DECRETO 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

Preámbulo

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

Neste contexto, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, ditouse co obxecto de superar as carencias universitarias de Galicia nese momento e reordenar o Sistema Universitario de Galicia atendendo a criterios de desenvolvemento e renovación que, segundo se establece no seu artigo primeiro, terán en conta as características e exixencias demográficas, científico-educativas, socioeconómicas e socioculturais da sociedade galega.

O artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, e o seu artigo 35 establece que para tal fin as universidades deberán obter a verificación do Consello de Universidades do oportuno plan de estudos. É dicir, son as comunidades autónomas as competentes para autorizar a implantación dos títulos universitarios nos seus respectivos territorios e, polo tanto, responsables en última instancia da toma de decisións no procedemento de implantación dos títulos universitarios oficiais.

A construción do Espazo Europeo de Educación Superior, organizado sobre os principios de calidade, mobilidade, diversidade e competitividade, oriéntase á creación dun sistema estruturado en tres ciclos: grao, máster universitario e doutoramento e á consecución, entre outros obxectivos, de asegurar un nivel de calidade adecuado á educación universitaria europea no contexto internacional.

O Real decreto 1393/2007, do 29 do outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, e polo disposto no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, seguindo os principios establecidos na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, flexibiliza a organización das ensinanzas universitarias, promovendo a diversificación curricular e permitindo que as universidades aproveiten a súa capacidade de innovación, as súas fortalezas e oportunidades, sen suxeición á existencia dun catálogo previo establecido polo Goberno, obrigatorio ata ese momento.

Esta flexibilidade, derivada da inexistencia dun catálogo de titulacións, unida á xa expresada competencia autonómica na autorización para a implantación das titulacións universitarias oficiais, avocan ao necesario exercicio de coordinación e planificación por parte da Comunidade Autónoma, desde o absoluto respecto á autonomía universitaria, de forma que as universidades poidan definir a organización, estrutura e contidos das ensinanzas universitarias oficiais, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación.

Neste marco normativo, transformado o mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), é o momento de aprobar a norma que regulará as titulacións do sistema, que ata o de agora se rexía polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia e, en materia de estudos de posgrao, polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor.

É, polo tanto, imprescindible establecer unhas liñas e criterios que permitan unha ordenación do sistema de maneira racional e acorde coas necesidades da nosa comunidade, o que constitúe a tarefa de coordinación que a Lei 6/2011, orgánica de universidades, residencia en cada comunidade autónoma con respecto ás universidades da súa competencia, e que a Lei 11/1989, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, no seu artigo 11, atribúe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o cal contará co Consello Galego de Universidades como órgano de asesoramento e consulta.

En todo caso, unha norma desta natureza non pode ignorar as tendencias do contorno e os cambios que supuxo a adaptación do Sistema Universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior. A necesidade de afrontar cambios na actual oferta de titulacións é percibida tanto a nivel nacional como internacional. Así, no Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento das universidades para promover a excelencia académica e incrementar o impacto socioeconómico do Sistema Universitario Español, aprobado o 26 de abril de 2010 polo Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria, realízanse unha serie de recomendacións, como optimizar a oferta docente, especialmente en grao e máster universitario, evitando excesos de oferta e potenciando a mobilidade do profesorado e dos estudantes. Así mesmo, para a implantación de novos graos, recoméndase que estea garantido un tamaño e fluxo suficiente de demanda de estudantes de novo ingreso e, no caso de máster universitario, afrontar a redución da oferta actual en función das fortalezas nos recursos humanos, na demanda e no grao de excelencia científica.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria tras o informe do Consello Galego de Universidades, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil once

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1 Obxecto e ámbito de aplicación.

Constitúe o obxecto deste decreto a regulación do procedemento e as condicións para a obtención, polas universidades do Sistema Universitario de Galicia, da autorización para impartir as ensinanzas universitarias oficiais conducentes aos títulos de grao, máster universitario e doutoramento, así como a súa modificación e supresión.

CAPÍTULO II

Criterios xerais para a planificación universitaria

Artigo 2 Criterios xerais para a planificación universitaria no Sistema Universitario de Galicia.
  1. A planificación universitaria terá por obxecto a mellora da calidade da docencia, investigación e xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria, para lograr que o Sistema Universitario de Galicia sexa competitivo a nivel nacional e internacional.

  2. A implantación de ensinanzas universitarias oficiais por parte das universidades galegas farase en función da viabilidade da titulación proposta, tendo en conta as novas necesidades formativas e as apostas estratéxicas da sociedade galega, e será autorizada pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR