Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Constitución española no artigo 27.8º establece a obrigatoriedade para os poderes públicos de inspeccionar os centros educativos para garantir o cumprimento das leis.

O Estatuto de autonomía de Galicia no artigo 31 establece a competencia plena desta Comunidade para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que a desenvolven.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, fai referencia expresa no seu artigo 1.k) que son principios de calidade xunto coa avaliación a inspección do conxunto do sistema educativo, tanto do seu deseño e organización coma dos procesos de ensino e aprendizaxe.

A mesma Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, no capítulo II do título VII, regula as funcións e organización da Inspección Educativa, así como a formación permanente dos inspectores de educación; e na súa disposición adicional undécima establece, no marco da carreira docente, o procedemento de acceso ao corpo de inspectores de Educación.

O modelo de Inspección Educativa que a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, define en canto á súa configuración básica, responde á necesidade de especialización. Trátase, en efecto, de asegurar en cada un dos ámbitos territoriais, para os efectos de acceso ao corpo de inspectores de Educación e de provisión de postos de traballo mediante concurso de traslados de ámbito nacional, unhas exixencias básicas comúns para todo o Estado, sempre sen prexuízo da organización específica que para os servizos de Inspección cada Administración educativa determine no ámbito das súas competencias.

En desenvolvemento da citada lei orgánica aprobáronse, por un lado, o Real decreto 1538/2003, do 5 de decembro, que establece as especialidades básicas da Inspección Educativa, considerando un dos principios de calidade do sistema educativo a inspección do conxunto do sistema educativo e, por outro, o Real decreto 334/2004, do 27 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes que imparten as ensinanzas escolares do sistema educativo e no corpo de inspectores de Educación.

Na súa virtude, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e por proposta do con

selleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º Obxecto.
  1. O presente decreto ten por obxecto regular a organización e o funcionamento da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o procedemento de acceso ao corpo de inspectores de Educación.

  2. A estrutura e o funcionamento da Inspección Educativa articularase, en todo caso, tendo en conta as especialidades establecidas polo Goberno do Estado en uso das competencias atribuídas polo artigo 106.1º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, atendendo aos diferentes niveis educativos e especialidades docentes.

Artigo 2º Inspección Educativa.
  1. A consellería competente en materia de educación, no desempeño das súas atribucións, exercerá a inspección sobre todos os centros docentes, servizos, programas e actividades que integran o sistema educativo de Galicia, tanto de titularidade pública como privada, en todos os niveis educativos, co fin de asegurar o cumprimento das leis, contribuír á mellora do sistema educativo, á calidade do ensino, así como á garantía dos dereitos e á observancia dos deberes de cantos participan nos procesos de ensino e aprendizaxe.

  2. A Inspección Educativa é a organización integrada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que se lle atribúe a inspección a que se refire o punto anterior.

  3. Os funcionarios do corpo de inspectores de Educación e do corpo a extinguir de inspectores ao servizo da Administración educativa estarán integrados na Inspección Educativa.

Artigo 3º Funcións da Inspección Educativa.

As funcións da Inspección Educativa serán as seguintes:

  1. Controlar e supervisar, desde o punto de vista pedagóxico e organizativo, o funcionamento dos centros educativos, tanto de titularidade pública como privada.

  2. Supervisar a práctica docente e colaborar na súa mellora continua e na do funcionamento dos centros, así como nos procesos de reforma educativa e de renovación pedagóxica.

  3. Participar na avaliación do sistema educativo, especialmente na que corresponde aos centros escolares, á función directiva e á función docente, a través da análise da organización, funcionamento e resultados destes.

  4. Velar polo cumprimento nos centros educativos das leis, regulamentos e demais disposicións que afecten o sistema educativo.

  5. Asesorar, orientar e informar os distintos sectores da comunidade educativa no exercicio dos seus dereitos e no cumprimento das súas obrigas.

  6. Informar sobre os programas e actividades de carácter educativo promovidos ou autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como sobre calquera aspecto relacionado co ensino que lle sexa requirido pola autoridade competente ou que coñeza no exercicio das súas funcións, a través das canles regulamentarias.

  7. Cantas outras se lle atribúan dentro do ámbito das súas competencias.

Artigo 4º Exercicio das funcións de Inspección.
  1. As funcións da Inspección Educativa serán desempeñadas polos inspectores de Educación. Son inspectores de Educación os funcionarios pertencentes ao corpo de inspectores de Educación e ao corpo dos inspectores ao servizo da Administración educativa.

  2. No ámbito das súas competencias, os inspectores de Educación levarán a cabo as funcións que lles son propias, tanto por iniciativa propia, como por instancia razoada de parte interesada, como por orde superior.

  3. No exercicio das súas funcións, os inspectores de Educación terán a consideración de autoridade pública e, como tal, están facultados para levantar actas con natureza de documento público e recibirán dos diferentes membros da comunidade educativa así como doutras autoridades, organismos e institucións a axuda e a colaboración necesarias para o desenvolvemento da súa actividade.

  4. As funcións que neste decreto se lle asignan á Inspección Educativa exerceranse sen prexuízo das que as disposicións vixentes lles atribúan aos órganos de goberno e de participación no control e na xestión dos centros docentes.

  5. A actividade dos inspectores de Educación terá unha dobre vertente: a xeral, común a todos, e a especializada, vencellada á especialidade a que cada inspector estea adscrito.

Artigo 5º Procedemento de actuación.

As actuacións dos inspectores de educación concretaranse en informes, propostas, actas e dictames que, de ordinario, serán dirixido ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR