Decreto 61/2011, do 24 de marzo, polo que se establece o regulamento orgánico das escolas de arte e superiores de deseño da Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os principios xerais que deben rexer o sistema educativo e dedica os artigos 45º, 46º, 51º, 52º, 53º, 57º e 58º á ordenación das ensinanzas profesionais e superiores de artes plásticas e deseño.

En consonancia co disposto no artigo 6º.2 da citada lei, o goberno estableceu no Real decreto 596/2007, do 24 de maio, a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño; e no Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, a ordenación das ensinanzas artísticas superiores reguladas na citada lei orgánica.

Así mesmo, o artigo 107º.3 da citada lei orgánica dispón que lles corresponde ás comunidades autónomas regular a organización dos centros que ofrezan algunhas das ensinanzas artísticas superiores definidas como tales no artigo 45º desa lei.

O Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, establece os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Por outra banda, o artigo 111º.5 da precitada lei orgánica establece que lles corresponde ás administracións educativas determinar a denominación daqueles centros públicos que ofrezan ensinanzas agrupadas de xeito distinto ás definidas na lei. Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Decreto 207/2005, do 14 de xullo, transformou as escolas de arte da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas de arte e superiores de deseño, agrupando nelas a oferta educativa tanto das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, como das superiores de deseño.

Así mesmo, o Decreto 79/2010, do 20 de maio, establece o marco normativo para o plurilingüísmo no ensino non universitario de Galicia.

Cómpre pois, dadas as características singulares das escolas de arte e superiores de deseño, dotalas tamén dun marco de organización, funcionamento e goberno diferenciado dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas de réxime xeral. Isto implica que os ditos centros precisen dunha regulación específica que lles permita poñer en marcha dinámicas de funcionamento propias, nas que concreten tanto os aspectos relacionados co seu goberno e administración como aqueles de tipo organizativo que permitan realizar de maneira singular as actividades académicas e artísticas propias destes centros. Para tal fin, o proxecto educativo e a programación xeral anual concrétanse nun proxecto funcional e nun plan anual, respectivamente, que recollen as especificidades organizativas e pedagóxicas propias destes centros.

É, pois, a finalidade deste decreto regular a nivel autonómico os criterios comúns para a organización e o funcionamento das escolas de arte e superiores de deseño, dentro do marco de autonomía tanto no pedagóxico, a través da elaboración dos seus proxectos educativos, como no que respecta á xestión económica dos recursos e á elaboración das súas normas de organización e funcionamento, tal como que se lles recoñece a estes centros, no capítulo II do título V da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Igualmente, este decreto, coa finalidade de garantir a calidade e promover a excelencia das escolas de arte e superiores de deseño, establece a realización de avaliacións internas, por parte de cada escola e externas, baixo a responsabilidade da consellería competente en materia de educación, destinadas a pescudar o nivel de logros destes centros docentes públicos, de acordo cos requirimentos sociais da formación nas ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e as superiores de deseño. A información obtida mediante estas avaliacións permitirá determinar os elementos que actúan sobre a eficiencia e a eficacia das escolas de arte e superiores de deseño para, en consecuencia, ratificalos, modificalos ou substituílos coa finalidade de asegurar a súa calidade.

Así, coa finalidade de lograr nestas escolas actuacións de excelencia, por unha parte este decreto establece medidas de coordinación entre o profesorado e promove a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación e, pola outra, a consellería competente en materia de educación fomentará a formación dos/das docentes de artes plásticas e deseño establecendo programas específicos para tal fin.

De conformidade co exposto, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo de informe do Consello Escolar de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de marzo de dous mil once,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. O obxecto deste decreto é a regulación do funcionamento e a organización das escolas de arte e superiores de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, creadas mediante o Decreto 207/2005, do 14 de xullo, e de acordo co establecido no artigo 107º.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

  2. Tamén será de aplicación aos centros privados de ensinanzas de artes plásticas e deseño en todos aqueles aspectos que non contraveñan o establecido na súa lexislación específica e os límites fixados por ela.

Artigo 2º Creación e supresión das escolas de arte e superiores de deseño.
  1. A creación e supresión das escolas de arte e superiores de deseño dependentes da consellería competente en materia de educación correspóndelle á Xunta de Galicia mediante decreto, por proposta da persoa titular da dita consellería.

  2. É competencia da consellería competente en materia de educación a autorización de centros privados que impartan ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas superiores de deseño ou ensinanzas superiores de artes plásticas que, en todo caso, deberán reunir as condicións establecidas na normativa vixente.

  3. A revogación da autorización terá lugar cando non cumpran os obxectivos para as que foran autorizadas.

Artigo 3º Denominación das escolas de arte e superiores de deseño.
  1. Os centros públicos que impartan as ensinanzas establecidas nos artigos 45º e 46º, e reguladas nos artigos 51º, 52º, 53º, 57º e 58º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, denominaranse xenericamente «escolas de arte e superiores de deseño», de acordo cos artigos 58º.3 e 111º.5 da citada Lei orgánica 2/2006.

  2. As escolas de arte e superiores de deseño poderán ter unha denominación específica que aprobará a consellería competente en materia de educación, por proposta da xunta de escola.

  3. Non poderán existir na mesma localidade escolas de arte e superiores de deseño coa mesma denominación específica.

  4. De acordo co establecido no artigo 2º.3 do Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, os centros docentes privados que impartan ensinanzas de artes plásticas e deseño, denominaranse xenericamente centros...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR