Decreto 15/2005, do 3 de febreiro, polo que se establece a estrutura da área sanitaria de Ferrol.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

Os servizos de saúde teñen como finalidade a prestación de servizos asistenciais á poboación, tanto de tipo preventivo coma asistencial e rehabilitador, onde a atención sociosanitaria ten unha especial relevancia polo aumento da esperanza de vida, a cronicidade dos procesos e a presenza de dependencia e discapacidades.

O Sergas vén prestando estes servizos a través de niveis con estruturas de xestión diferenciadas, pero a atención integral dos problemas de saúde dos cidadáns require a actuación interdisciplinar e coordinada de profesionais dos diferentes ámbitos para garantir os dereitos dos cidadáns e a continuidade asistencial, mediante unha organización centrada no paciente e baseada na calidade asistencial, integrando todas as modalidades asistenciais, que tamén abrangue a atención sociosanitaria, cun modelo integral e un plan de coidados individualizado, buscando ao mesmo tempo unha sinerxía sanitaria e social.

Para levar a efecto o dito cambio, cómpre que as áreas sanitarias que se establezan sexan estruturas de xestión únicas que se adapten á atención integral das necesidades de saúde dos cidadáns, cos seguintes obxectivos:

-A responsabilidade integral na continuidade asistencial de cada paciente, como superación da actual fragmentación da responsabilidade por centros, posibilitando unha mellora real dos procesos asistenciais.

-Intervir no proceso da enfermidade e diminuír a variabilidade clínica, mediante o establecemento de protocolos, guías e vías de práctica clínica.

-Acercar a prestación do servizo ao paciente, evitando os desprazamentos innecesarios.

-Redución da duplicidade de probas, procedementos e tratamentos.

-Integración progresiva da atención en procesos, desde unha óptica asistencial, priorizando aqueles que supoñan un maior volume de actividade nos diferentes ámbitos funcionais.

-Permitir a utilización do nivel máis adecuado de atención en cada etapa do proceso asistencial.

-Favorecer o traballo en equipo e a mellor utilización de recursos, aumentando a implicación dos profesionais na xestión.

-Sentar as bases para o establecemento dun sistema de calidade integrado.

-Dar maior capacidade de xestión que permita a solución das dificultades do día a día no nivel de área.

A desaparición das barreiras entre os dous niveis asistenciais permitirá considerar a atención de cada paciente como un proceso lonxitudinal sen rupturas. Neste esquema, o rol do médico de familia cobra especial importancia como garante da atención da saúde de cada paciente e da integración de todos os seus procesos asistenciais, que comezan e rematan nel, cun enfoque de problemas de saúde, que, xunto co persoal de enfermaría, coordinan a atención comunitaria e desenvolven a educación para a saúde.

O desenvolvemento e organización dos procesos asistenciais significan tamén un maior protagonismo do persoal de enfermaría, que deberá asumir formalmente as funcións de cohesión e continuidade que xa veñen desempeñando na súa actuación profesional, así como as de desenvolvemento dos novos procedementos operativos estándares sanitarios, ampliando o seu ámbito profesional.

Este decreto promúlgase dando cumprimento ás previsións que sobre o ámbito xeográfico das áreas sanitarias contén a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia (Losga). O deseño das áreas sanitarias significa un gran cambio organizativo e de prestación de servizos no sistema sanitario galego. Cómpre que o proceso sexa progresivo, comezando coa área sanitaria de Ferrol, para evitar disfuncións asistenciais.

A Lei de ordenación sanitaria de Galicia, no seu artigo 7, establece que lles corresponde ás áreas sanitarias a xestión unitaria dos recursos sanitarios públicos do seu ámbito territorial así como das súas prestacións e programas sanitarios, e que se desenvolverán por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Sanidade, en función das necesidades sanitarias da comunidade autónoma, tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, meteorolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecida no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, a organización das súas institucións de autogoberno. Da dita facultade deriva a correspondente capacidade de crear órganos e determinar as súas estruturas co fin de facer viva e viable aquela.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade, cos informes previos da Consellería de Presidencia e Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto.

Ao amparo do establecido no artigo 7 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establécese a estrutura da área sanitaria de Ferrol, e regúlanse os seus órganos de dirección, asesoramento e participación, así como o ámbito territorial desta para a xestión integral dos recursos asistenciais, que figura no anexo deste decreto.

Artigo 2º A área sanitaria de Ferrol.
  1. A área sanitaria de Ferrol, como estrutura organizativa sen personalidade xurídica, xestionará a rede galega de atención sanitaria de utilización pública e todos os centros de atención primaria e atención especializada do Sergas.

  2. Correspóndelle á área sanitaria de Ferrol a xestión unitaria dos recursos sanitarios do seu ámbito territorial, así como das prestacións e programas sanitarios que desenvolvan. Para estes efectos, quédanlle adscritos a totalidade dos dispositivos e recursos sanitarios de utilización pública do seu ámbito territorial.

  3. Os centros sanitarios do Sergas que pasan a xestionarse a través da área sanitaria de Ferrol son os seguintes:

-Dirección de Ferrol da Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol.

-Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Artigo 3º Definicións.

Para os efectos deste decreto, entenderase por:

-Proceso asistencial: conxunto de accións consecutivas necesarias para a realización dunha actuación asistencial, desde a prescrición ata a súa finalización, independentemente dos lugares onde se realice.

-Procedemento asistencial: actividade que forma parte dun proceso asistencial.

-Procedemento operativo estándar sanitario (POES): actividade normalizada que pode formar parte dun conxunto de procedementos asistenciais.

-Área de xestión clínica: de acordo co artigo 45 da Losga, a organización sen personalidade xurídica propia que agrupa unidades asistenciais, dun ou varios centros, para a atención integral por procesos dos pacientes, en grupos de patoloxías relacionadas do mesmo sistema, órgano ou aparello.

Capítulo I

Estrutura directiva

Artigo 4º Estrutura directiva.

A estrutura directiva da área de Ferrol componse de órganos unipersoais e órganos colexiados.

  1. Órganos unipersoais.

    Serán os seguintes:

    -A Dirección de área.

    -A Xerencia de Procesos.

    -A Dirección de Procesos Médicos.

    -A Dirección de Procesos Cirúrxicos.

    -A Dirección de Urxencias e Procesos Ambulatorios.

    -A Dirección de Enfermaría.

    -A Dirección de Recursos Económicos e Servizos Xerais.

    -A Dirección de Recursos Humanos.

  2. O máximo responsable da área de Ferrol é o director de área, del depende xerarquicamente o resto dos órganos de dirección. Forman o equipo directivo da área o director de área, o xerente de procesos, o director de Procesos Médicos, o director de Procesos Cirúrxicos, o director de Urxencias e Procesos Ambulatorios, o director de Enfermaría, o director de Recursos Económicos e Servizos Xerais, o director de Recursos Humanos e os subdirectores. Todos eles serán nomeados e cesados polo conselleiro de Sanidade.

  3. Serán órganos colexiados os seguintes:

    1. Como órgano colexiado de dirección da área sanitaria de Ferrol constituirase a Comisión de Dirección.

    2. Como órganos técnicos de asesoramento da Comisión de Dirección constituiranse:

      -A Comisión de Calidade.

      -A Comisión Asistencial.

      -Os comités técnico-sanitarios.

    3. Como órganos colexiados de participación constituiranse:

      -O Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

      -A Comisión de Participación Cidadá.

      Capítulo II

      Órganos unipersoais de dirección

Artigo 5º A Dirección da área sanitaria de Ferrol.
  1. Á fronte da área sanitaria, como máximo responsable da asistencia sanitaria e da seguridade e saúde dos traballadores, e baixo a dependencia do director da División de Asistencia Sanitaria estará o director de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR