Decreto 356/2003, do 11 de setembro, polo que se establece o currículo da especialidade deportiva de grao medio correspondente ó título de técnico deportivo en fútbol sala.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

O Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, polo que se configuran como ensinanzas de réxime especial as conducentes á obtención de titulacións de técnicos deportivos, aproba as directrices xerais dos títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas e habilita as comunidades autónomas para establece-lo currículo das modalidades ou especialidades deportivas.

Pola súa parte, o Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, estableceu para a modalidade deportiva de fútbol o título de técnico deportivo na especia

lidade de fútbol sala, así como as súas ensinanzas mínimas e as probas e os requisitos de acceso a elas en consonancia co devandito Real decreto 1913/1997.

Pola súa vez, o artigo 19 do Real decreto 1913/1997 atribúelles ás respectivas administracións a competencia para establece-lo currículo dos correspondentes grao e modalidade, do que deben formar parte as ensinanzas mínimas.

Seguindo os principios xerais que rexen a actividade educativa nesta materia, o currículo das ensinanzas deportivas no ámbito territorial galego establécese de xeito que permita a adaptación da nova titulación ó eido profesional da realidade socioeconómica galega e ás necesidades de cualificación dos sectores productivos da nosa economía, tendo en conta a marxe suficiente de autonomía pedagóxica que lles posibilite ós centros adecua-la docencia ás características do alumnado e ó contorno sociocultural do centro.

Isto require o posterior desenvolvemento nas programacións elaboradas polo equipo docente das ensinanzas deportivas que concrete a adaptación sinalada, tomando como referencia inmediata as capacidades profesionais que definen o perfil profesional de cada un dos niveis nos que están organizadas as ensinanzas do título. Estas deberán permitir realiza-lo papel do posto de traballo en actividades específicas que producen resultados concretos, dirixi-las variacións que se dan na práctica do traballo e nos procesos productivos, actuar correctamente ante anomalías, dirixi-lo conxunto do traballo e acada-los obxectivos da organización, así como establecer prioridades e actuar en coordinación con outros departamentos.

O currículo que se establece neste decreto describe os obxectivos xerais que se fixan para cada nivel de ensinanzas, o conxunto de aptitudes que configura a cualificación profesional, así como os obxectivos para acadar dos distintos módulos formativos, expresados neste decreto como capacidades terminais, e os criterios de avaliación que definen en termos de resultados avaliables o comportamento, saber e comprender que se require do alumnado para acada-los logros profesionais do perfil profesional.

Estas capacidades terminais acádanse a partir duns contidos mínimos necesarios de tipo conceptual, procedemental e actitudinal, que proporcionarán o soporte de información e destreza preciso para desenvolver comportamentos profesionais, tanto no aspecto tecnolóxico como no de valoración funcional e técnica. Estes contidos son igualmente importantes, xa que todos eles levan a acada-las capacidades terminais sinaladas en cada módulo. Preséntanse agrupados en bloques que non constitúen un temario nin son unidades compartimentadas que teñan por si mesmas sentido; a súa estructura responde a aquilo que deberá ter en conta o profesorado á hora de elabora-las programacións de aula, e a orde na que se presentan non implica secuencia.

As ensinanzas de cada grao e nivel estructúranse agrupadas en bloques:

O bloque común está composto por módulos transversais de carácter científico-técnico xeral, que serán coincidentes e obrigatorios para tódalas especialidades deportivas.

O bloque específico ten os módulos de formación deportiva específica de carácter científico e técnico relacionados coa modalidade e especialidade deportiva á que se refire o título. Neste bloque integraranse os contidos que atinxan ás singularidades que requira a mellor e completa formación de cada modalidade e especialidade deportiva.

O bloque complementario abrangue os contidos que teñan por obxectivos formativos a utilización de cursos tecnolóxicos e as variacións da demanda social, así como a atención a outros aspectos que os centros desexen incorporar ó currículo.

Tamén forma parte da estructura das ensinanzas a formación práctica, constituíndose dentro dela coma un bloque de módulo único e independente. A formación práctica desenvolverase en institucións deportivas de titularidade pública ou en entidades privadas, así como no marco de programas de intercambio internacional, e realizarase ó supera-los bloques comúns, específicos e complementarios de cada nivel ou grao.

A inclusión do módulo de formación práctica (MFP) posibilita que o alumnado complete a competencia profesional acadada no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades productivas desenvolvidas no centro de prácticas. Estas actividades de referencia poden ser modificadas ou substituídas por outras que, adaptándose mellor ás actividades programadas no centro de prácticas, conduzan á adquisición das capacidades terminais deste módulo.

Os centros educativos disporán, no segundo nivel das ensinanzas dun determinado número de horas que lles permitirán realiza-lo desenvolvemento curricular establecendo os obxectivos, os contidos, os criterios de avaliación, a secuencia e a metodoloxía que respondan ás características do alumnado e ás posibilidades de formación que ofrece o seu contorno.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, co informe do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais e do Consello Escolar de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de setembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Perfil e currículo

Artigo 1º Identificación do título.
  1. Este decreto establece o currículo que será de aplicación na Comunidade Autónoma galega, con

    validez académica e profesional en todo o territorio do Estado, para o ensino de réxime especial relativo ó título de técnico deportivo na especialidade de fútbol sala regulado no Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as ensinanzas mínimas e se regulan as probas e os requisitos de acceso a estas ensinanzas:

  2. A denominación, o nivel de formación e a duración das ensinanzas son os que se establecen no punto 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º Validez académica e profesional do título.
  1. O título de técnico deportivo en fútbol sala obterase trala superación dos dous niveis de que constan as ensinanzas que regula este decreto. Será equivalente, para tódolos efectos, ó grao medio ó que se refire o artigo 35.2º da Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, e o artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

  2. A completa superación do primeiro nivel de grao medio das ensinanzas que se regulan neste decreto dará lugar á obtención do certificado de primeiro nivel na especialidade de fútbol sala.

Artigo 3º Perfil profesional.
  1. A competencia xeral, as capacidades profesionais, as unidades de competencia, as realizacións, a localización no ámbito deportivo, a responsabilidade nas situacións de traballo e a evolución da competencia que definen o perfil profesional do título son as que se establecen nos puntos 2 e 4 do anexo deste decreto.

Artigo 4º Currículo das ensinanzas.

O currículo das ensinanzas é o que se establece nos puntos 3 e 5 do anexo deste decreto. Os criterios de avaliación son os resultados avaliables das capacidades terminais de cada módulo.

Capítulo II

Ordenación académica e impartición

Artigo 5º Acceso ás ensinanzas.

Os requisitos de acceso ás ensinanzas deportivas son os que se expresan no punto 6.1 do anexo deste decreto.

Artigo 6º Profesorado.
  1. As especialidades do profesorado de centros sostidos con fondos públicos con atribución docente nos módulos formativos que compoñen este título son as que se expresan no punto 6.2 do anexo deste decreto.

  2. Os requisitos de titulacións que acreditan o profesorado para imparti-los módulos destas ensinanzas son os que se expresan no punto 6.2.2 no anexo deste decreto, ou as que foron declaradas equivalentes ou homologadas con elas.

  3. As equivalencias de titulación para efectos de docencia son as que se expresan no punto 6.2.3 do anexo deste decreto.

  4. As equivalencias de titulación para o seguimento dos bloques de formación práctica son as que se establecen no punto 6.2.4. do anexo deste decreto.

  5. A habilitación docente a expertos e especialistas recóllese no punto 6.2.5. do anexo deste decreto.

Artigo 7º Espacios, instalacións e equipamentos.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición das ensinanzas deportivas son os que se determinan no punto 6.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º Validacións, correspondencias e acceso a outros estudios.
  1. Os módulos formativos susceptibles de validación por estudios de formación ocupacional, correspondencia coa práctica laboral ou ben con outros estudios ou diplomaturas son os que se especifican no punto 6.4 do anexo deste decreto.

  2. As persoas que cursen estas ensinanzas poderán, unha vez que as superen, acceder ós bacharelatos en tódalas especialidades, tal e como se indica no punto 6.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º Criterios xerais para o desenvolvemento da avaliación destas ensinanzas.

A obtención do correspondente certificado de primeiro nivel ou do título correspondente ó grao medio das ensinanzas que se...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR