Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA
Rango de LeyDecreto

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, define, clasifica e establece normas de carácter xeral dos campamentos de turismo nos seus artigos 41 ao 44, remitíndose ao establecido regulamentariamente, no referente aos requisitos de instalación, apertura e condicións mínimas exixidas a cada categoría.

Na actualidade os campamentos de turismo están regulamentados no Decreto 236/1985, do 24 de outubro. Nesta disposición sinálanse os requisitos urbanísticos, sanitarios e de protección ambiental, establécense as condicións de seguridade e vixilancia, as instalacións e servizos mínimos exixibles en cada categoría, e préstase unha especial atención á localización destes aloxamentos para garantir a seguridade dos seus usuarios.

Non obstante, a experiencia adquirida nestes anos revela a necesidade de adecuar a normativa á nova

realidade turística, actualizando tanto os requisitos de instalación, funcionamento e servizos dos campamentos como o seu réxime administrativo.

Entre as principais novidades que introduce esta disposición cabe destacar, en primeiro lugar, o incremento da superficie mínima exixida para a instalación do campamento de turismo, que pasa de 5.000 m a 8.000 m.

Así mesmo, establécese unha regulación pormenorizada dos requisitos e condicións mínimas que deben reunir as construcións fixas, distinguindo entre as construcións de carácter permanente desde o punto de vista construtivo e aquelas instalacións prefabricadas tipo cabana, bungalow ou mobile-home. Para estas construcións, en consonancia coa Lei 10/2004, do 2 de novembro, de modificación da Lei 9/1997, posibilítase a súa instalación ata un máximo do cincuenta por cento da oferta total de prazas do campamento.

Por outra banda, cabe salientar a nova regulamentación que o decreto dispón para a obtención da preceptiva autorización turística dos campamentos, simplificándose os trámites procedimentais nos seguintes termos:

Substitúese a obrigatoria consulta sobre as posibilidades legais do campamento por unha potestativa solicitude de informe previo indicativo. Así, o interesado que proxecte instalar un campamento de turismo, antes de iniciar calquera clase de obra ou actuación, pode solicitar un informe previo indicativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nesta norma. Este informe determinará a viabilidade do proxecto para efectos da Administración turística.

Elimínase a autorización de instalación e o sistema de dobre autorización existente ata agora -provisional e definitiva- por unha única autorización definitiva.

Outras novidades introducidas por esta disposición son a ordenación do réxime de prezos, a regulamentación dos requisitos da póliza de responsabilidade civil que deberá contratarse para o exercicio da actividade e os procedementos de autorización turística para as construcións fixas, para modificacións ou reformas substanciais, para os cambios de titularidade e as baixas.

En definitiva, a presente norma pretende ser un instrumento útil e axeitado á nova realidade dos campamentos de turismo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co ditame do Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º Ámbito de aplicación.
  1. Esta disposición regula a actividade de aloxamento na modalidade de campamentos de turismo, así como os dereitos e obrigas dos seus usuarios e usuarias. Os servizos destes establecementos poden ser utilizados por calquera persoa mediante o pagamento do prezo.

  2. Enténdese por campamento de turismo, tamén denominado cámping, o espazo de terreo debidamente delimitado, dotado e acondicionado para a súa ocupación temporal por persoas que pretendan facer vida ao aire libre con fins vacacionais ou de ocio e que pasen a noite en tendas de campaña, albergues móbiles, remolques, caravanas ou outros elementos similares facilmente transportables, así como en construcións fixas destinadas ao aloxamento temporal, sempre que se trate de edificacións independentes ou pareadas de planta baixa e que sexan explotadas polo titular do establecemento. Estes asentamentos e construcións fixas non terán en ningún caso carácter de residencia habitual.

Artigo 2º Exclusións.

As disposicións desta norma non serán de aplicación aos albergues e campamentos xuvenís, centros e colonias de vacacións escolares, fixos ou itinerantes, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 3º Competencias da consellería competente en materia de turismo.

Dentro do ámbito territorial de Galicia e sen prexuízo doutras competencias, correspóndelle á consellería competente en materia de turismo:

  1. Autorizar a apertura e peche dos citados establecementos.

  2. Fixar e, se é o caso, modificar as categorías dos mesmos.

  3. Vixiar o cumprimento das disposicións vixentes en materia de prezos.

  4. Regular e inspeccionar as condicións de funcionamento dos cámpings para asegurar en todo momento o perfecto estado das súas instalacións, a correcta prestación dos servizos e o bo trato dispensado á clientela.

  5. Arbitrar as medidas adecuadas para o fomento e proteccións destes establecementos.

  6. Tramitar e resolver as reclamacións que poidan formularse en relación coas materias suxeitas a esta disposición.

  7. Impoñer as sancións que procedan polo incumprimento das disposicións vixentes.

  8. Adoptar as medidas de ordenación que considere convenientes para o desenvolvemento desta actividade, naqueles aspectos que, directa ou indirectamente, poidan incidir sobre o turismo.

Capítulo II

Prohibición da libre acampada e regulación

da acampada itinerante

Artigo 4º Prohibición da libre acampada.
  1. Conforme a Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, queda expresamente prohibida a libre acampada en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para os efectos desta lei enténdese por acampada libre a realizada fóra dos campamentos de turismo.

  2. Non obstante, poderanse realizar acampadas itinerantes, de acordo co que se estableza regulamentariamente, respectando os dereitos de propiedade e do uso do solo.

  3. Enténdese por acampadas itinerantes as realizadas fóra dos campamentos de turismo...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR