DECRETO 89/2012, do 8 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Consello Galego de Relacións Laborais.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Rango de LeyDecreto

A Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, clarifica a súa natureza xurídica como ente público con autonomía e investido de personalidade xurídica e capacidade de obrar para acadar os fins que ten encomendados, e establece no seu título II a estrutura orgánica e o funcionamento do Consello.

Por outro lado, o Decreto 145/2008, do 17 de xullo, dita normas relativas ao funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais derivadas da entrada en vigor da antedita Lei 5/2008 e establece que o persoal deste ente está constituído por:

  1. O persoal laboral procedente do Consello Galego de Relacións Laborais respecto do que o novo ente se subroga na posición de empregador.

  2. O persoal funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais que quede adscrito ao novo ente, sen alteración da súa situación administrativa.

  3. Calquera outro persoal funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que se adscriba ao novo ente a través dos sistemas de provisión de postos de traballo previstos na normativa vixente, sen alteración da súa situación administrativa.

Esta nova realidade, a maior autonomía de funcionamento, a necesidade de axilidade, claridade e seguridade no exercicio das funcións que lle son propias ao Consello, determina a necesidade de contar cunha estrutura orgánica propia, que estará integrada polo persoal laboral e funcionario que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins.

Pola súa banda, o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo recolle a estrutura do Consello Galego de Relacións Laborais, vixente mentres non se proceda á publicación do seu decreto de estrutura orgánica e funcional.

O tempo transcorrido desde a nova regulación deste ente así como a súa evolución fan aconsellable proceder á actualización da normativa da estrutura orgánica do Consello.

En consecuencia, visto o texto aprobado polo Consello Galego de Relacións Laborais, na súa sesión plenaria do 21 de decembro de 2011 e por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO IDisposicións xerais

Artigo 1 Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establecer a estrutura orgánica do Consello Galego de Relacións Laborais como ente público instrumental de consulta e asesoramento adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo.

Artigo 2 O Consello Galego de Relacións Laborais.
  1. O Consello Galego de Relacións Laborais constitúese como ente público de diálogo institucional entre as organizacións sindicais e empresariais representativas de Galicia e como órgano consultivo e asesor da Comunidade Autónoma galega nas materias relativas á súa política laboral.

  2. O Consello Galego de Relacións Laborais conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 3 Sede.
  1. O Consello Galego de Relacións Laborais ten a súa sede central en Santiago de Compostela, sen prexuízo da existencia das delegacións territoriais que se poidan crear.

  2. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais poderá, non obstante, realizar as súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO IIÓrganos do Consello

Artigo 4 Estrutura orgánica.

Para o desempeño das funcións que lle atribúe o artigo 3 da Lei 5/2008, do 23 de maio, o Consello Galego de Relacións Laborais contará cos seguintes órganos e unidades:

  1. De goberno.

    1.1. Órganos colexiados.

    1.1.1. O Pleno.

    1.1.2. A Comisión Permanente.

    1.2. Órganos unipersoais.

    1.2.1. A Presidencia.

  2. De xestión.

    2.1. A Secretaría Xeral.

    2.1.1. Servizo Xurídico e de Solución de Conflitos.

    2.1.2. Servizo de Negociación Colectiva e Xestión de Convenios.

  3. Outros órganos colexiados.

    3.1. O Observatorio Galego da Negociación Colectiva.

    3.2. O Comité Delegado do Pleno para a Emisión de Ditames.

    3.3. A Comisión para a Igualdade de Mulleres e Homes na Negociación Colectiva.

    3.4. As comisións de traballo.

    Sección 1.ª Órganos colexiados de goberno

Artigo 5 O Pleno.
  1. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais constitúe o máximo órgano de decisión do organismo. Está integrado por quen exerza a Presidencia, a Secretaría e por catorce persoas membros, agrupadas do seguinte xeito:

    1. Sete persoas membros das organizacións sindicais que superen o dez por cento da totalidade das e dos representantes legais das traballadoras e dos traballadores de Galicia, computadas o 31 de decembro do ano anterior a aquel en que se produza a renovación do mandato das persoas membros representativas do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais. A súa designación será realizada, en proporción á súa representatividade, polos respectivos sindicatos e serán nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia laboral.

    2. Sete persoas membros das organizacións empresariais de maior representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma, considerando como tales, para os efectos desta lei, as que empreguen como mínimo o dez por cento do persoal traballador no referido ámbito. Serán designadas por elas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia laboral.

    3. Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais, tanto os titulares coma os suplentes, serán designados polas organizacións empresariais e sindicais que teñan a condición de máis representativas, segundo se establece nas letras a) e b) anteriores, conforme os criterios de equilibrio entre ambos os sexos, tal como recolle a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

  2. Por cada persoa membro con representación existirá unha persoa suplente designada conforme o procedemento establecido para a designación das persoas titulares.

  3. A totalidade das persoas integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, a excepción da persoa titular da secretaría, terán dereito a voto.

  4. Son funcións do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais:

    1. Elaborar e remitir, por propia iniciativa, estudos e informes aos departamentos da Administración autonómica e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma e formularlles propostas en materia de política laboral.

    2. Emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR