Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango de LeyDecreto

A explotación de équidos con diferentes finalidades representa unha clara opción na diversificación da actividade gandeira cun potencial económico de indubidable valor para o desenvolvemento do medio rural galego.

Para o harmónico desenvolvemento das potencialidades do sector equino faise necesario sentar as bases da súa ordenación mediante a elaboración de normativa que permita unha axeitada xestión produtiva e o eficaz control sanitario do gando.

A obriga de rexistro de todas as explotacións gandeiras recollida na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal foi desenvolvida polo Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral das Explotacións Gandeiras, que inclúe expresamente as explotacións equinas.

A identificación individual dos équidos de crianza e rendemento mediante a dotación dun documento de identificación foi establecida pola Decisión 2000/68 CE da Comisión, do 22 de decembro de 1999 que modificou a Decisión 93/623 CEE, do 20 de outubro de 1993 pola que se establecera a identificación dos équidos rexistrados por medio do documento de identificación denominado «Pasaporte». Este sistema de identificación que era de aplicación só para o caso de movemento dos animais foi profundamente modificado polo Regulamento CE 504/2008, da Comisión, do 6 de xuño, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos.

No ámbito da Comunidade Autónoma galega o Decreto 34/2004, do 29 de xaneiro, que modificou o Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado dos animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, estableceu que o gando equino podería circular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia unicamente co documento denominado «Pasaporte», ou documento que cumpra as exixencias da Decisión 2000/68 CE.

Porén, o vixente sistema de identificación e rexistro dos équidos non resulta suficientemente satisfactorio para dar resposta, tanto á necesidade de realizar un efectivo control sanitario dos animais, como á de acometer a ordenación dos sistemas de produción, tampouco á demanda das persoas consumidoras de asegurar a rastrexabilidade e seguranza dos produtos destinados á alimentación humana, nin a demanda social de respecto ás condicións de benestar dos animais ou da responsabilidade das persoas propietarias de cabalos cando estes causan danos a terceiros, polo que cómpre, ademais, adaptar a regulación autonómica ás prescricións establecidas polo Regulamento (CE) 504/2008 no que respecta aos métodos de identificación dos équidos, ao mesmo tempo que se modifica o sistema de rexistro.

Unha parte moi importante do censo equino galego está representado por animais manexados en réxime de liberdade, nun peculiar sistema de explotación extensivo de silvopastoreo que se asenta sobre pastos de uso común. Este tipo de explotación, baseada no aproveitamento das producións forraxeiras espontáneas dos montes, contribúe ao control do crecemento de materiais combustibles e, polo mesmo, á prevención de lumes forestais, cun evidente beneficio ambiental que interesa potenciar. Porén, a falla de ordenación actual fai que este sistema de explotación represente na práctica unha dificultade engadida para a racionalización dos aproveitamentos forestais.

Cómpre pois regular, polo que respecta ao sector equino, os aproveitamentos de pastos, en uso da competencia que o artigo 36 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, atribúe ao órgano forestal da comunidade autónoma.

As paradas de sementais equinos, a diferenza doutras especies, seguen a ter grande importancia no sector xa que a inseminación artificial en équidos, aínda que é unha práctica utilizada, non está tan xeneralizada como noutras especies gandeiras debido, por unha banda, á menor fertilidade do seme conxelado e, por outra, á necesidade de maiores medios tanto materiais como humanos.

A Orde do 21 de agosto de 1942, pola que se dita o Regulamento Provisional para o Funcionamento e Inspección de Paradas Particulares de Sementais Equinos e o Decreto 2499/1971, do 13 de agosto, polo que se aproban as normas reguladoras da reprodución, foron promulgadas nunha época con condicións de explotación do gando equino con problemática ben distinta á actual.

Por todo isto, co obxecto da conservación, mellora e fomento do gando equino galego, faise necesaria a promulgación dunha normativa que permita garantir o control zootécnico e sanitario das paradas con servizo a terceiras persoas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu título II as competencias da comunidade. Segundo o seu artigo 30.3º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución. Segundo o seu artigo 27.10º correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en montes e aproveitamentos forestais sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º.23 da Constitución, e segundo o seu artigo 27.11º correspóndelle a competencia exclusiva en montes veciñais en man común.

En consecuencia, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de novembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e principios xerais

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer e regular o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro. Regula, así mesmo, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

As disposicións contidas no presente decreto son de aplicación para todos os équidos e as explotacións equinas radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, será de aplicación para équidos cuxa estadía temporal na Comunidade Autónoma de Galicia supere o período de tres meses.

Artigo 3º Definicións.
  1. Para os efectos deste decreto, serán de aplicación as definicións contidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras (Rega) e, se é o caso, na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en canto ás explotacións situadas en terreos forestais.

  2. Así mesmo, entenderase como:

  1. Équido: animal da especie equina ou asnal ou resultante do cruzamento delas.

  2. Explotación equina: calquera instalación, construción ou, no caso de cría ao aire libre, calquera lugar en que se teñan, críen, manexen ou se expoñan ao público animais das especies equinas, con ou sen fins lucrativos, incluíndose as explotacións equinas especiais.

  3. Explotación equina de pequena capacidade: aquela que ten un censo máximo de 3 équidos maiores de 18 meses.

  4. Persoa titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que sexa propietaria ou responsable dunha explotación equina.

  5. Pastos de uso común: son terreos forestais ou agrarios, independentemente da súa titularidade, sobre os que se poden asentar explotacións equinas de varias persoas titulares autorizadas ao aproveitamento en común das producións forraxeiras deses terreos.

  6. Persoa responsable de pasto de uso común: a persoa, física ou xurídica ou unha comunidade veciñal de montes en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas, de ser o caso, do negocio xurídico privado que corresponda, as establecidas neste decreto derivadas do aproveitamento en común dos pastos.

  7. Persoa propietaria de équido: calquera persoa física ou xurídica ou...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR