Resolución do 8 de abril de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal laboral do sector sanitario de Galicia xestionado por fundacións públicas sanitarias ou empresas públicas.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS
Rango de LeyResolución

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para o sector de actividade de asistencia sanitaria, tanto hospitalaria como extrahospitalaria, prestada nas institucións sanitarias de titularidade pública baixo a modalidade xurídica de fundacións ou sociedades públicas autonómicas, sometidas ao protectorado da Consellería de Sanidade, que se subscribiu dunha parte entre os representantes do protectorado exercido pola Consellería de Sanidade e polos representantes das fundacións e empresas incluídas no seu ámbito de aplicación, e doutra polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e USO,

de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2005.

Antonio de la Hera Roldán

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo para o sector de actividade

de asistencia sanitaria, hospitalaria e extrahospitalaria,

prestada nas institucións sanitarias de titularidade

pública baixo a modalidade xurídica de fundacións

ou sociedades públicas autonómicas, sometidas

ao protectorado da Consellería de Sanidade

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Ámbito de aplicación.

Este convenio por sector de actividade regulamenta as condicións de traballo do persoal que, con vínculo laboral, indefinido ou temporal, presta servizos nas fundacións constituídas pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou sociedades públicas autonómicas, que desenvolvan actividade sanitaria, tanto hospitalaria como extrahospitalaria, ou calquera outra análoga ou complementaria. Neste momento é de aplicación ás fundacións e sociedades públicas seguintes:

Fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés.

Fundación Pública Hospital da Barbanza.

Fundación Hospital de Verín.

Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira.

Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A. (MEDTEC).

Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas).

Exclúese o persoal vinculado mediante contrato de alta dirección que se regulará polas disposicións legais de carácter especial.

Poderán adherirse a este convenio outras fundacións ou sociedades públicas, do sector anteriormente referido, que xa estean constituídas e en funcionamento neste momento ou o fagan no futuro.

Para a citada adhesión requirirase un proceso negociador para tal fin, e levarase a efecto, de se tratar de entidades con convenio colectivo vixente, unha vez rematada a súa vixencia; de non existir convenio colectivo propio, a adhesión poderá producirse en calquera momento.

Artigo 2º Vixencia e denuncia.
  1. O convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2007.

  2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os efectos económicos retrotraeranse á data do 1 de xaneiro de 2004, no que se refire ás contías establecidas no anexo I. Retrotraeranse á data 1 de xaneiro de 2005 as contías dos anexos II e IV. As disposicións en materia de xornada retrotraeranse ao 1 de xaneiro de 2005.

  3. O convenio prorrogarase automaticamente cando non sexa denunciado por calquera das partes, por escrito, dentro dos dous meses anteriores ao remate da súa vixencia. No caso de producirse a denuncia, permanecerá vixente o seu contido normativo ata a súa substitución por un novo convenio. A comisión negociadora deste deberá constituírse no prazo de 30 días desde a dita denuncia. De producirse a prórroga automática deste convenio as contías salariais previstas nos anexos retributivos serán incrementadas conforme se dispoña na Lei de orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de Galicia.

  4. No suposto de que a xurisdición social declare a nulidade de parte do seu articulado, as partes procederán á súa renegociación baixo o principio de que a dita nulidade non supón a da totalidade do convenio.

Artigo 3º Compensación e absorción.

As condicións establecidas neste convenio compensarán e absorberán as vixentes no momento da súa entrada en vigor, tanto resultantes de pacto individual como colectivo.

  1. O complemento de compensación percibirase segundo o establecido no artigo 29º deste convenio.

  2. O complemento de compensación será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza, incluso as derivadas do cambio de posto de traballo, sempre que as devanditas melloras retributivas non deriven dos incrementos retributivos anuais que, con carácter xeral, establezan as correspondentes leis de orzamentos anuais da comunidade autónoma.

Artigo 4º Condicións máis beneficiosas.

Unicamente poderán pactarse condicións individuais máis beneficiosas, estritamente ad personam, cando veñan xustificadas pola organización do traballo e as condicións particulares de prestación do servizo non previstas neste convenio.

Artigo 5º Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria de vixilancia, control e interpretación do convenio que, para os efectos pretendidos, realizará todas as funcións inherentes a este triple cometido. A comisión estará composta por quince membros de cada unha das partes, e deberá contituírse no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor do presente convenio.

A comisión reunirase con carácter ordinario polomenos unha vez cada dous meses e, con carácter extraordinario, cando o soliciten un mínimo de oito membros de calquera das partes. Neste caso a reunión celebrarase nun prazo non superior a 15 días desde a dita solicitude.

Os acordos da comisión adoptaranse por maioría superior ao 50 por 100 dos membros de cada unha das partes, e serán recollidos en acta, dándoselles a debida publicidade nos taboleiros de anuncios das institucións incluídas no ámbito de aplicación do convenio. De considerarse necesario pola súa transcendencia, poderase aprobar a publicidade dos acordos no Diario Oficial de Galicia.

As partes recoñecen a comisión paritaria como instancia previa na que haberá de procurarse, en primeiro termo, a solución dos conflitos colectivos que xurdan sobre a interpretación e aplicación do convenio.

En consecuencia, as controversias desta natureza que sexan suscitadas por calquera das partes deberán ser sometidas inicialmente ao coñecemento da comisión.

Os acordos, nestes supostos, adoptaranse por maioría de 2/3 de cada unha das partes e serán vinculantes, coa conseguinte resolución da controversia, sen que caiba, polo tanto, o exercicio de ningunha acción xudicial.

Artigo 6º Solución extraxudicial de conflitos colectivos.

Unha vez esgotada a vía prevista no artigo anterior, as partes poderán acordar, por unanimidade, acudir ao procedemento recollido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Excepcionalmente, así mesmo, por unanimidade, poderanse designar outro/s mediador/es de alta cualificación, cando as características, especial complexidade ou singularidade da controversia que se subscite así o aconsellen.

Para acudir á solución xudicial do conflito será preciso acreditar a previa intervención, debidamente certificada da comisión paritaria.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º Organización do traballo.

A actividade prestacional propia das institucións sanitarias está dirixida de xeito directo ou indirecto a garantir o dereito universal á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución española e, como o seu corolario, a dispensar, en todo momento e ocasión, unha axeitada asistencia sanitaria. Así, a organización do traballo inherente ao exercicio e desenvolvemento daquela compete, como...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR