Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial protección para as aves da Limia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango de LeyDecreto

O artigo 4.1º da Directiva 79/409/CEE do Consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres, establece que os estados membros clasificarán en zonas de especial protección para as aves (ZEPA) os territorios máis adecuados en número e superficie para a conservación das especies mencionadas no anexo I da dita directiva, adoptando medidas semellantes respecto das especies migratorias non recollidas no anexo I cuxa chegada sexa regular.

A declaración dun espazo natural como ZEPA leva a súa inclusión directa na Rede Natura 2000, tal como establece a Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e implica o compromiso de establecer medidas de conservación adecuadas para evitar a deterioración dos seus hábitats, así como as perturbacións que poidan afectar significativamente ás aves. Estas medidas poderán establecerse mediante plans de xestión específicos ou ben integradas noutros instrumentos de planificación.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, sinala que as zonas de especial protección para as aves terán a consideración de espazos protexidos, coa denominación de espazo protexido Rede Natura 2000 e co alcance e as limitacións que as comunidades autónomas establezan na súa lexislación e nos correspondentes instrumentos de planificación. O artigo 43 da citada lei establece que corresponde ás comunidades autónomas, logo de procedemento de información pública, a declaración das zonas de especial protección de aves no seu ámbito territorial, incluíndo información sobre os seus límites xeográficos, os hábitats e sobre as especies polas que se declararon. Neste sentido, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, regula no seu artigo 16 as zonas de especial protección dos valores naturais, incluíndo nesta categoría as zonas de especial protección para as aves.

A principios do ano 2000 a Comisión Europea iniciou un proceso de infracción contra o Reino de España por insuficiente designación de zonas de especial protección para as aves, xa que, desde o punto de vista da Comisión, o proceso de constitución da rede de ZEPA en España estaba inconcluso, mostrando carencias importantes. Consumando as súas reiteradas advertencias, a comisión presentou en xuño de 2004 ante o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas unha demanda contra o Reino de España, co fin de que se declare que ao non clasificar como ZEPA suficientes territorios en número e superficie como para ofrecer unha protección a todas as especies de aves enumeradas no anexo I da Directiva 79/409/CEE, así como ás especies migratorias non recollidas no mencionado anexo I, incumpriu as obrigas que lle incumben de acordo co artigo 4, puntos 1 e 2, da directiva.

Mediante sentenza do 28 de xuño de 2007 o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas decidiu que o Reino de España incumpriu as obrigas que lle incumben en virtude do artigo 4, puntos 1º e 2º, da Directiva 79/409/CEE do Consello, do 2 de abril de 1979, ao non clasificar como zonas de protección especial para as aves territorios suficientes en superficie nas comunidades autónomas de Andalucía, Baleares e Canarias e territorios suficientes en número nas comunidades autónomas de Andalucía, Baleares, Canarias, Castilla-La Mancha, Cataluña, Galicia e Valencia, para ofrecer unha protección a todas as especies de aves enumeradas no anexo I desta directiva, así como ás especies migratorias non recollidas no devandito anexo.

Por medio do Decreto 131/2008, do 19 de xuño, declarouse a ZEPA Pena Trevinca cumprindo parcialmente a Sentenza do 28 de xuño de 2007, do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, de tal forma que a rede ZEPA de Galicia está composta por 15 lugares (Illas Cíes, Ribadeo, Ría de Ortigueira e Ladrido, Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, Costa da Morte (Norte), Illa de Ons, Costa de Ferrolterra - Valdoviño, Complexo Litoral de Corrubedo, Costa da Mariña Occidental, Ría de Foz, Os Ancares, Esteiro do Miño, Baixa Limia-Serra do Xurés, Serra da Enciña da Lastra e Pena Trevinca) que alcanzan unha superficie total de 94.089 ha.

A Comisión Europea considerou que para a definición dos territorios máis apropiados para a conservación e, en particular, para a supervivencia e a reprodución das especies importantes, segundo o disposto no artigo 4, puntos 1º e 2º da Directiva 79/409/CEE, os estados membros deben basear a súa avaliación exclusivamente en criterios científicos ornitolóxicos e que o Inventario de Áreas Importantes para as Aves 98 publicado por SEO/BirdLife, supón a referencia máis documentada e máis precisa entre as dispoñibles. Das 11 áreas importantes para as aves identificadas en Galicia, só A Limia, non conta con algún grao de cobertura por medio dunha ZEPA. Co propósito de cumprir adecuadamente cos obxectivos da directiva e os requirimentos da Comisión Europea, a Consellería do Medio Rural avaliou a importancia ornitolóxica deste territorio e identificou as zonas de maior relevancia.

Na actualidade, a Limia presenta, ademais dun relevo practicamente chan, unha paisaxe eminentemente agrícola e escasamente forestada, na que dominan os cultivos cerealeiros de secaño. Esta fisionomía da vexetación e os factores topográficos poderían conferirlle á comarca algúns trazos de ecosistemas pseudoesteparios nun sentido amplo, a pesar de que na Limia faltan superficies significativas de herbais seminaturais ou pastoreados, aínda que presentes en sectores de antigas veigas de inundación transformadas. No entanto, na comarca existen efectivos relevantes de varias especies de aves consideradas xenuinamente esteparias, como o sisón (Tetrax tetrax), o alcaraván (Burhinus oedicnemus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a calandriña común (Calandrella brachydactila), xunto a outras propias de áreas abertas en xeral como a laverca (Alauda arvensis), a cotovía cristada (Galerida cristata), a pica campestre (Anthus campestris) ou o trigueirón (Miliaria calandra). Desta forma, a pesar de non poder ser recoñecida como unha auténtica estepa, hoxe en día a maior parte da comarca da Limia pode definirse como un ecosistema agrario pseudoestepario de chaira cerealeira.

Mediante Resolución do 11 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declaran zonas de especial protección para as aves A Limia e Pena Trevinca abriuse un prazo dun mes, para que aquelas persoas interesadas que se considerasen directamente afectadas pola declaración puidesen, mediante escrito dirixido á dirección xeral, remitir as súas suxestións e alegacións. Formuláronse 6.263 alegacións relativas á ZEPA da Limia, nas que, na súa maior parte, se manifesta a desconformidade cos límites establecidos no proxecto de decreto e solicítase a súa retirada. Unha vez analizadas as alegacións recibidas e tidos en conta os requirimentos legais existentes, optouse por aceptar parcialmente as alegacións e realizar un axuste na delimitación da ZEPA.

Unha vez sometido a información pública e de acordo co establecido polo artigo 44 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, por medio deste decreto declárase a ZEPA A Limia cunha superficie de 6.939,2 ha, e unha zona periférica de protección cunha superficie de 7.558,6 ha, nos termos que define o artigo 37 da Lei 42/2007, e que ten como finalidade desenvolver un sistema integrado de conservación baseado na aplicación de medidas activas de desenvolvemento rural sustentable en consonancia co Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia que constitúe o instrumento que implementa o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural conforme co Regulamento (CE) 689/2005. O Plan de desenvolvemento sustentable da Limia constituirá un alicerce básico na harmonización do desenvolvemento e a conservación desta área.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do noso Estatuto de autonomía, de conformidade co disposto no seu artigo 27.30º.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º Declaración.
  1. De conformidade co establecido na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, declárase a zona de especial protección para as aves A Limia. Os límites e a extensión deste espazo protexido veñen recollidos e cartografados no anexo I e II deste decreto.

  2. De conformidade co establecido no artigo 16 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declárase zona de especial protección dos valores naturais o ámbito territorial definido no punto anterior.

Artigo 2º Finalidade.

A declaración do espazo natural da Limia como zona de especial protección para as aves ten por finalidade a protección e a conservación do hábitat e das especies de aves sinaladas no anexo III deste decreto, así como das demais especies migratorias de presenza regular na zona, especialmente no que se refire á protección dos seus lugares de reprodución, muda, invernada e descanso, nos termos expresados na Directiva 79/409/CEE, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.

Artigo 3º Medidas de conservación.
  1. Na zona de especial protección para as aves A Limia evitarase a deterioración dos hábitat naturais e dos hábitat das especies, así como as...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR