Decreto 239/2008, do 25 de setembro, polo que se establece o currículo de nivel avanzado das ensinanzas de réxime especial de idiomas.

SecciónI. Disposicións Xerais
EmisorCONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
Rango de LeyDecreto

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 59, 60, 61 e 62 as ensinanzas de idiomas de réxime especial e establece que estas se organizarán en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. En consonancia co disposto no artigo 6.2º da dita lei, o goberno fixou no Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, os aspectos básicos do currículo que constitúen as respectivas ensinanzas mínimas nos niveis intermedio e avanzado, co fin de asegurar unha formación común e garantir a validez dos certificados correspondentes.

Seguindo as indicacións do Consello de Europa, no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), a aprendizaxe de idiomas e a súa certificación organízanse nunha serie de niveis comúns ordenados en graos de competencia lingüística progresivamente máis amplos, e ligados a distintos contextos sociais de uso da competencia comunicativa. O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas promove, igualmente, o coñecemento das diversas linguas e culturas.

Igualmente, a decisión 1720/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de novembro de 2006, establece un programa de acción no ámbito da aprendizaxe permanente ata o 2013 (PAP), e recolle entre os seus obxectivos a promoción da aprendizaxe das linguas e a diversidade lingüística, así como favorecer a aprendizaxe permanente de persoas de todas as idades.

Neste contexto, as ensinanzas especializadas de idiomas van dirixidas a aquelas persoas que desexan, ao longo da súa vida, adquirir ou perfeccionar as súas competencias nunha ou varias linguas estranxeiras, sexa con fins xerais ou específicos, así como obter para o mercado laboral unha certificación transparente do seu nivel de competencia no uso das devanditas linguas.

A publicación do Decreto 191/2007, do 20 de setembro (DOG do 9 de outubro), polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, establece o contexto e a ordenación das novas ensinanzas de idiomas de réxime especial, de implantación nas escolas oficiais de idiomas a partir do curso escolar 2007/2008.

Nel establécense os efectos dos certificados acreditativos da superación das exixencias académicas correspondentes aos diferentes niveis. Igualmente, establece o currículo do nivel básico, así como o do nivel intermedio, incorporando neste as ensinanzas mínimas fixadas polo citado Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro; regula o procedemento para que as escolas oficiais de idiomas poidan impartir cursos especializados para o perfeccionamento de competencias en idiomas tanto nos niveis básico, intermedio e avanzado como nos niveis C1 e C2, de maneira que estes centros contribúan, mediante a optimización dos seus recursos, a dar resposta ás necesidades de formación dos distintos colectivos educativos e profesionais no ámbito das linguas estranxeiras.

Esta norma recolle as ensinanzas mínimas fixadas polo citado Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, complementa o Decreto 191/2007, do 20 de setembro, e establece o currículo do nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto e ámbito de aplicación.
  1. Este decreto establece o currículo do nivel avanzado dos idiomas seguintes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, galego, español como lingua estranxeira e xaponés.

  2. Este decreto é de aplicación nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas seccións.

Artigo 2º Currículo.
  1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo o conxunto de obxectivos, competencias, contidos, principios metodolóxicos e criterios de avaliación que constitúen as ensinanzas de nivel avanzado establecidas no artigo 3 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro.

  2. O currículo para o nivel será o que se inclúe no anexo I deste decreto.

  3. Segundo establece o Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, o dito currículo desenvolverase mediante o proxecto educativo de centro e as correspondentes programacións didácticas en que deberán constar, polo menos, a secuencia de obxectivos, contidos e criterios de avaliación; os mínimos exixibles, os criterios de cualificación e de promoción, o enfoque metodolóxico, a atención á diversidade e a acción titorial.

    No desenvolvemento do proxecto educativo de centro, así como nas programacións didácticas, teranse en conta as especificacións que se establecen na Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, especialmente no seu artigo 9.1º, así como as prescricións do artigo 24 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, como garantía dunha educación acorde co principio de igualdade.

  4. O profesorado desenvolverá a súa actividade docente de acordo co establecido no proxecto educativo e na programación didáctica do idioma correspondente.

Artigo 3º Nivel avanzado.
  1. O nivel avanzado terá como referencia as competencias propias do nivel B2, segundo se definen no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa.

  2. O nivel avanzado ten a finalidade de capacitar, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, para a utilización do idioma oralmente e por escrito con fluidez, flexibilidade e eficacia, en situacións comunicativas diversas, relativas a temas coñecidos ou propios do campo de especialización do falante, que requiran comprender e producir textos de certa complexidade lingüística, en lingua estándar, nunha variedade de rexistros, e que conteñan expresións, estruturas e locucións idiomáticas variadas e frecuentes, e riqueza léxica. Este nivel de uso do idioma deberá permitir, igualmente, actuar mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de forma directa, e garantir a relación fluída entre falantes e culturas.

Artigo 4º Principios metodolóxicos.
  1. As ensinanzas de idiomas de nivel avanzado estarán orientadas cara ao desenvolvemento das destrezas lingüísticas comunicativas, polo que se deberá abordar o ensino do idioma desde unha perspectiva de uso. Para iso, deberase concibir a aula como un espazo en que se dean situacións comunicativas reais ou simuladas nas cales o estudantado participe activamente. Nestas situacións procurarase activamente a erradicación de comportamentos ou linguaxe sexista e o cuestionamento de estereotipos de xénero desigualitarios.

  2. Os enfoques metodolóxicos estarán orientados á acción e crearán contextos de aprendizaxe que, por unha parte, axuden a cada estudante a atopar as súas propias estratexias de aprendizaxe e que, pola outra, fomenten a autonomía do alumnado para que poida aproveitar ao máximo todas as ocasións para mellorar a súa capacidade de comunicación tanto na aula como fóra dela.

Artigo 5º Certificacións.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirá, por proposta das escolas oficiais de idiomas, os certificados correspondentes ao nivel avanzado do alumnado que supere as exixencias académicas establecidas para ese nivel. Os certificados correspondentes aos niveis básico e intermedio serán expedidos polas propias escolas oficiais de idiomas.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

Queda derrogado o artigo 19.5º do Decreto 191/2007, do 20 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas de idiomas de réxime especial e os currículos dos niveis básico e intermedio, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e comezará a aplicarse a partir do ano escolar 2008-2009.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Nivel avanzado

O currículo do nivel avanzado das ensinanzas de idiomas de réxime especial, obxecto deste decreto, ten a finalidade de dar resposta ás necesidades dunha comunicación eficaz na sociedade actual, plurilingüe e pluricultural.

O proceso de ensino e aprendizaxe de idiomas parte dun modelo de lingua entendida como vehículo de comunicación, tal e como se define no Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación (MECR) e na Lei orgánica de educación (LOE), do 3 de maio de 2006 (BOE do 4 de maio). O nivel avanzado das ensinanzas de idiomas ten como referencia o nivel de competencia B2 do MECR: os obxectivos xerais e específicos para cada unha das destrezas, a selección de contidos e os criterios xerais de avaliación son coherentes co establecido para este nivel e co enfoque orientado á acción polo que se pronuncia o MECR.

Este modelo de ensino-aprendizaxe baséase na concepción da competencia comunicativa entendida como a capacidade de uso do idioma, que abrangue...

Para continuar leyendo

Solicita tu prueba

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR