Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

A Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, establecendo as disposicións e principios necesarios para garantir o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, simplificando os procedementos e impulsando a modernización das administracións públicas.

Para alcanzar o obxectivo de reformar significativamente o marco regulatorio non abonda co establecemento dos principios xerais que deben rexer a regulación actual e futura das actividades de servizos, senón que é preciso proceder a un exercicio de avaliación de toda a normativa reguladora do acceso ás actividades de servizos e do seu exercicio, para adecuala aos principios que a dita lei establece. Como consecuencia, procedeuse a modificar, entre outras, a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que regulan as actuacións dos organismos e entidades que operan no ámbito da calidade e da seguridade industrial.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, modificada pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, establece no seu artigo 13 que o cumprimento das exixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial, sen prexuízo do control pola Administración pública, se probará de acordo cos regulamentos que resulten aplicables utilizando, entre outros medios, certificación ou acta dun organismo de control.

Así mesmo, tamén establece que as administracións públicas competentes poderán comprobar en calquera momento por si mesmas ou a través de organismos de control o cumprimento das disposicións e requisitos de seguridade, de oficio ou por instancia da parte interesada en casos de risco significativo para as persoas, animais, bens ou o ambiente.

O Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o regulamento da infraestrutura para a seguridade e a calidade industrial, veu desenvolver os aspectos contidos no título III da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, sobre os organismos e entidades que operan no ámbito da calidade e da seguridade industrial.

O Real decreto 338/2010, do 19 de marzo, modificou o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, definindo os organismos de control como as persoas naturais ou xurídicas que, tendo plena capacidade de obrar, se constitúen coa finalidade de verificar o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría.

O Real decreto 338/2010 modifica os criterios e procedementos de acreditación e autorización dos organismos de control, o alcance destas e as entidades e autoridades competentes para outorgalas.

As previsións establecidas no Real decreto 338/2010 fan necesario derrogar o Decreto 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial en Galicia, en canto se opón ao que se establece no real decreto citado, e a parte dos principios xerais da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Por outro lado, resulta necesario determinar o órgano competente para autorizar os organismos de control que inicien a súa actividade ou sitúen as súas instalacións na comunidade autónoma, a publicación oficial das autorizacións que se outorguen, así como o procedemento de comunicación das actuacións á Administración. Respecto do procedemento de comunicación, o decreto introduce a obrigatoriedade de facelo a través da tramitación e presentación telemática, desenvolvendo o disposto no artigo 27º.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Respecto da normativa galega en materia de seguridade industrial, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, establece e regula o sistema de control da seguridade industrial e defíneo como o conxunto de instrumentos legais orientados a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial. O desenvolvemento da lei...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR