Decreto 112/2008, do 15 de maio, polo que se aproban os Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, en relación co 18, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, creado mediante Lei 10/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, acordou, na Asemblea Xeral extraordinaria, que tivo lugar o 29 de marzo de 2008, a aprobación dos seus estatutos definitivos, adaptados ao disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Os ditos estatutos foron comunicados á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da súa cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia que ten atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único Aprobación dos Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

Apróbanse, por ser adecuados á legalidade, os Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º Natureza xurídica.
  1. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (no sucesivo, o Colexio) é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e polas prescricións destes estatutos.

  2. O Colexio ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, e de acordo coa legalidade vixente, pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, subscribir convenios, obrigarse e exercitar accións e interpor recursos en todas as vías e xurisdicións para o cumprimento dos seus fins.

  3. O Colexio funcionará baixo o principio de estrutura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle correspondan.

Artigo 2º Relacións coa Administración.

O Colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relaciónase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión ou actividade profesional, coa consellería competente por razón da materia.

Artigo 3º Ámbito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do Colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia. O seu domicilio e sede establécese no Centro Empresarial Compostela, rúa Fernando III O Santo, 32 baixo, 15701 Santiago de Compostela. A Asemblea Xeral poderá, en todo caso, acordar unha nova sede dentro do ámbito territorial, coa correspondente modificación estatutaria.

Artigo 4º Membros do Colexio.
  1. O Colexio agrupará obrigatoriamente a todas as persoas españolas e estranxeiras que, por estaren en posesión do título oficial de enxeñaría en informática ou licenciatura en informática expedido polo Estado, ou dos títulos comunitarios ou estranxeiros que se homologuen a estes, desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón dos devanditos títulos con domicilio profesional na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes serán os chamados membros ou colexiados/as de número.

  2. Exceptúase da colexiación obrigatoria a profesionais vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, cando o destinatario da súa actuación, ben sexa para o exercicio de funcións puramente administrativas, ben para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración a que pertenza, sexa esa Administración.

  3. Os membros xubilados poderán seguir pertencendo ao Colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

  4. O Colexio establece tamén os membros ou colexiados/as de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión, que lle rendan ou rendesen servizos destacados a este ou á profesión. Este título será outorgado, mediante acordo da Asemblea xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

  5. De conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, abondará coa colexiación nun só colexio territorial, que será o do domicilio profesional único ou principal. O exercicio no ámbito territorial doutro colexio diferente ao de adscrición deberá comunicarse mediante o procedemento que se regula no artigo 12º destes estatutos.

  6. Poderanse dar de alta como pre-colexiadas as persoas que estean cursando os estudos de enxeñaría en informática e teñan acadado un mínimo do 80 por cento dos créditos.

  1. Terán todos os dereitos do/da colexiado/a, excepto:

    -Posibilidade de participación en órganos de goberno.

    -Voto nas asembleas.

    -Todos aqueles que para a súa utilización requiran da posesión da titulación e o Colexio poña á disposición dos/das colexiados/as para o desenvolvemento da súa profesión como titulados/as. Todo iso con base no regulamento interno e nas decisións do goberno do colexio.

  2. Terán tamén todos os deberes do/da colexiado/a, excepto aqueles relacionados co desenvolvemento da profesión como titulados/as.

  3. Deberán xustificar anualmente e cando o Colexio o requira a continuidade da situación que o/a habilita como pre-colexiado/a.

  4. Terán a obriga de notificar, nun prazo dun mes, a baixa da condición que o/a habilita como pre-colexiado/a.

Artigo 5º Fins.
  1. Son fins esenciais do Colexio os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan a seguir:

    1. A ordenación, no ámbito da súa competencia e de acordo co establecido polas leis, do exercicio da profesión da enxeñaría en informática en todas as súas formas e especialidades, a representación exclusiva desta profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as.

    2. Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, mediante a promoción, salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR