Decreto 81/2005, do 14 de abril, polo que se regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO
Rango de LeyDecreto

Á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto pola Constitución española no seu título VIII, capítulo III, artigo 149.1º.27 e no Estatuto de autonomía, no título II, capítulo I, artigo 34, correspóndelle o desenvolvemento lexislativo e a execución do réxime da televisión nos termos e casos que determine o Estatuto xurídico da radio e da televisión.

A Lei 66/1997, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, supón o inicio para a introdución da televisión dixital en España, regulándose a través da súa disposición adicional 44ª o réxime xurídico da televisión dixital terrestre. Nesta establécese a obrigatoriedade de dispoñer do correspondente título habilitante para a prestación do dito servizo. A súa eficacia condicionábase á aprobación polo ministerio competente nesta materia dos correspondentes regulamentos técnicos e de prestación do servizo e do plan técnico nacional da televisión dixital terrestre, aprobado polo Real decreto 2169/1998, do 9 de outubro.

Por outra parte, as leis 53/2002 e 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, introducen importantes modificacións na Lei 41/1995, do 22 de decembro, de televisión local por ondas terrestres que permite impulsala, implantando a tecnoloxía dixital como medio de emisión e transmisión de imaxes.

De igual modo, a súa eficacia supeditouse á aprobación do Plan técnico nacional de televisión dixital local, por medio do Real decreto 439/2004, do 12 de marzo, modificado polo Real decreto 2268/2004, do 3 de decembro, a través dos que se determinan as canles necesarias para a prestación do servizo de televisión local e os seus ámbitos de cobertura na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sen prexuízo do réxime xurídico básico existente para o servizo público de televisión en xeral, a Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial e en execución da competencia recoñecida no artigo 34 do seu Estatuto de autonomía, pretende regular o réxime xurídico do servizo público da televisión dixital de ámbito autonómico e local, e en particular, os principios xerais que rexen o servizo e fins da concesión, así como o procedemento para o seu outorgamento.

Así mesmo, con independencia das competencias que sobre o servizo público de televisión exerce a consellería competente en materia de comunicación

social da Xunta de Galicia, o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia a través da comisión correspondente informará sobre os asuntos que aquela lle solicite.

A observancia das normas que regulan a prestación deste servizo exixe que a comunidade autónoma, dentro do seu ámbito competencial, estableza os instrumentos de control, inspección e sanción que velen polo seu cumprimento.

Tamén co obxectivo de coñecer o estado, situación e necesidades das emisoras de televisión autonómica e local faise necesario dispoñer dun instrumento axeitado que cumpra esta finalidade, creándose o Rexistro de Concesionarios do servizo de televisión autonómica e local no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que, logo do informe do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de catorce de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto regular o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital terrestre, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º Principios xerais do servizo público e fins da concesión.
  1. Os principios xerais que inspiran a xestión do servizo público de televisión son:

    1. A obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións.

    2. A separación entre as informacións e as opinións, a identificación de quen sustente estas últimas, a súa libre expresión cos límites do punto 4º do artigo 20 da Constitución española.

    3. O respecto ao pluralismo político, social, cultural, relixioso e lingüístico.

    4. O dereito á honra, á fama e á intimidade persoal e familiar e o dereito de rectificación, así como os demais dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución española.

    5. A protección dos dereitos da xuventude e da infancia.

    6. O respecto aos valores de igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución española.

    7. O fomento e defensa da cultura, dos intereses locais e autonómicos así como a promoción da convivencia impulsando, para tal efecto, a participación dos grupos sociais do ámbito territorial correspondente.

    8. Favorecer a educación, a cultura e a difusión dos valores cívicos e dos coñecementos sociais, económicos, artísticos, científicos e técnicos.

    9. A defensa e preservación do medio.

    10. Fomentar a exhibición da produción audiovisual española e europea e, en especial, da produción audiovisual galega en todas as súas manifestacións, de conformidade cos obxectivos aos que se refire o artigo 8 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

  2. A concesión administrativa do servizo público terá principalmente os seguintes fins:

    1. O fomento dos valores e da identidade cultural, económica e social de Galicia e dos intereses locais e autonómicos correspondentes, impulsando a participación dos grupos sociais deste ámbito territorial.

    2. A creación de programas, valorando especialmente a emisión dos programas de produción propia e das producións audiovisuais galegas en todas as súas manifestacións.

    3. A participación nas producións audiovisuais de orixe galega ou en coproducións audiovisuais nas que a participación dunha produtora galega acade, polo menos, o 25% da produción total.

    4. A difusión de programas de carácter educativo, cultural así como aqueles que favorezan a difusión dos valores cívicos e dos coñecementos sociais, económicos, artísticos, científicos e técnicos.

    5. A introdución de novos servizos de valor engadido adicionais a través da televisión dixital terrestre, como pode ser o acceso á internet.

    6. A viabilidade técnica, profesional e económica do proxecto de televisión e a xeración de emprego.

Artigo 3º Clasificación.

Atendendo a súa forma de xestión, as televisións clasifícanse en:

-Públicas: a súa xestión será realizada directamente pola comunidade autónoma a través da correspondente entidade pública ou polos concellos, mediante concesión, a través das formas previstas no artigo 85.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

-Privadas: a súa xestión realizarase indirectamente mediante...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR