DECRETO 56/2014, do 30 de abril, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE SANIDADE
Rango de LeyDecreto

O Real decreto 1030/2006, do 15 de setembro, polo que se establece a carteira de servizos comúns do Sistema Nacional da Saúde e o procedemento para a súa actualización, establece no seu anexo IX que, conforme o previsto no artigo 83 da Lei xeral de sanidade, na disposición adicional 22 do texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, no artigo 2.7 deste real decreto e demais disposicións que resulten de aplicación, os servizos públicos de saúde reclamarán aos terceiros obrigados ao pagamento o importe das atencións ou prestacións sanitarias facilitadas directamente ás persoas, incluído o transporte sanitario, a atención de urxencia, a atención especializada, a atención primaria, a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, as prestacións con produtos dietéticos e a rehabilitación, nos seguintes supostos:

  1. Asegurados ou beneficiarios do sistema de Seguridade Social pertencentes á Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado, Mutualidade Xeral Xudicial ou ao Instituto Social das Forzas Armadas, que non fosen adscritos, a través do procedemento establecido, a recibir asistencia sanitaria do Sistema Nacional de Saúde.

  2. Asegurados ou beneficiarios de empresas colaboradoras na asistencia sanitaria do Sistema de Seguridade Social, naquelas prestacións cuxa atención corresponda á empresa colaboradora conforme o convenio ou concerto subscrito.

  3. Accidentes de traballo ou enfermidades profesionais a cargo das mutuas de accidentes de traballo, do Instituto Nacional da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña.

  4. Seguros obrigatorios.

  5. Convenios ou concertos con outros organismos ou entidades.

  6. Cidadáns estranxeiros, nos supostos previstos.

  7. Outros obrigados ao pagamento:

  1. Accidentes acontecidos con ocasión de eventos festivos, actividades recreativas e espectáculos públicos no caso de que se subscribise contrato de seguro de accidentes ou de responsabilidade civil que cubra as continxencias derivadas destas actividades.

  2. Seguro escolar.

  3. Calquera outro suposto en que, en virtude de normas legais ou regulamentarias, o importe das atencións ou prestacións sanitarias deba ser a cargo das entidades ou terceiros correspondentes.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo II, do título II, o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos.

O artigo 47 da mencionada lei sinala que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade ofertante. Por outra banda, hai que ter en conta que polo Decreto 16/1991 foron asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e os servizos do Instituto Nacional da Saúde.

O artigo 48.5 da citada Lei 6/2003 establece que os prezos públicos poderán exixirse desde que se efectúa a entrega dos bens ou desde que se inicia a prestación dos servizos que xustifican a súa exixencia.

Así mesmo, o artigo 76 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece que corresponde á Consellería de Sanidade aprobar os módulos económicos para a prestación dos servizos propios, conveniados ou contratados do Servizo Galego de Saúde, así como a súa modificación.

En virtude do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, os ingresos procedentes da prestación de servizos sanitarios por parte das fundacións teñen a consideración de ingresos de dereito público, polo que é necesario incluír os prezos dos servizos prestados polas fundacións sanitarias neste decreto.

Por tanto, é necesario actualizar as tarifas ao custo real dos servizos prestados, deixando sen efecto o Decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados en centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias e o Decreto 100/2013, do 13 de xuño, polo que se modifica o Decreto 221/2012.

Na súa virtude, de conformidade co establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informe previos correspondentes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1 Obxecto
  1. Apróbanse as tarifas que figuran nos anexos I, II, III, IV e V deste decreto, aplicables aos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, a pacientes que non sexan beneficiarios da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario.

    Para a liquidación das tarifas contidas no anexo III considéranse terceiros obrigados ao pagamento as compañías privadas de saúde, naqueles supostos de transporte sanitario urxente de carácter vital cando o paciente, sexa ou non beneficiario da Seguridade Social, subscribise voluntariamente unha póliza con esa compañía, excepto que nas condicións do contrato estivese expresamente excluído ese transporte.

    Nos supostos de terceiros obrigados ao pagamento, por tratarse de gastos non financiables con ingresos da Seguridade Social (artigo 83 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade), cando o paciente non facilite os datos do terceiro obrigado para súa correcta facturación o gasto asistencial será pola súa conta.

    No suposto de accidentes producidos por vehículos sen seguro ou roubados, os gastos sanitarios ocasionados pola asistencia prestada á persoa que conduza o vehículo e aos acompañantes que coñecían as circunstancias do roubo ou do non aseguramento e o ocupaban voluntariamente, serán asumidos pola persoa que conduza e, se for o caso, polos ocupantes do vehículo.

  2. As tarifas contidas no anexo I serán aplicables á asistencia sanitaria prestada nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde (atención primaria e especializada).

  3. As tarifas recollidas nos anexos II, III, IV e V serán aplicables, respectivamente, pola Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía, pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e pola Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia.

Artigo 2 Facturación

A facturación realizarase coas tarifas vixentes no día da prestación do servizo e unha vez dispensada a asistencia sanitaria. Non obstante, de conformidade co artigo 48.5 da Lei 6/2003, cando existan indicios racionais de que o cobramento da asistencia sanitaria dispensada se poida ver frustrado ou gravemente dificultado, a facturación poderá realizarse cando se inicie a prestación da asistencia sanitaria.

Artigo 3 Tarifas de reembolso

Os prezos públicos fixados neste decreto serán considerados como tarifas de reembolso para os efectos da aplicación de instrumentos comunitarios en materia de reembolso de gastos de asistencia sanitaria transfronteiriza, en tanto non se establezan tarifas de reembolso a nivel estatal.

Disposición adicional única

De acordo co establecido nos números 4, 5, 10 e 11 do artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderá establecerse un procedemento para repercutir nos usuarios os gastos ocasionados polos mesmos como consecuencia do uso irresponsable das prestacións asistenciais do sistema público de saúde de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 221/2012, do 31 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados en centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias e o Decreto 100/2013, do 13 de xuño, polo que se modifica o Decreto 221/2012.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez FeijóoPresidente

Rocío Mosquera ÁlvarezConselleira de Sanidade

ANEXO IPrezos de servizos sanitarios prestados a pacientes que non sexan beneficiarios da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario

Tarifas
I. Atención Primaria:
A. Consultas.
1. Consulta médica.
Primeira consulta. 69,24
Consultas sucesivas. 34,62
Asistencia en urxencias. 256,87
2. Consulta médica con probas complementarias.
Primeira consulta. 85,99
Consultas sucesivas. 43,56
3. Consultas de enfermaría.
Consultas de enfermaría. 14,52
4. Consulta médica e de coidados de enfermaría.
Primeira consulta.
a) Con probas. 102,74
b) Sen probas. 82,66
Consultas sucesivas.
a) Con probas. 51,36
b) Sen probas. 41,34
Consultas de urxencias. 268,34
5. Consultas a domicilio.
5.1. Consulta médica.
Primeira consulta.
a) Con probas. 102,74
b) Sen probas (esta última tarifa –primeira consulta sen probas– tamén será aplicable nos supostos de asistencia sanitaria prestada polos facultativos do Servizo Galego de Saúde cando sexa requirida pola policía xudicial a súa presenza no lugar dos feitos (Lei 38/2002, do 24 de outubro). 82,67
Consultas sucesivas.
a) Con probas. 51,36
b) Sen probas. 41,35
5.2. Consultas enfermaría.
Primeira consulta.
a) Con probas. 54,84
b) Sen probas. 41,19
Consultas sucesivas.
a) Con probas. 27,43
...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR