Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Rango de LeyDecreto

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, creou no seu artigo 21 o Rexistro Público de Demandantes de Vivendas de Protección Autonómica (VPA), que foi desenvolvido pola Orde do 29 de xaneiro de 2007 pola que se regula o Rexistro Público de Demandantes de Vivendas de Protección Autonómica.

Posteriormente, o Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante IGVS), creou e regulou o Rexistro Público de Demandantes de Vivendas de Protección Oficial de Promoción Pública (VPP), que foi desenvolvido pola Orde do 31 de marzo de 2008 pola que se integran ambos rexistros existentes e se constitúe o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida de Galicia.

Ambos os rexistros creáronse como rexistros únicos para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia, recolle no seu artigo 50 o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, establecendo que a consellería competente en materia de vivenda manterá actualizado un Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e determinando que o seu procedemento e requisitos se desenvolverán regulamentariamente.

Así mesmo, o artigo 3.1.b e a disposición transitoria sexta do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación, establece a obriga de que os demandantes de vivenda e financiamento acollidos ao citado real decreto deberán estar inscritos nun rexistro público de demandantes creado e xestionado de conformidade co que dispoña a normativa da comunidade autónoma.

Por último, o artigo 77.2º da Lei de vivenda de Galicia sinala que as vivendas que se incorporen ao programa de vivenda en aluguer deberán estar situadas en concellos con demanda real de vivenda en aluguer de conformidade cos datos que deriven do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.

Este decreto, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, dítase co fin de mellorar o funcionamento do rexistro e darlles solución aos problemas que se viñan detectando na adxudicación das vivendas protexidas, especialmente nos casos de vivendas de protección autonómica (VPA), nos cales se producían enormes atrasos, era necesario en moitos casos realizar varios sorteos para a adxudicación das vivendas e, polo tanto, era un procedemento lento e totalmente inoperativo que prexudicaba os solicitantes e supoñía un serio atranco para a promoción de vivendas protexidas.

Preténdese dotar o rexistro da eficacia e celeridade adecuadas co obxectivo mencionado de simplificar e axilizar o procedemento de adxudicación, e adaptalo ao establecido na Lei 18/2008. Así, en dito rexistro centralizarase toda a información relativa á demanda de vivenda protexida, o que contribuirá a facilitar os datos precisos para a xestión e control da adxudicación das vivendas, ao mesmo tempo que proporcionará unha información actualizada que permitirá que as distintas administracións públicas actuantes poidan adecuar as súas programacións de vivenda protexida ou de reservas de solo á demanda real existente, co obxecto de aproximarse ao principio constitucional de garantir o acceso á vivenda.

O novo Rexistro de Demandantes de Vivenda contará inicialmente con tres seccións diferenciadas: demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública promovidas polo IGVS, demandantes de vivendas de promoción pública de núcleos rurais e núcleos históricos, e demandantes de vivendas de promoción privada ou doutros promotores públicos. Establécese, así mesmo, a posibilidade de creación doutras seccións para inscrición dos demandantes acollidos a outros programas de acceso á vivenda con axudas públicas.

Establécese neste decreto que, no momento de inscribirse no rexistro, os demandantes deberán acreditar o cumprimento dos requisitos necesarios para ser titular dunha vivenda protexida ou acceder a unha vivenda con axudas públicas, de tal xeito que unicamente figuren inscritos aqueles demandantes que reúnan tales requisitos; conséguese así que o rexistro sexa un instrumento válido e veraz para saber a demanda real de vivendas protexidas en cada localidade, ao coñecer o número de demandantes existentes para cada réxime de vivenda.

Así mesmo, establécese un procedemento áxil e transparente para a adxudicación das vivendas, respectando a capacidade de elección dos solicitantes e garantindo a igualdade de posibilidades no acceso ás vivendas dos demandantes inscritos, tanto para as vivendas de promoción pública como para as de promoción privada e que, ao mesmo tempo, se converta nun instrumento que fomente, potencie e dinamice a construción de vivendas protexidas na comunidade autónoma, conciliando adecuadamente a oferta e a demanda deste tipo de vivendas.

Recóllese tamén no decreto unha situación transitoria para os procedementos iniciados ao abeiro da anterior normativa e sinálase a obrigatoriedade de que todos os solicitantes inscritos no Rexistro adecuen a inscrición aos requirimentos previstos neste decreto no prazo máximo de catro meses.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co Ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como das acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, de conformidade co establecido nos artigos 50, 52 e 77.2º da Lei de vivenda de Galicia e no artigo 3.1b) do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Artigo 2º Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º Natureza do rexistro.

O rexistro terá carácter administrativo, será público e único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º Órgano responsable.

O órgano responsable do rexistro é o director ou directora xeral do IGVS, ante o que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación dos datos persoais. O exercicio do dereito de cancelación dos datos persoais comportará a baixa da unidade familiar ou de convivencia do rexistro como solicitante de vivenda.

Artigo 5º Información.

Co fin de facilitar aos/ás cidadáns o coñecemento sobre os requisitos e funcionamento do rexistro, o IGVS adoptará as medidas oportunas para dispoñer da información necesaria nas áreas provinciais e nos servizos centrais do IGVS, na páxina web do citado organismo e no teléfono número 881 99 94 50.

Artigo 6º Protección de datos.
  1. Os datos contidos no rexistro son os identificativos dos/as que formen parte das unidades familiares ou de convivencia demandantes de vivenda. Os ditos datos serán achegados voluntariamente polo/a solicitante e, sempre que conste autorización deste, poderán ser obtidos de oficio pola Administración.

  2. Os datos do rexistro poderán ser comunicados a outras administracións públicas, entidades ou institucións públicas cando estas sexan responsables dun procedemento de adxudicación de vivendas de protección autonómica e de protección oficial de promoción pública. En todo caso, a comunicación ou cesión de datos do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia a terceiros terá lugar conforme o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

  3. As medidas de seguridade do rexistro son as correspondentes o nivel alto, consonte o establecido no Real decreto 1720/2007, do 21...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR