RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto de obter e/ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorAxencia Turismo de Galicia
Rango de LeyResolución

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ten por obxecto a planificación, a ordenación, a promoción e o fomento do turismo na Comunidade Autónoma de Galicia, e establece entre os fins que persegue a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, así como o impulso á profesionalización do sector.

Constitúe o obxectivo fundamental desta resolución impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española (en diante, ICTE) que ten en conta o prestixio, a fiabilidade, a rigurosidade e a profesionalidade dos establecementos avalados. Todo isto para asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a través da mellora da competitividade das empresas turísticas e a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial; a mellora do posicionamento do turismo no panorama nacional e internacional e a diversificación da oferta turística de Galicia coa consolidación dos produtos turísticos clave para competir no ámbito turístico nacional e internacional e a creación de novos produtos que posibiliten unha vantaxe competitiva e permitan desestacionalizar a demanda turística.

O acceso xeneralizado ao consumo turístico implica un cambio no comportamento dos viaxeiros e un crecente nivel de exixencia. Os destinos que abordan unha estratexia de calidade obteñen maiores índices de satisfacción do turista. A calidade dos establecementos e produtos turísticos convértese así no feito diferencial que lles proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar.

Para lograr o éxito nas políticas de calidade é fundamental o compromiso e a implicación conxunta tanto da Administración competente na materia como do propio sector, sendo este o principal axente e beneficiario de ditas políticas de calidade.

A finalidade última da presente resolución é complementar o marco xeral do programa de axudas para a dinamización turística co fin de contribuír a configurar Galicia como un destino turístico multiexperiencial, equilibrado territorialmente, de reducida estacionalidade e de calidade, reforzando a súa competitividade, xa que as profundas transformacións que continuamente experimenta o mercado turístico obrigan os destinos a levar a cabo a necesaria adaptación estrutural que lles permita continuar desfrutando da súa cota de mercado.

Deste xeito, a Axencia Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, ao abeiro do establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

  1. Convocatoria e bases reguladoras.

    Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto de obter e/ou manter a marca Q de Calidade Turística do ICTE, así como efectuar a súa convocatoria para o ano 2018.

    O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro).

  2. Solicitudes.

  3. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

  4. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 4 das bases reguladoras.

  5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

    Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

    O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

  6. Información aos/ás interesados/as.

    Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

    1. Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

    2. Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU970A.

    3. Os teléfonos 981 54 63 63 e 981 54 63 64 da devandita axencia.

    4. Enderezo electrónico fomento.turismo@xunta.gal.

  7. Réxime de recursos.

    A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos:

    1. Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    2. Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

  8. Base de datos nacional de subvencións.

    En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

    Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018

    Mª Nava Castro DomínguezDirectora da Axencia Turismo de Galicia

    ANEXO I

    Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística segundo as normas do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE)

Artigo 1 Obxecto e réxime das subvencións
  1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, ao seguimento e á renovación da marca Q de Calidade Turística do ICTE.

  2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018. Concretamente, serán subvencionables:

    • Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior; quedan excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR