Decreto 30/2010, do 4 de marzo, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten asignadas competencias nesta materia, en virtude do Decreto 303/2009, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da dita competencia, dispón no seu artigo 18 que os colexios profesionais lle comunicarán á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as modificacións para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, e inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, creado por Decreto 250/1997, do 25 de agosto, acordou en asemblea xeral a aprobación da modificación dos seus estatutos, co obxecto de adaptalos ao disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

As modificacións estatutarias foron comunicadas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa cualificación de legalidade e posterior aprobación definitiva, segundo establece o artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos, e en uso das facultades que me foron conferidas polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, que figuran, en versión consolidadada, como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros

Técnicos Forestais de Galicia

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º Constitución e funcionamento.
  1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, creado polo Decreto 250/1997, do 25 de agosto, é o organismo representativo da profesión no seu ámbito territorial, e para as relacións internacionais, con entidades oficiais e asociacións profesionais doutros países, sen prexuízo das competencias do Consello Xeral de Colexios. Rexeranse no sucesivo, desenvolvendo o artigo 36 da Constitución española, pola Lei de colexios profesionais, pola lexislación relativa a colexios profesionais que aprobe a comunidade autónoma no ámbito do seu territorio, polo disposto nestes estatutos xerais e polos estatutos aprobados ou que aprobe no futuro o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

  2. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e para o exercicio das súas facultades, gozando do rango e preeminencia das corporacións de dereito público para todos os efectos civís e administrativos.

  3. A estrutura interna e o funcionamento do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia deberán ser democráticos.

Artigo 2º Relación coa Administración.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos recollidos nas leis, relacionarase coa Administración xeral do Estado a través dos departamentos ministeriais que sexan pertinentes, e coa Administración autonómica a través dos departamentos ou consellerías correspondentes, e nas cuestións referentes ao contido da profesión a través dos competentes ao respecto.

Artigo 3º Alcance.
  1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia agrupará obrigatoriamente a todos os titulados, axudantes e peritos de montes e enxeñeiros técnicos forestais, ou calquera outra nomenclatura que puider substituíla nun futuro, no exercicio da súa profesión, con título oficial recoñecido polo Estado, procedentes de centros docentes creados ou recoñecidos polo Estado ou polas comunidades autónomas no ámbito das súas respectivas competencias, xa sexan públicos ou privados, e aos enxeñeiros con título estranxeiro homologado ou recoñecido oficialmente, para efectos profesionais, polo Estado español, co de enxeñeiro técnico forestal. Así mesmo, poderá integrar outros enxeñeiros de segundo ciclo cuxos títulos abrangan campos incluídos na enxeñaría técnica forestal.

  2. Exceptúanse da colexiación obrigatoria os profesionais vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, cando o destinatario da súa actuación ben sexa para o exercicio de funcións puramente administrativas ou para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración a que pertenzan, sexa cal sexa esa Administración.

  3. Os colexiados xubilados poderá seguir pertencendo ao Colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

  4. En todo caso será obrigatoria a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 4º Ámbito territorial.
  1. O ámbito do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia abrangue o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde exercerá as súas competencias de maneira exclusiva e excluínte.

  2. A sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia radicará na rúa Sánchez Freire, nº 64, baixo dta., Santiago de Compostela.

Título II

Dos fins, funcións e facultades do colexio

Artigo 5º Fins e funcións do colexio.
  1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais terá a título enunciativo e non limitativo os seguintes fins e funcións no seu ámbito territorial:

    1. Emitir informe, nos termos previstos na lexislación aplicable, sobre os proxectos de lei e de disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica forestal ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos forestais e a súa relación con outras profesións, ensino, atribucións e incompatibilidades. Cooperar na mellora dos estudos que conduzan á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.

    2. Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais, persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que afecten directamente a profesión ou os profesionais, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e as demais actividades relacionadas cos seus fins que lles poidan ser solicitadas ou acorden formular por iniciativa propia.

    3. Participar nos consellos, comisións técnicas ou organismos consultivos das administracións públicas en materia de competencia da profesión e emitir informe sobre as modificacións da lexislación vixente en todo canto se refira á profesión.

    4. Participar na elaboración dos plans de estudos das escolas universitarias de enxeñeiros técnicos forestais, e emitir informe preceptivo sobre os plans doutras ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coa actividade forestal, así como a posible creación de escolas universitarias de enxeñaría técnica forestal, manter contacto permanente con elas e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos graduados.

    5. Desempeñar no seu ámbito a representación e a defensa da profesión de enxeñeiro técnico forestal ante as administracións públicas, os tribunais de xustiza, institucións, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ou poidan afectar os intereses profesionais e exercer o dereito de petición conforme a lexislación sobre colexios profesionais.

    6. Cooperar coa Administración de xustiza e os demais organismos oficiais na designación de colexiados que vaian realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais; e para tal efecto facilitarase periodicamente, e sempre que o soliciten, o anuario de colexiados dispoñibles.

    7. Velar polos dereitos e deberes dos colexiados, defendéndoos debidamente...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR