DECRETO 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, coa finalidade de desenvolver medidas que permitan seguir avanzando cara un sistema educativo de calidade, inclusivo, que garanta a igualdade de oportunidades e faga efectiva a posibilidade de que cada alumno e alumna desenvolva ao máximo as súas potencialidades.

Tendo en conta que a educación inicial é cada vez máis determinante, é necesario establecer as condicións que permitan cambios metodolóxicos que fagan posible acadar os obxectivos propostos. En consecuencia, o establecemento de medidas para actuar sobre o currículo son imprescindibles para a mellora. A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, modificou o artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, para definir o currículo como a regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas. O currículo está integrado polos obxectivos da etapa educativa; as competencias, ou capacidades para activar e aplicar de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza ou cada etapa educativa, para lograr a realización axeitada de actividades e a resolución eficaz de problemas complexos; os contidos, ou conxuntos de coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que contribúen ao logro dos obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa e á adquisición de competencias; a metodoloxía didáctica, que comprende tanto a descrición das prácticas docentes coma a organización do traballo do persoal docente; os estándares e resultados de aprendizaxe avaliables, e os criterios de avaliación do grao de adquisición das competencias e do logro dos obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa. Os contidos ordénanse en disciplinas, que se clasifican en materias, ámbitos, áreas e módulos en función das ensinanzas, as etapas educativas ou os programas en que participe o alumnado.

O novo artigo 6 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, define a distribución de competencias entre as distintas administracións educativas e, mesmo, con respecto aos centros docentes. Nesta distribución competencial correspóndelle ao Goberno do Estado, entre outras funcións, o deseño do currículo básico co fin de asegurar unha formación común e o carácter oficial e a validez en todo o territorio nacional das titulacións ás que se refire a lei orgánica. En exercicio desta competencia, e no que atinxe á educación primaria, ditouse o Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da educación primaria, no que desenvolve os aspectos do mesmo en atención á nova configuración do currículo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o parágrafo primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan.

Este decreto ten por obxecto establecer o currículo da educación primaria no sistema educativo galego, dentro do marco de distribución de competencias da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, e en atención á nova configuración curricular que establece o agrupamento de disciplinas en tres bloques: troncais, específicas e de libre configuración autonómica. O currículo, así mesmo, regula a relación entre os obxectivos, os contidos, os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe avaliables e as competencias clave nas diferentes áreas.

O primeiro bloque, correspondente ás disciplinas troncais, trata de garantir os coñecementos e as competencias que permitan adquirir unha formación sólida e continuar con aproveitamento as etapas posteriores naquelas disciplinas que deben ser comúns a todo o alumnado, e que, en todo caso, deben ser avaliadas nas avaliacións finais de etapa. Neste bloque correspóndenlle ao Goberno do Estado a determinación dos contidos comúns, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación, así como o horario mínimo lectivo. Pola súa banda, á Comunidade Autónoma correspóndelle completar e secuenciar en cursos os contidos, adaptándoos á nosa realidade, realizar recomendacións metodolóxicas, completar os criterios de avaliación e fixar o horario lectivo máximo. Os centros docentes poderán completar contidos e deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios.

O bloque de disciplinas específicas permite unha maior autonomía á hora de fixar horarios e contidos das disciplinas. O Goberno do Estado determina os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación, e correspóndelle á Comunidade Autónoma establecer os contidos, completar os criterios de avaliación, realizar recomendacións metodolóxicas e fixar o horario correspondente. Os centros docentes poderán completar os contidos e deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios.

O bloque de disciplinas de libre configuración autonómica supón o maior nivel de autonomía. Nestas disciplinas a Comunidade Autónoma establece os contidos e os estándares de aprendizaxe avaliables, os criterios de avaliación e o horario, así como as recomendacións metodolóxicas. Os centros docentes poderán completar os contidos e configurar a súa oferta formativa, ademais de deseñar e implantar métodos pedagóxicos e didácticos propios e determinar a carga horaria. Neste bloque encádrase o desenvolvemento curricular da disciplina de Lingua Galega e Literatura, competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, á que lle corresponde un tratamento análogo ao da disciplina de Lingua Castelá e Literatura, tratamento que se enmarca dentro do establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia.

O desenvolvemento dos currículos das distintas linguas incorporan unha referencia expresa ao plurilingüismo, na medida en que a competencia en cada lingua interactúa e se enriquece co coñecemento das outras linguas, e contribúe a desenvolver destrezas e capacidades que son a base da competencia en comunicación lingüística. Isto, e a alusión igualmente explícita a actitudes interculturais de respecto a diferentes xeitos de expresarse e actuar, promove o desenvolvemento simultáneo do plurilingüismo e da interculturalidade.

Así, nas idades do alumnado de educación primaria é especialmente salientable que as aprendizaxes de linguas establecidas no currículo desta etapa se traten de xeito integrado, esperten a curiosidade e o interese por outras linguas e culturas distintas da propia e promovan o respecto cara as persoas falantes desas linguas.

En liña coa Recomendación 2006/962/EC, do Parlamento e do Consello, do 18 de decembro de 2006, sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente, neste decreto incorpórase a clasificación e denominación das definidas pola Unión Europea. Considérase que «as competencias clave son aquelas que todas as persoas precisan para a súa realización e desenvolvemento persoal, así como para a cidadanía activa, a inclusión social e o emprego».

Este decreto baséase na potenciación da aprendizaxe por competencias, integradas nos elementos curriculares para propiciar unha renovación na práctica docente e no proceso de ensino e aprendizaxe. Propóñense novos enfoques na aprendizaxe e na avaliación, que van supoñer un importante cambio nas tarefas que teñen que resolver os alumnos e as alumnas, e propostas metodolóxicas innovadoras. Unha competencia supón a combinación de habilidades prácticas, coñecementos, motivación, valores éticos, actitudes, emocións e outros compoñentes sociais e de comportamento que se mobilizan conxuntamente para lograr unha acción eficaz. Xa que logo, as competencias considéranse como coñecemento na práctica, un coñecemento adquirido a través da participación activa en prácticas sociais que, como tales, se poden desenvolver tanto no contexto educativo formal, a través do currículo, coma nos contextos educativos non formais e informais; conceptualízanse como «un saber facer» que se aplica a unha diversidade de contextos académicos, sociais e profesionais.

A aprendizaxe baseada en competencias caracterízase pola súa transversalidade, o seu dinamismo e o seu carácter integral. O proceso de ensino e aprendizaxe competencial debe abordarse desde todas as áreas de coñecemento e por parte das diversas instancias que conforman a comunidade educativa, tanto nos ámbitos formais coma nos non formais e informais; o seu dinamismo reflíctese en que as competencias non se adquiren nun determinado momento e permanecen inalterables, senón que implican un proceso de desenvolvemento mediante o cal os individuos van adquirindo maiores niveis de desempeño no seu uso.

Para lograr este proceso de cambio curricular é preciso favorecer unha visión interdisciplinaria e, de xeito especial, posibilitarlle unha maior autonomía á función docente, de forma que permita satisfacer as demandas dunha maior personalización da educación. O rol do persoal docente é fundamental, pois debe ser quen de deseñar tarefas ou situacións de aprendizaxe que posibiliten a resolución de problemas e a aplicación dos...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR