Decreto 64/2009, do 19 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30º faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, no seu título I, define con carácter xeral os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial, regulando o seu procedemento de declaración, e dispón un réxime xeral de protección e prevendo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, do 21 de agosto, prevese a figura de parque natural.

No ano 1993 declarábase o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, mediante o Decreto 29/1993, do 11 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 35, do 22 de febreiro), aprobándose o seu Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN), de acordo ao Decreto 32/1993, do 11 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 37, do 24 de febreiro). Este parque natural abranguía unha superficie de 20.920 ha, repartidas entre os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. Con posterioridade, no ano 1998 aprobábase o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do espazo, conforme ao disposto no Decreto 155/1998, do 28 de maio (Diario Oficial de Galicia nº 107, do 5 de xuño).

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, mantén como instrumentos básicos do planeamento dos recursos naturais aos plans de ordenación dos recursos naturais (PORN). Estes documentos perfílanse como o instrumento específico das comunidades autónomas para a delimitación, tipificación, integración en rede e determinación da relación dos espazos naturais co resto do territorio, dos sistemas que integran o patrimonio e os recursos naturais dun determinado ámbito espacial. As disposicións contidas nestes plans constituirán un límite para calquera dos outros instrumentos de ordenación territorial ou física, prevalecendo sobre os xa existentes, constituíndo unha condición indispensable coa que pretende atallar a grave deterioración que sobre a natureza produciu a acción do home. Deste xeito, os recursos naturais, e en especial os espazos naturais que se van protexer, serán obxecto dunha planificación encamiñada a adecuar a súa xestión aos principios inspiradores do artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro. Ademais, esta lei confire ás administracións públicas competentes a aprobación dos plans de ordenación dos recursos naturais, ofrecendo así ás comunidades autónomas un importante instrumento para a implantación das súas políticas territoriais.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza (Diario Oficial de Galicia nº 171, do 4 de setembro), establece, en concordancia coa lexislación estatal, como instrumentos específicos de ordenación ambiental os plans de ordenación dos recursos naturais, xunto aos plans reitores de uso e xestión e os plans de conservación.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias en materia de ambiente, de acordo cos termos do artigo 149.1º 23 da Constitución e do Real decreto 1535/1984, declarou por medio do Decreto 72/2004, do 2 de abril, a todos os lugares propostos no territorio da comunidade autónoma para a súa inclusión na Rede Natura 2000 como espazos naturais protexidos baixo a categoría de zonas de especial protección dos valores naturais (ZEPVN), de acordo co establecido coa Lei 9/2001, do 21 de agosto. Estes espazos entran a formar parte da Rede Galega de Espazos Protexidos e, deste xeito, os límites da ZEPVN A Baixa Limia aprobábanse mediante Resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do 30 de abril de 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 95, do 19 de maio).

O 15 de xaneiro de 2008 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea a Decisión 2008/23/CE da Comisión, do 12 de novembro de 2007, pola que se adopta, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, unha primeira lista actualizada de lugares de importancia comunitaria (LIC) da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE L 12, do 15 de xaneiro de 2008), entre os que se inclúe o LIC A Baixa Limia.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece nos seus artigos 4 e 31 que os plans de ordenación dos recursos naturais (PORN) se configuran como instrumentos de planificación dos espazos naturais da Rede Galega de Espazos Protexidos. Na tramitación deste PORN seguíronse os trámites previstos no artigo 7 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, someténdose a información pública e audiencia aos interesados, de acordo coa Resolución do 20 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Diario Oficial de Galicia nº 108, do 5 de xuño), así como ao estudo e a súa valoración polo Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

De conformidade co exposto, resulta procedente aprobar un novo Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, cuxo ámbito de aplicación se estende ás 20.920 hectáreas que actualmente conforman este parque natural e ás novas 8.842 hectáreas, coas que nun futuro se pretende ampliar este espazo natural protexido.

A aprobación deste Plan de ordenación dos recursos naturais é requisito previo, conforme prevé o artigo 23 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, para a ampliación do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés ás 8.842 novas hectáreas, ás cales lles resulta igualmente aplicable o réxime de protección previsto neste instrumento de planificación para o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e logo de deliberación do Consello de la Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de febreiro do dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobación.

Apróbase o novo Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés que aparece recollido no anexo I.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado expresamente o Decreto 32/1993, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de febreiro do dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Plan de ordenación dos recursos naturais do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º Natureza do plan.

Este plan é o instrumento específico para a delimitación, tipificación, integración en rede e determinación da relación do espazo natural co resto do territorio, dos sistemas que integran o patrimonio e os recursos naturais do ámbito territorial do parque natural, conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, así como á Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade (BOE nº 299, do 14 de decembro de 2008).

Artigo 2º Finalidade.

Este Plan de ordenación dos recursos naturais (en diante PORN) ten como finalidade establecer un modelo de xestión que contribúa a alcanzar os obxectivos de conservación e ordenación do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, de acordo cos criterios establecidos nas normativas que rexen a xestión dos espazos naturais e da biodiversidade, a nivel comunitario, nacional e autonómico.

Artigo 3º Ámbito territorial.
  1. O ámbito territorial de aplicación deste PORN abrangue unha superficie total de 29.762 hectáreas, das cales 20.920 hectáreas se...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR