na formación dun bailarín ou dunha bailarina están presentes, case na súa totalidade, desde o inicio dos estudos, e que o seu desenvolvemento se realiza non tanto pola adquisición de novos elementos como polo afondamento permanente destes. Nesta traxectoria, o grao de dificultade interpretativa virá determinado pola natureza dos exercicios e das obras que en cada tramo do proceso se seleccionen.

Consonte os criterios de avaliación, estes establecen o tipo e as ensinanzas de aprendizaxe que se espera que alcance o alumnado nun momento determinado respecto dos obxectivos xerais das ensinanzas, as capacidades sinaladas nos obxectivos específicos das ensinanzas profesionais de danza e os propios de cada especialidade. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, débese medir tendo en conta o contexto do alumnado e as súas propias características e posibilidades. Deste xeito, a avaliación constitúese nunha función formativa e, ademais, nunha fonte de información sobre o mesmo proceso de ensinanzas, co que se converte nun referente de todo o proceso de ensino e aprendizaxe.

Xa que logo, este decreto establece o currículo das ensinanzas profesionais de danza para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e, ademais, regula o acceso a estas ensinanzas.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tras o informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de outubro de dous mil sete.

DISPOÑO:

Capítulo I

Da finalidade e a organización das ensinanzas profesionais

de danza

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas profesionais de danza de acordo co establecido no artigo 48.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e integra o establecido no Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de danza.

  2. Así mesmo, esta disposición regula os criterios de acceso ás ensinanzas profesionais de danza.

  3. Este decreto é de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia, nos conservatorios profesionais de danza e nos centros autorizados de danza que conten coa autorización para a impartición do grao profesional de danza.

Artigo 2º Finalidade.
  1. As ensinanzas profesionais de danza teñen como finalidade proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da danza.

  2. A finalidade das ensinanzas profesionais de danza ordénase en catro funcións básicas: formativa, orientadora, profesionalizadora e preparatoria para estudos posteriores.

  3. O ensino da danza no grao profesional organízase nun grao de seis cursos de duración.

Artigo 3º Obxectivos xerais.
  1. As ensinanzas profesionais de danza teñen como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades xerais e os valores cívicos propios do sistema educativo e, ademais, as capacidades seguintes:

    1. Habituarse a observar a danza asistindo a manifestacións escénicas relacionadas con ela, e a establecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.

    2. Desenvolver a sensibilidade artística e o criterio como fonte de formación e enriquecemento persoal.

    3. Analizar e valorar a calidade da danza.

    4. Coñecer os valores da danza e optar polos aspectos xurdidos dela que sexan máis idóneos para o desenvolvemento persoal.

    5. Participar en actividades de animación dancística e cultural que permitan vivir a experiencia de transmitir o goce da danza.

    6. Coñecer e empregar con precisión o vocabulario específico relativo aos conceptos científicos da danza.

    7. Coñecer e valorar o patrimonio dancístico como parte integrante do patrimonio histórico e cultural.

    8. Fomentar a utilización do patrimonio dancístico e musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación artística.

  2. Nas ensinanzas profesionais de danza teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

Artigo 4º Especialidades das ensinanzas profesionais de danza.

O currículo das ensinanzas profesionais de danza referirase a cada unha das seguintes especialidades:

Danza clásica.

Danza contemporánea.

Danza española.

Capítulo II

Do currículo

Artigo 5º Currículo.
  1. As materias correspondentes a cada curso das ensinanzas profesionais de cada especialidade e os tempos lectivos son os que se establecen no anexo I deste decreto.

  2. Os obxectivos, os contidos e os criterios de avaliación para as especialidades e as materias das ensinanzas profesionais de danza son os que se inclúen no anexo II deste decreto.

Artigo 6º Obxectivos específicos.

As ensinanzas profesionais de danza deberán contribuír a que o alumnado adquira as capacidades seguintes:

  1. Demostrar o dominio técnico e o desenvolvemento artístico necesarios que permitan o acceso ao mundo profesional.

  2. Habituarse a asistir a manifestacións escénicas relacionadas coa danza para formar a súa cultura dancística e restablecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.

  3. Valorar a importancia do dominio do corpo e da mente para utilizar con seguridade a técnica, co fin de lograr a necesaria concentración que permita unha interpretación artística de calidade.

  4. Afondar no desenvolvemento da propia personalidade a través da necesaria sensibilidade musical, co fin de lograr unha interpretación expresiva.

  5. Analizar criticamente a calidade da danza en relación cos seus valores intrínsecos.

  6. Relacionar e aplicar...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR