Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, nos seus niveis e graos, nas súas modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ordena un sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación que poida responder con eficacia e transparencia as demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. Con este fin créase o Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional, en cuxo marco se deben orientar as accións formativas programadas e desenvolvidas en coordinación coas políticas activas de emprego e de fomento da libre circulación dos traballadores e das traballadoras.

A citada lei define a formación profesional como un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das profesións, o acceso ao emprego e a participación activa na vida social, cultural e económica, e abrangue as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, así como as accións orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais. A lei establece como un dos fins do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional o de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.

Así mesmo, establece que a Administración xeral do Estado, de conformidade co que se dispón no artigo 149.1.30ª e da Constitución española, e logo de consulta ao Consello Xeral de Formación Profesional, determinará os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade que constitúan as ofertas de formación profesional referidas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, creado pola propia lei e regulado polo Real decreto 1128/2003, do 5 de setembro, modificado polo Real decreto 1416/2005, cuxos contidos poderán ampliar as administracións educativas, no ámbito das súas competencias. Os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade terán carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado, e serán expedidos polas administracións competentes, a educativa e a laboral, respectivamente.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que estes centros ofrecerán e impartirán formación profesional inicial ou regrada, e formación para o emprego referida ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e contribuirán a alcanzar os seus fins. No seu artigo 11, establece que lles corresponde ás administracións educativa e laboral, cada unha no ámbito das súas respectivas competencias, a inspección dos centros integrados de formación profesional, polo que cómpre adecuar a organización dos servizos de inspección educativa atendendo ás singularidades destes centros.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que o Goberno do Estado, logo de consulta ás comunidades autónomas, establecerá as titulacións correspondentes aos estudos de formación profesional, así como os aspectos básicos do currículo de cada unha delas. Así mesmo, establece no seu capítulo III que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias básicas, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas pola citada lei.

No artigo 30.2º, da mesma lei, establécese que o obxectivo dos programas de cualificación profesional inicial é que todo o alumnado alcance competencias profesionais propias dunha cualificación de nivel 1 da estrutura actual do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais creado pola citada Lei 5/2002, así como que teñan a posibilidade dunha inserción sociolaboral satisfactoria e amplíen as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, estableceu no seu capítulo II a estrutura dos títulos de formación profesional, tomando como base o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, as directrices fixadas pola Unión Europea e outros aspectos de interese social. Os títulos de formación profesional ordénanse en familias profesionais, e as ensinanzas conducentes á súa obtención organízanse en ciclos formativos, en módulos profesionais asociados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e en módulos profesionais non asociados ás citadas unidades.

No mesmo capítulo II, conforme o establecido na disposición adicional terceira da Lei orgánica 5/2002, determina que se establecerá en módulos específicos a formación relacionada coas áreas prioritarias de tecnoloxías da información e da comunicación, idiomas e prevención de riscos laborais, naqueles ciclos formativos cuxo perfil o exixa. Nos demais ciclos formativos, esta formación incorporarase de maneira transversal nos módulos profesionais que forman o título, sen prexuízo doutras solucións que as administracións educativas poidan habilitar respecto dos idiomas.

No seu capítulo IV, dedicado á definición do currículo polas administracións educativas, determina que estas, no ámbito das súas competencias, establecerán os currículos correspondentes ampliando e contextualizando os contidos dos títulos á realidade socioeconómica do territorio da súa competencia, e respectando o seu perfil profesional.

O acceso, a admisión e a matrícula regúlanse de xeito que as ensinanzas conducentes aos títulos de técnico e de técnico superior permitan a configuración de vías formativas adaptadas ás necesidades e aos intereses persoais, así como o tránsito da formación ao traballo, e viceversa.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece no artigo 9 que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a lles proporcionar, tanto ás mulleres coma aos homes, unha educación para a igualdade.

Cómpre, xa que logo, dispormos dun marco normativo que regule a formación profesional do sistema educativo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e que permita...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR