Decreto 180/2004, do 29 de xullo, de modificación da ordenación provisional contida no anexo do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas.

SecciónIII. Outras Disposicións
EmisorCONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA
Rango de LeyDecreto

O Decreto autonómico 207/2002, do 20 de xuño, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 119, do 21

de xuño de 2002 (corrección de erros no DOG nº 127, do 3 de xullo) dispuxo, de conformidade co disposto polo artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, suspender, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, establecendo que a suspensión determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se insire como anexo no citado decreto.

A ordenación provisional establecida polo decreto ten carácter eminentemente transitorio e cautelar coa finalidade de garantir que a edificación que poida realizarse durante o período transitorio non faga inviables as posibles solucións que lle corresponde adoptar ao futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal que é o instrumento de ordenación urbanística integral do termo municipal que definirá o modelo de convivencia e establecerá a ordenación urbanística definitiva.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas acordou formular o Plan Xeral de Ordenación Municipal, de conformidade coa nova Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e contratou os traballos de elaboración do plan, actualmente en redacción.

Con fundamento nos traballos xa realizados polo equipo redactor do plan, elaborouse por instancia do Concello de Ponteareas a proposta de modificación da ordenación provisional contida no anexo do Decreto 207/2002, que foi aprobada polo Pleno da Corporación municipal en sesión que tivo lugar o 16 de febreiro de 2004, por maioría absoluta legal, e trasladada á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A nova Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na súa disposición transitoria primeira, número 2, establece que:

Os decretos autonómicos de suspensión do planeamento urbanístico que foron ditados antes da entrada en vigor desta lei manterán a súa plena eficacia ata a aprobación definitiva do correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal, coas seguintes especificacións:

a) Ao solo urbano aplicaráselle o réxime establecido por esta lei para o solo urbano e a ordenación provisional establecida nos correspondentes decretos.

b) No solo apto para urbanizar e no solo non urbanizable será de aplicación integramente o disposto nesta lei para o solo rústico.

c) Nos núcleos rurais tradicionais delimitados será de aplicación o disposto nesta lei para o solo de núcleo rural.

.

En consecuencia, segundo o mandato da Lei 9/2002, mantense a suspensión do planeamento urbanístico de Ponteareas ata a aprobación definitiva do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal; pero nada obsta para que se modifique a ordenación provisional contida no anexo do citado Decreto 207/2002, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas, ao abeiro do disposto polo artigo 96 da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A nova ordenación provisional elaborouse con base na proposta presentada polo concello e aprobada polo Pleno da Corporación de Ponteareas e acomódase ao réxime establecido pola vixente Lei 9/2002. Trátase de posibilitar a edificación no ámbito do solo urbano consolidado con estrita suxeición aos criterios establecidos polo artigo 46.1º de modo que a altura, o volume e o fondo máximo edificables non superan o das edificacións existentes que foron construídas ao abeiro do planeamento suspendido.

En todo caso, a ordenación provisional non compromete a futura ordenación urbanística e resulta coherente coa estratexia, as directrices e os obxectivos xerais do plan xeral actualmente en elaboración polo Concello de Ponteareas.

Para a aplicación das novas ordenanzas provisionais apróbase o plano no que se reflicte o perímetro do solo urbano consolidado e o ámbito de aplicación de cada ordenanza neste tipo de solo que figura no expediente tramitado pola Dirección Xeral de Urbanismo e obxecto de informe favorable pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Na súa virtude, de conformidade co establecido pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o texto da ordenación provisional contido no anexo do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, que queda redactado segundo o texto que se insire no anexo deste decreto.

Así mesmo, para a aplicación das ordenanzas provisionais, apróbase o plano no que se reflite o perímetro do solo urbano consolidado e o ámbito de aplicación de cada ordenanza neste tipo de solo, que figura no expediente tramitado pola Dirección Xeral de Urbanismo e obxecto de informe favorable pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO

Ordenación provisional

  1. Condicións xerais de edificación en solo urbano.

    1.1. Para edificar no solo urbano de Ponteareas, os terreos deberán reunir os...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR