DECRETO 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

A Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, prevé na sección 4ª do capítulo IV do seu título II a rehabilitación das vivendas, e deixa ao desenvolvemento regulamentario os requisitos e as condicións das actuacións protexidas en materia de rehabilitación de edificios e vivendas e o réxime xurídico das actuacións nas áreas de rehabilitación integral (ARI).

Mediante o presente decreto preténdese regular os aspectos fundamentais dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e fixar as bases que permitan a xestión en Galicia dos programas previstos no Plan de vivenda 2013-2016 cando teñan efectividade as súas liñas, coa conseguinte publicación da orde ministerial prevista na disposición adicional décima do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

O decreto estrutúrase en tres capítulos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I, disposicións xerais, regula o obxecto e definicións do decreto.

O capítulo II, baixo o nome «A rehabilitación de vivendas», establece en tres seccións as liñas xerais dos programas autonómicos de rehabilitación, con especial incidencia na figura das áreas de rehabilitación integral, de grande implantación na nosa Comunidade, e debuxa as liñas xerais do fomento da rehabilitación en Galicia posibilitando a sinatura de convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para as actuacións de rehabilitación; a aprobación de programas de financiamento, consistentes na subsidiación de préstamos ou na concesión de axudas directas, que se tramitarán de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e a divulgación das entidades relacionadas coa rehabilitación, mediante o directorio de axentes en materia de rehabilitación.

O capítulo III, «Aplicación en Galicia dos programas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016», contén as directrices para a aplicación do referido plan en Galicia, considerando actuacións protexidas en materia de rehabilitación as que se realicen ao abeiro dos programas do plan.

Posibilítase que, sen prexuízo do que se poida determinar nos programas propios da Comunidade Autónoma de Galicia orientados ao fomento do alugamento, se poida realizar unha convocatoria do programa de axuda ao alugamento de vivenda regulado no Real decreto 233/2013, sempre que as vivendas e as persoas destinatarias cumpran os requisitos establecidos na normativa reguladora para ter dereito ás axudas.

O Real decreto 233/2013 non considera medidas de financiamento aplicables á promoción e adquisición das vivendas protexidas promovidas por un promotor privado nin, polo tanto, regula os condicionantes que deben cumprir estas vivendas para a súa cualificación ao abeiro do plan de vivenda, e tampouco contén un réxime transitorio como acontecía nos anteriores plans de vivenda. Por todo iso, e tendo en conta que no actual contexto socioeconómico o sector relacionado coa vivenda está resultando especialmente afectado pola crise, nas disposicións adicionais primeira e segunda do decreto regúlanse dúas cuestións relacionadas coa cualificación e modificación da titularidade das vivendas de protección autonómica.

A disposición adicional terceira declara vixentes as áreas de rehabilitación integral declaradas ao abeiro de normativas anteriores.

A disposición transitoria única regula o réxime dos expedientes en tramitación ou cualificados ao abeiro do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, que derroga o presente decreto.

Finalmente, na disposición derrogatoria, derrógase, ademais do Decreto 44/2011, o Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o programa Aluga para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, pero mantense a súa vixencia para o suposto de adxudicación directa do programa de realoxamento para as persoas afectadas de execucións hipotecarias e para as vivendas incorporadas ao programa Aluga con contrato de arrendamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día trece de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo IDisposicións xerais

Artigo 1 Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular os aspectos fundamentais dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, así como fixar as bases que permitan a xestión en Galicia das liñas previstas no Plan de vivenda 2013-2016 cando estas teñan efectividade coa conseguinte publicación da orde ministerial prevista na disposición adicional décima do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento de alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas, 2013-2016.

Artigo 2 Definicións

Para os efectos deste decreto, establécense as seguintes definicións:

  1. Unidade de convivencia:

    Entenderase por unidade de convivencia o conxunto das persoas que habitan e gozan dunha vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas.

  2. IPREM e ingresos da unidade de convivencia:

    1. O IPREM é o definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía, que se considera unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares, no seu cómputo anual, incluídas dúas pagas extras.

    2. As referencias ao cómputo de ingresos contidas no presente decreto entenderanse en todo caso feitas a todas as persoas da unidade de convivencia e referidas ao último exercicio fiscal co período impositivo vencido.

  3. Vivenda unifamiliar:

    É aquela vivenda situada nun edificio independente, cuxo uso predominante é o residencial, e no cal non existe ningunha outra vivenda.

  4. Vivenda unifamiliar no medio rural:

    Son as vivendas unifamiliares situadas nalgunha das seguintes...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR