DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, crea unha rede ecolóxica europea coherente denominada Natura 2000 que constitúe un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. A Rede Natura 2000 está composta polos lugares de importancia comunitaria (en diante, LIC), ata a súa transformación en zonas especiais de conservación (en diante, ZEC), polas ditas ZEC e polas zonas de especial protección para as aves (en diante, ZEPA), declaradas segundo as disposicións da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.

Coa adopción da Decisión 2004/813/CE da Comisión, do 7 de decembro, pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE núm. L 387, do 29.12.2004), e a Decisión 2006/613/CE da Comisión, do 19 de xullo, pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica mediterránea (DOUE núm. L 259, do 21.9.2006), a Comisión Europea aprobou os 59 LIC que foron propostos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Estas listas sufriron sucesivas actualizacións. A este respecto, o réxime actualmente vixente está constituído polas decisións de execución da Comisión 2013/740/UE e 2013/739/UE, do 7 de novembro de 2013, polas que se adopta a sétima lista actualizada de lugares de importancia comunitaria das rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, respectivamente.

O artigo 42.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, establece que, unha vez aprobada a lista de LIC pola Comisión Europea, estes deberán ser declarados como ZEC polas comunidades autónomas correspondentes canto antes e como máximo nun prazo de seis anos, xunto coa aprobación do correspondente plan ou instrumento de xestión. Así mesmo, o artigo 45.1.a) do mesmo texto legal, sobre medidas de conservación da Rede Natura 2000, establece a obriga de elaborar plans ou instrumentos de xestión, específicos para os lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento, que deben incluír, polo menos, os obxectivos de conservación do lugar e as medidas apropiadas para manter os espazos nun estado de conservación favorable. Estes plans deberán ter en especial consideración as necesidades daqueles concellos incluídos na súa totalidade ou nunha gran porcentaxe do seu territorio na Rede Natura 2000.

En particular, de acordo co artigo 36.1 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, mediante este decreto procédese á declaración como ZEC e determinación da fórmula de xestión das áreas mariñas dos LIC marítimo-terrestres que forman parte da Rede Natura 2000 no litoral galego, tendo en conta a súa clara continuidade ecolóxica coas áreas terrestres contiguas. Todo o anterior non vai en detrimento do que se estableza de común acordo coa Administración xeral do Estado en relación coa colaboración necesaria na xestión da biodiversidade nas áreas mariñas da Rede Natura 2000.

A Xunta de Galicia, mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (en diante, ZEPVN), integrou na Rede galega de espazos protexidos todos os LIC propostos para formar parte da Rede Natura 2000 e todos os lugares declarados como ZEPA conforme a Directiva 79/409/CEE do Consello, do 2 de abril de 1979. Tal norma comunitaria foi derrogada en favor da vixente Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro. No referido contexto normativo tamén procede citar o Decreto 131/2008, do 19 de xuño, polo que se declara zona de especial protección para as aves o espazo natural Pena Trevinca, e o Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial protección para as aves da Limia.

Co fin de dar cumprimento ás previsións normativas citadas, este decreto ten por obxecto declarar como ZEC os LIC presentes en Galicia e aprobar o Plan director da Rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión que establece un conxunto de obxectivos e medidas de xestión para os espazos naturais que se inclúen no seu ámbito de aplicación, coa finalidade de asegurar un estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e das especies de interese comunitario da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, e das especies de aves a que se refire o artigo 4 da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro. Trátase dun instrumento que se estrutura e se adapta á figura de plan de ordenación dos recursos naturais (en diante, PORN), figura que permite a planificación en rede e que está prevista tanto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como na Lei 42/2007, do 13 de decembro, complementando os obxectivos formulados en ambas as normativas cos obxectivos e directrices para a xestión dos espazos protexidos Rede Natura 2000.

A delimitación xeográfica dos LIC que se declaran mediante este decreto ZEC correspóndense coa información oficial Rede Natura 2000 (cartografía e formulario normalizado de datos Rede Natura 2000). Na maior parte dos casos os límites xeográficos foron dixitalizados sobre unha base cartográfica a escala 1:50.000 (proxección UTM; datum ED50; fuso 29). Con motivo da declaración de ZEPVN efectuada mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril, obtívose unha delimitación máis precisa, dixitalizada sobre unha base cartográfica 1:5.000 (proxección UTM; datum ED50; fuso 29) dos LIC propostos, escala máis axeitada para a planificación dos recursos naturais.

O procedemento para a validación desta actualización da cartografía oficial con motivo da mellora na escala de traballo iniciouse ante a Administración xeral do Estado en setembro de 2011. A dita actualización non formará parte da información oficial Rede Natura 2000 ata a súa validación pola Comisión Europea, tal e como queda recollido na disposición derradeira primeira deste decreto.

En consecuencia, tal e como se desprende das previsións contidas no artigo 3 e na disposición derradeira primeira, decláranse como ZEC os LIC cos límites xeográficos recollidos nas decisións da Comisión anteditas, que son os que figuran no anexo I do decreto, e apróbase o plan director que será de aplicación á superficie comprendida dentro de tales límites. Ademais, prevese a aplicación do plan director a aquela superficie non incluída no anexo I declarada ZEPVN, como réxime de protección mentres non se produza a aprobación da actualización de límites pola Comisión Europea. Unha vez realizada esta aprobación pola Comisión, o presente decreto garante sempre a declaración como ZEC dos espazos contidos na delimitación actualizada. Para estes efectos autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para modificar...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR