Decreto 220/2007, do 15 de novembro, polo que se crea o sistema oficial para o control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Rango de LeyDecreto

A publicación do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución, incorpora á nosa lexislación nacional a Directiva 1999/105/CE do Consello, do 22 de decembro de 1999, sobre a comercialización dos materiais forestais de reprodución que refunde e actualiza a normativa anterior para o efecto.

O punto 4º do artigo 12 do Real decreto 289/2003, establece que o órgano competente da respectiva comunidade autónoma deberá garantir, mediante un sistema de control oficial, que os materiais de reprodución procedentes de unidades de admisión individuais ou de lotes sexan claramente identificables durante todo o proceso desde a recolleita ata a entrega á persoa consumidora final. O dito sistema será comunicado á Dirección Xeral de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Pola súa banda, o artigo 39 da Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos, indica que o proceso de produción e precintaxe de sementes e plantas de viveiro estará sometido a un control oficial para determinar se o material vexetal cumpre cos requisitos establecidos para cada categoría, que será levado a cabo directamente polas comunidades autónomas segundo a normativa vixente. O control oficial faino extensivo á comercialización e actividade das persoas provedoras.

Deste xeito a finalidade deste decreto é a creación dun sistema de control oficial, conforme a normativa existente no Estado español e Unión Europea, que permita asegurar que os materiais forestais de reprodución que se van empregar en silvicultura sexan fenotípica e xeneticamente de calidade, e se axeitan ás condicións do medio no que se emprega; así como, garantir ao longo dos procesos de produción e comercialización a identificación dos materiais forestais de reprodución.

En consecuencia, e no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e mais pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, e demais normativa concordante, de acordo co ditame do Consello Consultivo, por proposta da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de novembro dous mil sete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto e fin.
  1. O obxecto deste decreto é a creación e regulación do sistema oficial para o control da produción con finalidades de comercialización dos materiais forestais de reprodución e da súa comercialización.

  2. A finalidade da creación do devandito sistema é dar garantías suficientes, tanto ás persoas intermediarias, como ás persoas destinatarias finais dos materiais forestais de reprodución, que a identificación destes se manteña ao longo dos procesos de produción e de comercialización, así como que a súa calidade responda a criterios legalmente establecidos.

  3. Para a súa consecución establécense unha serie de normas e unha organización administrativa que asegure a trazabilidade ao longo de todo o proceso. Supletoriamente a esta norma aplicarase o Real decreto 289/2003, do 7 de marzo, sobre comercialización dos materiais forestais de reprodución.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.
  1. O sistema oficial para o control da produción con fins de comercialización e da comercialización establécese para os materiais forestais de reprodución das especies forestais e dos seus híbridos que figuran no anexo I deste decreto, conforme o establecido nos anexos I e XII do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

  2. O sistema oficial de control non se aplicará aos materiais forestais de reprodución que sexan destinados a terceiros países que non sexan membros da Unión Europea, ou que sexan destinados a un uso distinto ao forestal.

Artigo 3º Definicións.
  1. Para os efectos deste decreto, defínense os seguintes termos:

    1.1. Materiais forestais de reprodución: os froitos, sementes, partes de plantas e plantas que se utilizan para a multiplicación das especies forestais e dos seus híbridos artificiais.

    1.2. Materiais de base para a produción de material forestal de reprodución: fonte de semente, mouteira, horto de semente, proxenitor de familia, clon e mestura de clons.

    1.3. Unidade de admisión autorizada: cada unha das entradas de materiais de base no Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución, así como no Rexistro nacional de materiais de base.

    1.4. Produción: o conxunto de operacións encamiñadas á transformación dos froitos en semente, á multiplicación e acondicionamento das sementes, partes de plantas e plantas para efectuar sementeiras ou plantacións.

    1.5. Comercialización: a venda, a exposición con vistas á venda, a oferta de venda e toda cesión, entrega ou transmisión con fins de explotación comercial do material forestal de reprodución, incluída calquera persoa consumidora, a título oneroso ou non.

    1.6. Persoa provedora: toda persoa, física ou xurídica, que exerza profesionalmente en relación cos materiais forestais de reprodución algunhas das seguintes actividades: xestión de campos de plantas nai para a obtención de materiais forestais de reprodución, recolleita, extracción e acondicionamento de sementes, produción, almacenaxe, importación e comercialización ou posta no mercado.

    1.7. Campo de plantas nai: a instalación de materiais forestais de reprodución obtidos a partir dunha unidade de admisión autorizada coa finalidade de aumentar o número total de materiais forestais de reprodución aplicando técnicas de multiplicación vexetativa. Pode incluír materiais producidos a partir de sementes de colleitas diferentes.

    1.8. Certificado patrón: o documento que ten como finalidade a identificación dos materiais forestais de reprodución procedentes dunha unidade de admisión autorizada.

  2. As definicións contidas neste artigo estenderanse completadas coas previstas no artigo 2 do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

    CAPÍTULO II

    Sistema oficial de control da produción e comercialización dos materiais forestais de reprodución

Artigo 4º Actividades de produción e comercialización obxecto de control.

Co fin de articular os instrumentos de control cos procesos de produción e de comercialización distinguiranse as seguintes actividades:

  1. Recolleita de froitos, sementes, plantas e partes de plantas.

  2. Extracción e acondicionamento de sementes.

  3. Xestión de campos de plantas nai para a obtención de materiais forestais de reprodución.

  4. Produción de planta.

  5. Comercialización de froitos e sementes, partes de planta e plantas.

Artigo 5º Principios do sistema de control.
  1. Ao longo de todo o proceso de produción, desde a recolleita ata a entrega á persoa usuaria final, os lotes de materiais forestais de reprodución estarán identificados e separados, incluíndo en todo caso unha etiqueta con referencia á unidade de admisión autorizada.

  2. Os materiais forestais de reprodución producidos e comercializados deberán proceder exclusivamente de unidades de admisión autorizadas, agás no caso de dificultades da subministración e importación de países terceiros que se atenderá ao disposto nos artigos 14 e 15 respectivamente do Real decreto 289/2003, do 7 de marzo.

Artigo 6º Instrumentos do sistema de control.

Son instrumentos do sistema oficial para o control da produción con vistas á comercialización e da comercialización dos materiais forestais de reprodución os seguintes:

  1. Rexistro galego de materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución creado por Decreto135/2004, do 17 de xuño.

  2. Rexistro oficial de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución de Galicia.

  3. Relación auxiliar de persoas provedoras de materiais forestais de reprodución non domiciliados en Galicia.

  4. Rexistro de campos de plantas nai de Galicia.

  5. Certificados patrón e referencias a estes durante todo o proceso de produción e de comercialización.

  6. Documentos de control da produción:

    1. Notificacións de recolleita de froitos, sementes e partes de plantas.

    2. Notificacións de extracción e acondicionamento de sementes.

    3. Notificacións de produción de planta e de mestura de lotes.

  7. Documentos de control da comercialización:

    1. Etiquetas e documentos da persoa provedora.

    2. Libros de rexistro dos movementos dos materiais forestais de reprodución.

    3. Declaracións anuais relativas aos procesos de produción e comercialización.

    4. Análise da calidade exterior de sementes.

    5. Avaliación da calidade exterior das...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR