Decreto 188/2008, do 28 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Rango de LeyDecreto

Por medio do Decreto 519/2005, do 6 outubro, foi establecida a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Este decreto foi obxecto de modificación polos decretos 65/2006, do 20 de abril, 122/2007, do 21 de xuño, e 51/2008, do 6 de marzo.

Tal estrutura orgánica tamén se veu afectada polas previsións do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, mediante o que foron aprobados os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e a conseguinte transferencia de medios humanos e materiais da consellería en favor da dita axencia, para o desenvolvemento das funcións que este organismo ten atribuídas legalmente. Así mesmo, a Lei 16/2007, do 26 de decembro, prevé a creación do/da Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia, órgano superior da consellería en materia de coordinación, seguimento e asesoramento respecto das directrices e estratexias vinculadas á seguridade viaria de Galicia.

Os referidos cambios normativos xustifican a necesidade de proceder a establecer a nova estrutura dos órganos superiores da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, incluíndo a nova denominación do órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo e a definición das funcións que corresponderá desenvolver á persoa designada titular do Comisionado para a Seguridade Viaria de Galicia, así como a creación de diferentes subdireccións xerais e servizos para un mellor desenvolvemento das atribucións que corresponden á consellería, seguindo os principios de racionalidade, eficacia e economía que deben presidir toda organización administrativa.

Xunto co exposto, e coa finalidade de establecer formalmente cales son os órganos superiores da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, así como os entes e organismos que ten adscritos, resulta obrigado proceder a modificar o artigo 4º do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

En consecuencia, a iniciativa do conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e en uso das facultades que teñen atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, despois dos informes favorables das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, así como do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º Competencias e funcións.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes é o departamento da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde o exercicio das competencias en materia de política territorial, urbanismo, ordenación do litoral, portos, estradas, transportes e comunicacións, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co previsto na Constitución española.

Artigo 2º Estrutura orgánica.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, para o cumprimento das funcións e competencias que ten atribuídas pola lexislación vixente, terá a seguinte estrutura orgánica:

  1. O/a conselleiro/a.

  2. A Secretaría Xeral.

  3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

  4. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

  5. A Dirección Xeral de Transportes.

  6. O/a Comisionado/a para a Seguridade Viaria de Galicia.

  7. As delegacións provinciais.

Artigo 3º Entes e órganos adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.
  1. Quedan adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, sen prexuízo da súa natureza xurídica:

    -O ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro.

    -A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, creada pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

    -O Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

  2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, de conformidade co previsto nas súas normas reguladoras:

    -O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

    -A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1.d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

    -A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, creada polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro.

Artigo 4º O/a conselleiro/a.

O/a conselleiro/a é a superior autoridade da consellería e, con tal carácter, está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia.

Artigo 5º A Secretaría Xeral

Funcións e competencias.

A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación coas diferentes unidades e servizos nos que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6º A Secretaría Xeral: estrutura e funcións.

Baixo a dependencia directa da persoa titular, e para o exercicio das competencias previstas no artigo anterior, a Secretaría Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás que corresponderán as funcións que a continuación se detallan:

  1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

    1.1. Funcións:

    1. A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

    2. A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da consellería, así como a organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

    3. A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior da consellería.

    4. A xestión dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola secretaría xeral.

    5. A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

    6. En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral.

    1.2. Estrutura:

    Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

    -Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

    -Servizo de Persoal e Réxime Interior.

  2. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo.

    2.1. Funcións:

    1. O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

    2. O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

    3. A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

    4. A emisión dos informes encomendados pola persoa titular da secretaría xeral, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

    5. A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

    6. A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

    7. En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral.

    2.2. Estrutura:

    Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

    -Servizo Técnico-Xurídico.

    -Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

  3. Subdirección Xeral de Informática.

    3.1. Funcións:

    Corresponderanlle, sen prexuízo das competencias que en materia informática ten atribuídas a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, as seguintes:

    1. A planificación, supervisión e control dos sistemas e tecnoloxías da información da consellería.

    2. A...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR