DECRETO 118/2012, do 20 de abril, polo que se regula o Rexistro Galego de Comercio.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

I

O artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece que, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11.ª e 13.ª da Constitución, a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e a lexislación sobre a defensa da competencia.

II

A Directiva 2006/123/CE, do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (en adiante, a Directiva de servizos), supón un punto de inflexión nas relacións entre o sector empresarial e as administracións públicas e, en consecuencia, coa actividade comercial. Efectivamente, a Directiva de servizos supón, con respecto á actividade comercial, un cambio conceptual que favorece o réxime de comunicación sobre o de autorización e impulsa a interoperabilidade e coordinación entre os diferentes niveis administrativos que interveñen.

A Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, transpón a Directiva de servizos, que impón aos Estados membros a obriga de eliminar todas as trabas xurídicas e barreiras administrativas inxustificadas á liberdade de establecemento e de prestación de servizos que se inclúen nos artigos 49 e 56 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, respectivamente, tomando como referencia o mercado europeo como marco da distribución comercial, pois estamos ante unha economía cada vez máis globalizada e liberalizada.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 7/2009, do 22 de decembro, de modificación da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de ordenación do comercio interior de Galicia, para adecuar o seu contido, no que atinxe á autorización autonómica da instalación de establecementos comerciais de incidencia supramunicipal, ás exixencias de supresión de trámites innecesarios e de simplificación de procedementos administrativos no outorgamento das autorizacións pertinentes en materia de comercio. Tamén aprobou a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva de servizos.

Non obstante, o carácter parcial da modificación efectuada mediante a Lei 7/2009, do 22 de decembro e a necesidade de afrontar unha actualización integral da normativa comercial exixían a aprobación dunha nova lei de comercio que dese resposta ás novas realidades xurdidas nos últimos tempos, así como ás necesidades das persoas comerciantes, garantindo a debida protección das persoas consumidoras e usuarias. Por esta razón, o Parlamento galego aprobou a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

O artigo 8 da devandita lei crea o Rexistro Galego de Comercio, só para os efectos estatísticos e co propósito de crear un censo actualizado de establecementos comerciais de Galicia, que ten por obxecto a inscrición dos establecementos comerciais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das persoas comerciantes e das asociacións por elas constituídas.

O Rexistro Galego de Comercio será público e a inscrición nel é gratuíta e considerada condición indispensable para optar a calquera das liñas de axuda convocadas pola Administración da Comunidade Autónoma ou para participar activamente nos programas específicos.

Voluntariamente, calquera comerciante poderá instar a súa inscrición no Rexistro Galego de Comercio, mediante a acreditación dos correspondentes datos.

Para os meros efectos estatísticos, existirá unha sección de comerciantes ambulantes no Rexistro Galego de Comercio. A inscrición nesta sección será voluntaria para a persoa comerciante, terá carácter previo ao inicio da actividade e unha vixencia de cinco anos renovables. A non inscrición ou renovación non constituirá ningún impedimento para o exercicio da venda ambulante.

As persoas físicas ou xurídicas domiciliadas en territorio galego que exerzan a actividade de venda a distancia en calquera ámbito territorial deberanlle comunicar, no prazo de tres meses, o inicio da súa actividade á correspondente sección do Rexistro de Vendas a Distancia (estase a referir máis ben a unha sección de venda a distancia no Rexistro Galego de Comercio).

As persoas físicas ou xurídicas que realicen a actividade comercial en réxime de franquía en territorio galego deberanllo comunicar á sección desta actividade do Rexistro Galego de Comercio no prazo de tres meses desde o inicio dela, sempre que teñan o seu domicilio social ou unha delegación ou representación en Galicia.

O artigo 105, apartados a).1, c.1 e i), da Lei do comercio interior de Galicia, tipifica as seguintes infraccións administrativas graves: exercer unha actividade comercial sen realizar a comunicación en prazo ao Rexistro Galego de Comercio, realizar vendas a distancia con incumprimento das condicións e das limitacións que para as devanditas vendas establece esta lei e incumprir, por parte de quen outorgue o contrato de franquía, a obriga de comunicación do inicio da actividade ao rexistro previsto no artigo 92.2 no prazo a que se refire ese precepto, así como non actualizar os datos que con carácter anual deban realizar.

III

Nestes últimos anos as administracións públicas en xeral e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en particular, realizaron especiais esforzos co fin de mellorar as súas relacións coa cidadanía, incorporando o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións, modernizando a súa prestación de servizos e, sobre todo, obrigándose a realizar as adaptacións xurídicas, tecnolóxicas e organizativas necesarias que permitan garantir os dereitos da cidadanía a relacionarse por medios electrónicos. Por tanto, fai falta unha adaptación tanto á Directiva de servizos como ao resto da normativa vixente en materia de simplificación administrativa e de administración electrónica. Neste sentido, son destacables as achegas de dúas normas, unha de carácter estatal, pero básica para todas as administracións públicas e outra de carácter regulamentario para a Comunidade Autónoma de Galicia.

En primeiro lugar, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Esta lei contén moitos aspectos destacables relacionados co recoñecemento dos dereitos da cidadanía a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e coa consecuente imposición das correspondentes obrigas ás administracións públicas para garantir o cumprimento destes dereitos. Pero hai que destacar os aspectos relacionados coa cooperación inter e intra administrativa (título IV), que se converte nun dos elementos fundamentais deste decreto. Este aspecto ten que ser impulsado necesariamente co fin de poder facer realidade a interoperabilidade dos sistemas de información e conseguir os propósitos de mellora na tramitación. Pero tamén son destacables as necesidades de coordinación e interoperabilidade entre as diferentes administracións públicas afectadas e, en especial, entre os concellos e a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que han de conseguir unha importante fluidez nas súas comunicacións, mediante o uso das plataformas tecnolóxicas corporativas existentes.

En segundo lugar, o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Esta norma incide, por unha banda, no impulso da interoperabilidade e na necesaria coordinación entre as diferentes administracións públicas galegas; e, por outra, en todo o que implica a tramitación electrónica, na importancia da simplificación previa dos trámites: cumprimento de requisitos, achega de documentos e, en especial, a eliminación de pasos innecesarios nos procedementos.

O devandito decreto continúa coa tarefa de simplificación documental e dos procedementos administrativos que xa fora posta en marcha no Decreto 255/2008, do 23 de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR