Decreto 331/2005, do 28 de xullo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior en animación sociocultural.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

De acordo coa competencia plena que figura no artigo 31 do Estatuto de autonomía, de conformidade co Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, aprobouse o Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos na Comunidade Autónoma de Galicia, que determina os aspectos que deben cumprir os currículos dos diferentes ciclos formativos.

O Real decreto 2058/1995, do 22 de decembro, establece o título de técnico superior en animación sociocultural e as súas correspondentes ensinanzas mínimas, e, na súa disposición adicional segunda, habilita os órganos competentes das comunidades autónomas para executaren e desenvolveren o disposto neste real decreto.

O Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro, adscribe o profesorado do corpo de profesorado de ensino secundario e do corpo de profesorado técnico de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo, completa a ordenación básica relativa a estas ensinanzas e, na súa disposición derradeira primeira, número 2, autoriza as comunidades autónomas para ditaren no ámbito das súas competencias as normas que cumpriren para a aplicación e o desenvolvemento deste real decreto.

Seguindo os principios xerais que deben rexer a actividade educativa, recollidos nos preceptos anteriores, o currículo dos ciclos formativos da formación profesional específica establécese de xeito que per

mita a adaptación da nova titulación ao campo profesional e de traballo na realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación do sector produtivo da nosa economía, tendo en conta a marxe suficiente de autonomía pedagóxica que posibilite aos centros adecuaren a docencia ás características do alumnado e ao contorno sociocultural do centro.

Isto require o posterior desenvolvemento nas programacións elaboradas polo equipo docente do ciclo formativo que concrete a adaptación sinalada, tomando como referencia inmediata as capacidades profesionais que definen o perfil profesional do título. Estas permitirán realizar o papel do posto de traballo en actividades específicas que producen resultados concretos, dirixir as variacións que se dan na práctica do traballo e nos procesos produtivos, actuar correctamente ante anomalías, dirixir o conxunto do traballo e acadar os obxectivos da organización, así como establecer prioridades e actuar en coordinación con outros departamentos.

O currículo que se establece no presente decreto desenvólvese tendo en conta os obxectivos xerais que fixan as capacidades que o alumnado debe acadar ao finalizar o ciclo formativo, e describen o conxunto de aptitudes que configura a cualificación profesional, así como os obxectivos dos distintos módulos profesionais, expresados neste decreto como capacidades terminais elementais, que definen en termos de resultados avaliables o comportamento, o saber e o comprender que se requiren do alumnado para acadar os logros profesionais do perfil profesional.

Estas capacidades acádanse a partir duns contidos mínimos necesarios de tipo conceptual, procedemental e actitudinal que proporcionarán o soporte de información e destreza preciso para desenvolver comportamentos profesionais, tanto no aspecto tecnolóxico como no de valoración funcional e técnica. Estes contidos son igualmente importantes, xa que todos eles levan a acadar as capacidades terminais elementais sinaladas en cada módulo. Preséntanse agrupados en bloques que non constitúen un temario nin son unidades compartimentadas que teñan por si mesmas sentido, a súa estrutura responde a aquilo que deberá ter en conta o profesorado á hora de elaborar as programacións de aula e a orde en que se presentan non implica secuencia.

O proxecto integrado, que se inclúe neste ciclo formativo, permite comprender globalmente os aspectos sobresalientes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais. Ademais, integra ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxía, técnicas e procesos que se desenvolvan nas diferentes actividades produtivas do sector a que corresponda o título e, ao mesmo tempo, permite adquirir coñecementos,

habilidades, destrezas e actitudes que favorecen o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión que, sendo demandadas polo contorno produtivo en que radica o centro, non puidesen ser recollidas no resto dos módulos profesionais.

A inclusión do módulo de formación en centros de traballo (FCT) posibilita que o alumnado complete a competencia profesional acadada no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades produtivas e/ou de servizos -contidos do centro de traballo. Estas actividades de referencia poden ser modificadas ou substituídas por outras que, adaptándose mellor ao proceso produtivo ou de servizos do centro de traballo, conduzan á adquisición das capacidades terminais deste módulo.

Os centros educativos disporán dun determinado número de horas que lles permitirán realizar o desenvolvemento curricular establecendo os obxectivos, os contidos, os criterios de avaliación, a secuencia e a metodoloxía que respondan ás características do alumnado e ás posibilidades de formación que ofrece o seu contorno.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, co informe do Consello Galego de Formación Profesional e do Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

  1. Título, perfil e currículo.

Artigo 1º Identificación do título.
  1. Este decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas de formación profesional relativas ao título de técnico superior en animación sociocultural, regulado polo Real decreto 2058/1995, do 22 de decembro, polo que se aproban as ensinanzas mínimas.

  2. A denominación, o nivel de formación profesional e a duración do ciclo formativo son os que se establecen no número 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º Perfil profesional.

A competencia xeral, as capacidades profesionais, as unidades de competencia, as realizacións e os criterios de realización, o dominio profesional, así como a evolución da competencia e a posición no proceso produtivo que definen o perfil profesional do título son os que se establecen no número 2 do anexo deste decreto.

Artigo 3º Currículo do ciclo formativo.

O currículo do ciclo formativo é o que se establece no número 3 do anexo deste decreto. As capacidades terminais elementais son os resultados avaliables de cada módulo.

  1. Ordenación académica e impartición.

Artigo 4º Admisión de alumnado.

Os criterios de prioridade na admisión de alumnado para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no número 4.1 do anexo deste decreto.

Artigo 5º Profesorado.
  1. As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no número 4.2.1 do anexo deste decreto.

  2. As materias de bacharelato que poden ser impartidas polo profesorado das especialidades relacionadas no presente título son as que se expresan no número 4.2.2 do anexo deste decreto.

  3. As titulacións declaradas equivalentes para efectos de docencia son as que se expresan no número 4.2.3 do anexo deste decreto.

Artigo 6º Espazos e instalacións.

Os requisitos de espazos e instalacións que deben reunir os centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no número 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 7º Validacións, correspondencias e acceso a estudos universitarios.
  1. Os módulos susceptibles de validación por estudos de formación profesional ocupacional ou correspondencia coa práctica laboral son os que se especifican, respectivamente, nos números 4.4.1 e 4.4.2 do anexo deste decreto.

  2. Sen prexuízo do anterior, por proposta do Ministerio de Educación e Ciencia, e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, poderanse incluír, de ser o caso, outros módulos susceptibles de validación e correspondencia coa formación profesional ocupacional e a práctica laboral.

  3. As persoas que cursen este ciclo formativo poderán, unha vez que o superen, acceder aos estudos universitarios que se indican no número 4.4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º Distribución horaria.
  1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no número 4.5 do anexo deste decreto.

  2. As horas de libre disposición que se inclúen neste número serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioprodutivo.

    Disposición adicional

    A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá adecuar as ensinanzas deste ciclo

    formativo ás peculiares características da educación a distancia e da educación de persoas adultas, así como ás características do alumnado con necesidades educativas especiais.

    Disposicións derradeiras

    Primeira.-Autorízase...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR